Historia da filosofía occidental

A aparición da filosofía occidental desenvólvese na antiga Grecia, hai 2.500 anos, e descríbese como "o paso do mito aos logos".[1] Os mitos son narracións extraordinarias protagonizadas por seres divinos ou sobrenaturais, que se refiren a sucesos fantásticos ou lendarios, e non teñen só a función de satisfacer a curiosidade intelectual, senón que serven tamén para organizar e configurar as relacións persoais e sociais. Pola contra, os logos indican unha reflexión argumentada e razoada baseada na observación da natureza que non recorren a factores sobrenaturais para explicar a orixe e a estrutura do mundo, da sociedade ou dos seres humanos ("pensamento racional").[2]

Historia da Filosofía Occidental

Elementos de Euclides. A xeometría foi fundamental para o desenvolvemento do pensamento grego
Historia pensamento filosófico de Occidente
Cronoloxía Final da prehistoria (comezos da escrita) até o século XXI
Categoría Filosofía
Prehistoria
Orixes do pensamento racional e mítico
Idade Antiga
Século -X
Emerxencia dos textos védicos. Ao longo da historia o pensamento occidental e oriental exerceron influencias mutuas e recíprocas.
Século -VIII
Primeiros textos filosóficos gregos.
Século -VI
Pensadores presocráticos comezan a explorar cun pensamento sistemático o cosmos e a natureza.
Século -V
Sócrates cuestiona a ética e a moralidade.
Século -IV
Platón funda a Academia e Aristóteles o Liceo.
Século -I
Cícero e a harmonización do pensamento grecorromano.
Século IV
Agostiño de Hipona integra o cristianismo coa filosofía platónica.
Idade Media
Século VI
Boecio tenta preservar o saber grego antigo.
Século IX
Traducións árabes dos textos gregos.
Século XI
Anselmo de Canterbury e o argumento ontolóxico.
Século XIII
Tomás de Aquino sintetiza a filosofía aristotélica coa teoloxía cristiana.
Século XIV
Guillerme de Occam propón a navalla de Ockham como principio para simplificar explicacións
Idade Moderna
Século XV
Humanismo do Renacemento; revalorización do saber clásico.
Século XVI
Descartes establece o fundamento do racionalismo.
Século XVII
Spinoza e Leibniz desenvolven sistemas filosóficos complexos.
Século XVIII
Ilustración e crítica da razón pura por Immanuel Kant.
Idade Contemporánea
Século XIX
Hegel e Karl Marx, entre outros, reinterpretan a historia e a sociedade, buscando xerar un pensamento político científico.
Século XX
O existencialismo e a filosofía analítica dominan o pensamento.
Século XXI
A filosofía enfróntase ás cuestións éticas e políticas nun mundo globalizado e dixitalizado.

Non obstante, os mitos non posúen o valor de coñecemento válido no mesmo sentido que a razón, pero poden cumprir funcións importantes na filosofía.[3] Por exemplo, Platón nas súas obras utilizaba os mitos (coñecidos logo como mitos platónicos, por exemplo o mito da caverna) para a argumentación lóxica dos temas filosóficos.

Época clásica da filosofía grega

editar
Artigo principal: Filosofía grega.

A época de maior esplendor comprende os séculos -V e IV a. C., e os protagonistas principais foron Sócrates, Platón e Aristóteles.

  • Sócrates buscaba o saber mediante o método de pregunta e resposta, un concepto ou unha definición das verdades e os valores que fose considerado universalmente válido.
  • Platón seguiu as ensinanzas de Sócrates e realizou a primeira formulación racional e sistemática de conceptos tan básicos como os de ciencia, moral, beleza ou política. Defendeu a necesidade de establecer as condicións do saber científico como un saber seguro e indiscutible. Co fin de difundir estas doutrinas creou a primeira universidade da historia, a Academia de Atenas.
  • Aristóteles foi discípulo de Platón e iniciador de moitas das nosas actuais ciencias (bioloxía, física, astronomía, lóxica, ética, política, etc.). Pero sobre todo destacou por descubrir a metafísica. Foi o encargado de educar o príncipe Alexandre e tamén fundou unha escola en Atenas coñecida como Liceo.

Antigüidade e Idade Media

editar
Artigo principal: Filosofía medieval.

Os gregos incorporaron como tarefa propia da filosofía a formulación racional fronte ao mítico-relixioso de cuestións pertencentes ao ámbito da filosofía práctica, como a da orixe e o destino do home, ou a da educación para conducirse rectamente na vida. Tras a morte de Platón e Aristóteles, a filosofía práctica adquiriu máis importancia ca a filosofía teórica e "filosofía" veu significar, sobre todo, un estilo de vida: a busca intelixente da felicidade persoal.

Durante a Idade Media, considerouse que a filosofía grega fora un produto insuperable da razón e non se aspiraba a cambiala, aínda que, debido á importancia de relixións como o cristianismo, o xudaísmo ou o islamismo, a filosofía serviu de instrumento para reforzar, xustificar e defender estas relixións.

 
Retrato de Immanuel Kant, c. 1790.

A filosofía moderna

editar
Artigo principal: Filosofía moderna.

A fusión do pensamento grego co monoteísmo xudeocristián durante a Idade Media consolidou as bases do que hoxe coñecemos como civilización occidental e fixo xurdir cuestións filosóficas moi importantes. Esta síntese sentou as bases para o desenvolvemento da escolástica medieval.[5] A partir do Renacemento, a filosofía desenvolveuse independente dos intereses relixiosos. Este esforzo culminou na obra de René Descartes, iniciador da filosofía moderna, que intentou liberala da tradición medieval e da tradición grega. Un punto de partida radical accesible só mediante o exercicio individual, autónomo e crítico da propia razón.

Pero sobre todo foi Kant, na súa obra Crítica da razón pura,[6] quen renovou a concepción da filosofía. A metafísica, entendida como saber sobre a totalidade do real, non é unha ciencia, e obrigou a que a filosofía se concibise como un conxunto de tarefas con pretensións máis modestas. Con todo, o desenvolvemento científico levou a explorar as preguntas éticas e epistemolóxicas suscitadas polos novos paradigmas, como a teoría da evolución, xerando a filosofía da evolución que discute temas como a natureza do cambio biolóxico e o seu papel na explicación da biodiversidade e complexidade da vida, ou dun xeito máis xeral, a filosofía da ciencia, que procura entender e analizar os fundamentos, métodos, e implicacións da ciencia, cuestionando como definimos o coñecemento científico e o seu impacto na sociedade.

 
Foto de Friedrich Nietzsche nunha edición da súa obra Also sprach Zarathustra. Ein Buch für Alle und Keinen.

A filosofía hoxe

editar
Artigo principal: filosofía posmoderna.

Un exercicio de crítica racional

editar

O máis característico da filosofía actual é que xa non existe un concepto unitario, entendido como un conxunto de respostas claras e xeralmente para as preguntas últimas: "quen somos?", "de onde vimos?", "que sentido ten a nosa vida?". Actualmente, a filosofía consiste en exercitar a acción de pensar de xeito racional, crítico e autónomo sobre toda forma de coñecemento e de acción humana

A filosofía non ten a misión de lle proporcionar ao ser humano respostas seguras, verdadeiras e definitivas, tal como fai a relixión. A filosofía é, máis ben, certo xeito de preguntar, unha interrogación continua e crítica sobre o que existe e os seus modos de ser. Con todo, a filosofía da relixión é unha disciplina filosófica que se centra en temas e conceptos centrais das tradicións relixiosas,[7] desde as súas orixes na antigüidade clásica até a actualidade, cunha perspectiva contemporánea ou historicista e retrospectiva.[7]

Un preguntar que non ten fin

editar

En filosofía, criticar non consiste en falar mal de algo ou de alguén, senón que é un xeito de pensar e de argumentar que busca mirar sempre por detrás das nosas certezas para tratar de sacar á luz os prexuízos e os intereses enmascarados tras un exame crítico dos problemas.

Na actualidade, a filosofía diríxese cara á clarificación das distorsións da linguaxe que obstaculizan o desenvolvemento e a comunicación do saber. Recórdanos que a visión do mundo e das cousas que ten todo ser humano ou toda a sociedade é limitada e revisable, e está sempre aberta aos avances no propio coñecemento ("atrévete a pensar").[8]

As preguntas filosóficas son dunha amplitude e dunha profundidade que fan que non as poidamos responder nunca dunha vez por todas. Isto débese a que os seres humanos temos limitacións que non podemos superar.

As tarefas máis urxentes

editar

A principios do século XXI, a filosofía segue traballando aínda nos problemas filosóficos clásicos. Pero tamén xurdiron problemas novos nos que a filosofía ten un compromiso de reflexión moi importante e urxente:[9]

  1. Crítica das inxustizas sociais, económicas e políticas, e axuda para repensar o noso modelo de desenvolvemento económico globalizado.
  2. Aceleración do avance actual das ciencias e da técnica.
  3. Colaboración con ciencias cognitivas como a neuroloxía, a neurolingüística ou a intelixencia artificial para esclarecer o funcionamento da mente humana e a relación entre o cerebro e a mente humana.
  4. Finalmente, reconsiderar a súa propia natureza e o papel que debe representar na cultura global do novo milenio.[10]
  1. "Grécia Antiga e a Origem da Filosofia: De Tales a Sócrates" (en portugués). 2023-06-21. Consultado o 2025-01-28. 
  2. "Filósofos Presocráticos: Un estudio crítico" (PDF). Cambridge University Press; Kirk, G. S., J. E. Raven, e M. Schofield (en castelán). 
  3. Eliade, Mircea. Myth And Reality (en inglés). archive.org. 
  4. "La Scuola di Atene". www.google.es. Consultado o 2015-12-04. 
  5. Smith, Nathan (2022-06-15). "4.3 Jewish, Christian, and Islamic Philosophy". openstax.org- Introduction to Philosophy (en inglés). Consultado o 2025-01-28. 
  6. "Inmanuel Kant. Crítica de la Razón Pura". Consultado o 2015-12-04. 
  7. 7,0 7,1 Taliaferro 2014.
  8. "Implicit Bias and Philosophy, Volume 1: Metaphysics and Epistemology". OXFORD ACADEMIC; academic.oup.com. Consultado o 28 de xaneiro de 2025. 
  9. CollegeNP. "Philosophy’s Role in the 21st Century: Modern Relevance". www.collegenp.com (en English). Consultado o 2025-01-28. 
  10. "21st century philosophy. What challenges does it currently face?". fundacionlacaixa.org; FELLOWSHIP ALUMNI (en inglés e castelán). Consultado o 2025-01-28. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar