Alpinche
O Alpinche (acrónimo de Alpine e Porsche) é un vehículo deportivo construído polo piloto e mecánico galego Estanislao Reverter no seu taller mecánico de Ourense en 1971, mesturando a carrozaría dun Alpine A110 e o motor dun Porsche 911 R. Gañou varias probas na primeira metade da década de 1970 e converteuse nun dos coches máis célebres da historia do automobilismo galego.[1] Quedou desfeito nun accidente de Beny Fernández no Rally do Sherry de 1975 e foi restaurado case medio século despois, sendo na actualidade un automóbil de exhibición.
Historia
editarO Alpinche naceu tralo Rally de Ourense de 1970, no que o piloto ourensán José Pavón corría cun Porsche 911 R propiedade de Estanislao Reverter. Cando lideraba a proba, sufriu un accidente no treito da Baixada do Rodicio, quedando o vehículo desfeito.[2] Reverter conseguiu salvar o motor do Porsche, un bóxer de 6 cilindros con 220 CV, e instalouno no compartimento dun Alpine A110. Colocoulle uns deflectores nas aletas das rodas dianteiras para evitar que o morro se erguese e pintouno de cor laranxa cunha banda central azul e branca en referencia á bandeira de Galicia.[2]
Decidiu estrear o novo vehículo no Rally Rías Baixas de 1971 e estivo a piques de non poder facelo debido a un incendio que se orixinou no seu taller de Ourense uns días antes da proba. Con todo, conseguiu apagalo el mesmo e aínda con queimaduras na cara presentouse para disputar o rally. Bautizado co nome de REALPOR (acrónimo de Reverter, Alpine e Porsche), axiña comezou a ser coñecido entre os afeccionados como Alpinche (Alpine+Porsche). Afectado polas queimaduras e con Eloy Rodríguez como copiloto, Reverter conseguiu subir ao podio no debut do Alpinche, na terceira posición, a case un minuto e medio do Porsche 911 S de Eladio Doncel.[3] O Alpinche participou en varias probas máis do Campionato de España dese ano, subindo ao podio no Rally Cidade de Oviedo, no Rally Bosch e no Rally RACE de España, esta última proba puntuable tamén para o Campionato Europeo na que saíron vencedores os franceses Jean-Pierre Nicolas e Jean Todt.
Durante os seguintes anos o Alpinche foi sometido a diferentes modificacións e substituíuselle dúas veces o motor, pasando a montar un motor de 2.4 litros e máis tarde un de 2.7 litros e 280 cabalos de potencia. Ademais, para evitar as roturas dos palieres, instaláronselle pezas de Land Rover.[4]
A primeira vitoria do Alpinche chegou no Critérium Luis de Baviera de Madrid de 1972, conducido por Reverter e copilotado por Francisco González "Facas". A parella chegou á meta por diante do Alpine A110 1600 de Juan Carlos García de la Rasilla e Ignacio Lewin e do Renault R8 de Lucas Sainz e Juan Carlos Oñoro.[5] Tres meses despois conseguiu gañar tamén no Rías Baixas, por diante do SEAT 124 de Salvador Cañellas e do Porsche 911 de Marc Etchebers, antes de lograr unha terceira vitoria na tempada no Rally Cidade de Oviedo.[5] Na tempada 1973 volveu gañar o Rally Rías Baixas e quedou segundo segundo no Rally RACE de España e terceiro no 500 Km Nocturnos de Alacant, nos tres casos pilotado por "Lalao" Reverter e copilotado polo seu sobriño Tucho.[6][7]
En 1974 Reverter conseguiu un novo podio co Alpinche no Critérium Luis de Baviera e en 1975 gañou o Rally dos Pazos, a proba inaugural da primeira edición do Campionato Galego de Automobilismo.[8] A continuación gañou tamén na Subida a Manzaneda e na Subida a Almofrei.[9][10] Uns días despois da vitoria en Almofrei, o Alpinche conducido por Reverter e José Luis Sala sufriu un accidente no Rally Vasco Navarro, ao voar nun cambio de rasante e caer sobre varios vehículos aparcados. Tralo accidente o morro do vehículo foi reconstruído ao estilo dos Ligier do Campionato mundial de resistencia.[2]
A pesar do seu éxito fóra da súa cidade "natal", o Alpinche non competira nunca no Rally de Ourense, debido a que Estanislao Reverter era tamén o director da carreira. Con todo, en 1975, o coche disputou finalmente a histórica proba ourensá, conducido polo vigués Beny Fernández, e conseguiu a vitoria nun dos treitos, pero tivo que abandonar polas penalizacións recibidas ao cambiar o embrague.[11] Unha semana despois, o mesmo Beny gañou a Subida á Estrada, na que foi a última vitoria na vida do Alpinche.[12] A continuación disputou tamén a Subida a Chantada e a Subida a Vincios.
En setembro de 1975, Beny Fernández saíuse da estrada no primeiro treito do Rally do Sherry, na provincia de Cádiz, e o Alpinche quedou desfeito.[2] Os seus restos permaneceron nunha nave durante as seguintes catro décadas, ata que en 2015 a Fundación Estanislao Reverter iniciou unha campaña co fin de recadar fondos para a súa restauración, completándose esta en 2022.[4][13] Así, o 21 de abril de 2022 presentouse publicamente na Praza Maior de Ourense o automóbil restaurado, que dende entón é exhibido no Museo Estanislao Reverter, así como en diferentes probas automobilísticas de Galicia.[14][13][15]
Notas
editar- ↑ "O Alpinche "un coche de tendencia é vangarda unha autentica obra de arte"". 30 de decembro de 2023. Consultado o 30 de decembro de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Historia del Alpinche". estanislaoreverter.com (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2023.
- ↑ "Eladio Doncel venció en el IX Rallye de las Rías Bajas". Mundo Deportivo (en castelán). 14 de agosto de 1971. p. 11. Consultado o 30 de decembro de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 "Dossier de restauración do Alpinche" (PDF). estanislaoreverter.com (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023.
- ↑ 5,0 5,1 "Clasificacións Campionato de España 1972" (PDF). Real Federación Española de Automobilismo (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023.
- ↑ "Clasificacións Campionatos de España 1973" (PDF). Real Federación Española de Automobilismo (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023.
- ↑ "Lalao y Tucho Reverter, vencedores del X Rally Rías Bajas". La Región (en castelán). 13 de agosto de 2022. Consultado o 31 de decembro de 2023.
- ↑ "Ganó Reverter". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de febreiro de 1975. p. 37.
- ↑ "Reverter confirmó el pronóstico". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de febreiro de 1975. p. 40.
- ↑ "Estanislao Reverter, primero en la IV «Subída al Almofrey»". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de abril de 1975. p. 36.
- ↑ "Etchebers, vencedor absoluto del Rallye Internacional de Orense". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de xuño de 1975. p. 57.
- ↑ Figueiredo Pérez, Javier; Martínez Piñeiro, Jesús. "Historia de la Subida automovilística a A Estrada" (PDF). aestrada.gal (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023.
- ↑ 13,0 13,1 H. Cachalvite, Andrés (21 de abril de 2022). "El Alpinche: Una obra de arte que vuelve a rugir en Ourense". La Región (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023.
- ↑ "O mítico Alpinche de Estanislao Reverter volve funcionar logo de 47 anos, tras unha traballosa restauración". Televisión de Galicia. 22 de abril de 2022. Consultado o 31 de decembro de 2023.
- ↑ Portabales, Pablo (29 de setembro de 2023). "El Alpinche, como este coche no hay otro en el mundo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- O Alpinche no sitio web da Fundación Estanislao Reverter.
- O Alpinche no En Xogo Motor da Televisión de Galicia.
- Cámara interior do Alpinche no treito urbano do Rally de Ourense de 2022. Fundación Estanislao Reverter.