Trofeo MacCrimmon de Gaita
O Trofeo MacCrimmon de Gaita é unha competición musical celebrada dende 1986 no marco do Festival Intercéltico de Lorient entre gaiteiros galegos e asturianos.
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/b/b1/The_MacCrimmon_Memorial_and_view_-_geograph.org.uk_-_1129577.jpg/220px-The_MacCrimmon_Memorial_and_view_-_geograph.org.uk_-_1129577.jpg)
Os competidores deben tocar música tradicional galega, asturiana e bretoa e un xurado formado por membros das tres rexións elixe un gañador. O gaiteiro máis laureado é o galego Edelmiro Fernández, con catro vitorias, seguido do asturiano José Manuel Tejedor, con tres.
Historia
editarEn 1980 comezou a celebrarse o Trofeo Macallan de Gaita das Highlands, para premiar cada ano ao mellor intérprete de dito instrumento. Seis anos despois incluíuse unha sección da competición para gaiteiros galegos e asturianos, co nome de Trofeo Macallan de Gaita, resultando o asturiano Xuacu Amieva como primeiro gañador, por diante do galego Bieito Romero. En 1987 incluíuse a obrigación de tocar tanto música galego como asturiana. A maioría de participantes daquela segunda edición non foran avisados desa norma e foron descualificados por non tocar músicas de ambas as rexións, quedando só dous competidores: Vicente Prado "o Pravianu", que foi o gañador, e Carlos Núñez, con só 16 anos, que quedou segundo, posto que repetiría ao ano seguinte.[1][2] Carlos Núñez foi o primeiro gañador galego, saíndo vencedor na edición de 1989. Posteriormente incluíuse a obriga de tocar tamén algunha composición bretoa.
Dende 2005, ante unha lei que prohibiu o patrocinio de eventos con bebidas alcohólicas, retirouse do seu nome a marca de bebidas Macallan e mudouse por MacCrimmon, en honra a unha famosa familia escocesa cuxos membros se dedicaban ao estudo e transcrición da música tradicional entre finais do século XV e a segunda metade do XVIII. O Trofeo MacCrimon de Gaita está considerado como o maior premio que pode gañar un gaiteiro, dándolle un gran prestixio a todos os que o posúen. Os participantes son elixidos a través de concursos en Asturias e Galicia, co Memorial Remis Ovalle e o Concurso - Selección para o Trofeo MacCrimmon, respectivamente.
Mecánica
editarCompiten oito gaiteiros, catro galegos e catro asturianos, aínda que entre 2005 e 2008 foron nove, ao participar tamén unha representante bretoa, Marie Le Cam.[3][4][5][6] Cada un dos participantes debe tocar un conxunto de pezas, que inclúa polo menos unha peza galega, outra asturiana e outra bretoa. Un xurado formado por seis membros (dous galegos, dous asturianos e dous bretóns) elixe ao gañador, dando cada membro a súa propia puntuación.[7][8] En caso de empate prémiase ao competidor de menos idade. Isto sucedeu tres veces: en 1995,[9] 2018[10] e 2019.[11]
Gañadores
editarMencións honoríficas
editarConcedéronse diferentes mencións honoríficas na historia do certame: No ano 2000, o asturiano Diego Pangua recibiu a mención honorífica por ser o gañador máis novo da historia do certame (16 anos). En 2010, a tamén asturiana Andrea Joglar recibiu a mención honorífica do concurso por ser a primeira muller en gañar o premio. En 2012, Javier Menéndez recibiu a mención honorífica do xurado bretón de música pola súa excelente interpretación da música bretoa. En 2019, María López recibiu a mención honorífica por ser a gañadora máis nova da historia do certame (14 anos) ademais de ser a primeira muller galega en gañar o premio.
Notas
editar- ↑ "Alta calidad de los artistas gallegos en el Festival Intercelta de Lorient". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de agosto de 1987. p. 19.
- ↑ Bouza Barcia, X. (10 de agosto de 1988). "O enguedello do Macallan". La Voz de Galicia (en castelán). p. 20.
- ↑ "Ruben Alba gana otra vuelta’l Troféu McCrimmon" (en asturiano). 29 de xullo de 2006. Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ "Iñaki gana por fin el McCrimmon en Lorient" (en asturiano). 6 de agosto de 2005. Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ "EDELMIRO FERNÁNDEZ GAÑA O MÁIS PRESTIXIOSO TROFEO MUNDIAL DA GAITA". 7 de agosto de 2007. Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ "Pablo Devigo gañador do XXIII Trofeo McCrimmon". 5 de agosto de 2008. Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ Tuñas, Olalla (9 de agosto de 2010). "Andrea Joglar gana el Trofeo McCrimmon". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ "Duelo de gaitas en Lorient" (en castelán). 5 de agosto de 2007. Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ "Edelmiro Fernández: «A primeira vez que gañei en Lorient foi cun triplo empate»". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de novembro de 2019. Consultado o 26 de abril de 2020.
- ↑ "El avilesino Javier Menéndez gana el McCrimmon en Lorient" (en castelán). 5 de agosto de 2018. Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ "A gaiteira María López gaña o prestixioso certame Mac Crimmon". 7 de agosto de 2019. Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ Houbo un empate en primeira posición entre Jorge Fernández Areces, Edelmiro Fernández e Anxo Lorenzo, séndolle entregado o premio ao primeiro por ser o máis novo.
- ↑ Houbo un empate en primeira posición entre Javier Menéndez e Raquel Vilas, séndolle entregado o premio ao primeiro por ser o máis novo.
- ↑ Houbo un empate en primeira posición entre María López e Fernando Vázquez, séndolle entregado o premio á primeira por ser a máis nova.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Palmarés do trofeo no sitio web oficial do Festival Intercéltico de Lorient (en francés).