Olimpia Valencia
Olimpia Valencia López, nada en Baltar (Ourense) o 14 de decembro de 1898 e finada en Vigo o 10 de xullo de 1987, foi a primeira galega titulada en medicina en Galicia.[1] Especializouse en xinecoloxía.
![]() ![]() | |
Nome orixinal | Olimpia Valencia López |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 14 de decembro de 1898 ![]() Baltar, España ![]() |
Morte | 10 de xullo de 1987 ![]() Vigo, España ![]() |
Residencia | Vigo ![]() |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela ![]() |
Actividade | |
Ocupación | xinecóloga, médica ![]() |
Familia | |
Pai | Anacleto Valencia Lama ![]() |
![]() |
Traxectoria
editarEra a única filla de Anacleto Valencia Lama, industrial hostaleiro que en 1910 se trasladou a Vigo coa familia. Realizou os estudos de bacharelato no Instituto de Pontevedra (actual IES Sánchez Cantón).[2] Estudou Maxisterio, para o que se preparou por libre na Academia Minerva. Sen vocación para o ensino, en 1919 comezou os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciouse en 1925,[3] con premio extraordinario e dezanove matrículas de honra.[4] Ese mesmo ano marchou a Madrid facer a tese de doutoramento, que presentou en 1930 co título de La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica[5] dirixida polo doutor Sebastián Recaséns, da Cátedra de Obstetricia.[6]
En Madrid aloxouse durante tres anos na Residencia de Señoritas da rúa Fortuny, onde tamén exerceu outras funcións para gañar unha bolsa co fin de pagar a estancia. No curso 1926-27 impartiu clases de cultura xeral ás residentes. O seguinte curso foi nomeada médica titular do Instituto Escuela, institución docente experimental xurdida do contorno da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas.[5]
Etapa en Vigo
editarEn 1928 trasladouse a Vigo. Puxo en marcha un consultorio de medicina xeral e xinecoloxía no número 11 da rúa do Príncipe.[7], Alí exerceu a profesión ata a súa xubilación, non exenta de dificultades ao principio pola súa condición de muller. Olimpia mantivo conexión coa investigación e preocupouse por contactar coas técnicas e os avances médicos que se estaban a dar no estranxeiro. En 1929 solicitou unha bolsa á Junta para Ampliación de Estudios para ampliar coñecementos en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza.[5]
Foi unha das fundadoras en 1930 da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo, institución da que chegou a ser vicepresidenta (1935).[5] Como investigadora, presentou un relatorio nas I Jornadas Médicas Gallegas, celebradas na Coruña en 1929. En 1934 fixo unha comunicación na Academia de Vigo: La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo. Tamén foi membro fundadora da Alianza Francesa de Vigo.[8]
Muller de inquietudes culturais e vinculada a Galicia, tivo relación con recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas ou Ramón Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio á candidatura galeguista da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do SI no Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ambos documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e de ter trato con xente de esquerdas.[9] Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade.[10] Os anos seguintes foron de gran dureza: acusada de "roxa", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu un posto na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960.
Formou parte do comité organizador das Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas, celebradas en 1958.[11]
Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de 80 anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Morreu no verán de 1987.[8]
Recoñecementos
editar- O Roteiro en feminino Sons de Mulleres ten sinalizado co número 11 o edificio onde Olimpia Valencia viviu e tivo a súa consulta en Vigo.
- Foi nomeada filla predilecta de Baltar en 2017.[10]
- No edificio onde viviu e tivo a súa consulta foron colocadas dúas placas conmemorativas, unha do Concello de Vigo en 2003 e outra da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) en 2016.[12]
- O Cinbio, Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, leva o seu nome.[13]
- Na parroquia viguesa de Oia hai unha rúa co seu nome.[14]
- En outubro de 2019 a Xunta de Galicia anunciou que o edificio das Seccións da Audiencia dos xulgados de Vigo, cando se trasladen á nova Cidade da Xustiza, no antigo Hospital Xeral, pasaría a ser o centro de saúde "Olimpia Valencia".[15]
- En 2020 decidiuse que a biblioteca da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela levaría o seu nome.[16]
- En 2021 foi unha das mulleres representadas como pioneiras nun mural da Marcha Mundial das Mulleres na Gran Vía de Vigo.
- En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer.[17]
Notas
editar- ↑ Cid Galante, Rosa María (2007). "As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I)". Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía (11): 139–156. ISSN 1131-5989.
- ↑ Cid Galante, Rosa María (2004). "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria. (1900-1940) (II)". Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía (XII): 73–102. ISSN 1131-5989.
- ↑ Rey Albite (3 xuño 1925). "Nuevos médicos". El Correo Gallego : diario político de la mañana (16816): 4.
- ↑ [n.a.] (17 de xuño de 1923). "Triunfo de una viguesa: Olimpia Valencia". Galicia : diario de Vigo (279): 1.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Gurriarán, Ricardo. "Olimpia Valencia. Baltar 1898 - Vigo 1987: A primeira doutora galega". Album da JAE. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ Gurriarán, Ricardo (2006). Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Universidade de Santiago de Compostela. p. 537. ISBN 9788497506441.
- ↑ Carballeira, Juan (28 de xaneiro de 1930). "Como trabaja la mujer en Galicia : gallegas insignes". Estampa.
- ↑ 8,0 8,1 Pérez Pais, Carmen. "Olimpia Valencia:A primeira galega licenciada en Medicina pola USC". Álbum de Mulleres. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ "Olimpia Valencia López". Nomes e Voces. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ 10,0 10,1 Montero, Tamara (23 de febreiro de 2018). "Olimpia Valencia, la primera gallega licenciada en Medicina". La Voz de Galicia (edición dixital).
- ↑ [n.a.] (10 de xullo de 1958). "Comites de las Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas". La Noche : único diario de la tarde en Galicia (11643).
- ↑ "La sociedad médica honra con una placa a Olimpia Valencia, primera licenciada en Medicina de Galicia". 27 novembro de 2017. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ "Vigo inaugura o centro de investigación Olimpia Valencia". GCiencia: O portal da ciencia galega. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ De Los Ríos conde, Alexandre (23 de febreiro de 2018). "Olimpia Valencia, la primera médica de Galicia". Via Lethes. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ "La Xunta convertirá el edificio de la Audiencia en el mayor centro de salud de Vigo". Atlántico (en castelán). 2019-10-18. Consultado o 2020-11-18.
- ↑ "Olimpia Valencia, primeira licenciada galega en Medicina, dará nome á biblioteca desta facultade". Praza Pública. 24 de febreiro de 2020. Consultado o 26 de febreiro de 2020.
- ↑ García, Victoria (2019-03-07). "Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer". GCiencia. Consultado o 2023-02-11.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Olimpia Valencia |
Bibliografía
editar- "Valencia López, Olimpia". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 282.
- Marco, Aurora (2007). Dicionario de Mulleres Galegas. Edicións A Nosa Terra. p. 354. ISBN 978-84-8341-146-9.
- Fuentes, Ana (2019). Olimpia Valencia. Ocho décadas de historia desde los ojos de una pionera (en castelán). IEV. ISBN 978-84-89599-76-7
- Gurriarán, Ricardo (2005). "Valencia López, Olimpia". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Rodríguez Anair (2018). Pioneiras. Galegas que abriron camiño. Xerais. 32 páxs. Ilustracións de Nuria Díaz. ISBN 978-84-9121-310-9.
- Pintos Barral, Xoana (2021). Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Editorial Galaxia.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Rolland, Eduardo "Olimpia Valencia, a primeira doutora" GCiencia, 28/4/2015.
- Fuentes, Ana. Ana Fuentes: “Olimpia Valencia foi unha galega valente” GCiencia, 21/6/2019.
- "Olimpia Valencia". Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega.
- Gurriarán, Ricardo. "Olimpia Valencia". Álbum da JAE do Consello da Cultura Galega.