Ludmilla Tourischeva
Ludmilla Ivanovna Tourischeva (en ruso: Людми́ла Ива́новна Тури́щева), nada en Grozni o 10 de setembro de 1952, é unha ex-ximnasta rusa que competiu pola Unión Soviética. Foi nove veces medallista olímpica (catro delas de ouro), once veces medallista en mundiais (oito ouros) e catorce veces en campionatos europeos (oito ouros). Tourischeva foi a única ximnasta en unir os títulos de campioa europea, mundial e olímpica, trala checa Vera Caslavska. Despois dela, só a ucraína Lilia Podkopayeva o logrou de novo.
Traxectoria
editarTourischeva iniciouse na ximnasia en 1965, aos trece anos, e comezou a competir dous anos máis tarde. Obtivo a súa primeira medalla na Copa Soviética, na que conquistou o ouro do concurso xeral. O ano seguinte, porén, acabou a súa participación co bronce. Adestrada polo soviético Vladislav Rastorotski, ex-técnico de Natalia Iurchenko, Ludmilla representou a Unión Soviética nas Olimpíadas da Cidade de México. Nesta competición logrou o ouro por equipos, a súa primeira medalla nun evento internacional importante.
O ano seguinte a ximnasta disputou outros tres campionatos. No Soviético subiu ao podio catro veces: foi bronce na individual xeral e prata en salto, barra fixa e chan. Na Copa Soviética a atleta recuperou a primeira posición e, deseguido, participou por primeira vez no Campionato Europeo. Nel conquistou a terceira posición do concurso xeral, barras asimétricas e chan.
En 1970 Tourischeva converteuse na líder do equipo nacional soviético. Dende entón até 1974 venceu todos os concursos xerais dos campionatos internacionais. No Mundial de Ljubljana a ximnasta logrou, ademais do ouro da individual xeral e chan, o bronce no salto e a prata nas barras asimétricas. En 1971 no Campionato Europeo foi ouro no concurso xeral, salto e chan, e prata en barras asimétricas e barra fixa. O ano seguinte, nos Xogos de Múnic (a súa segunda participación olímpica) conquistou o seu terceiro individual xeral. Alén diso, venceu na disputa por equipos e conquistou dúas medallas nas finais por aparatos (bronce no salto e prata no chan), no que foi superada pola súa compañeira de equipo Olga Korbut. En 1973, na nova edición do Campionato Europeo, a atleta conquistou todos os ouros individuais, ademais de manter o bicampionato da competición. En 1974, no Mundial de Varna, con 22 anos, foron seis medallas nas seis probas disputadas. A primeira, o ouro por equipos, foi seguida dun novo bicampionato no concurso xeral. Nas finais por aparellos logrou o ouro no chan e barra fixa, a prata no salto e o bronce nas barras asimétricas. Como consecuencia das súas accións e resultados, Ludmilla foi considerada o exemplo da ximnasia soviética da época: graciosa, elegante e cunha técnica audaz e impecábel.
(ela) nunca tivo as fazulas dalgunhas das súas rivais, mais pola serenidade, era supremaDavid Hunn
No Campionato Europeo de 1975 conquistou o bronce no chan. Porén, quedou fóra do podio da individual xeral, vencida pola debutante romanesa Nadia Comăneci. A súa compañeira de equipo, Nellie Kim, ficou coa prata. En cambio, na Copa do Mundo a ximnasta logrou todas as medallas de ouro disputadas, alén de vencer a proba do salto no Campionato Nacional Soviético. Na Copa do Mundo, disputada no estadio de Wembley, a súa interpretación nas asimétricas marcaron o público debido á rotura dos cabos de suxeición. Trala presentación, as barras caeron mentres Tourischeva saudaba os xuízes.[1]
O ano seguinte foi o seu último como profesional. A ximnasta disputou os Xogos de Montreal e acabou a súa participación con catro medallas. A primeira, de ouro, chegou no evento por equipos, seguida do bronce no concurso xeral (superada por Comaneci e Kim) e da prata en salto e chan, ambas probas vencidas pola súa compatriota Nellie Kim.
Tourischeva tamén foi coñecida pola súa conduta deportiva. Durante os Xogos de Montreal, a ximnasta saudou persoalmente a Comăneci despois de está recibir o ouro no concurso xeral.[2] En 1977 a soviética casou con Valeri Borzov, dúas veces medallista olímpico en 1972. En 1981 foi elixida membro do Comité Técnico da Ximnasia Artística Feminina, da Federación Internacional de Ximnasia e comezou a traballar como adestradora en Ucraína, onde permanece como técnica. Entre as súas ximnastas está a campioa olímpica Lilia Podkopaieva.[3]
En 1998 Tourischeva foi incluída no International Gymnastics Hall of Fame.[4]
Principais resultados
editarNotas
editar- ↑ And the steel was broken. Olympic Panorama, xullo-setembro de 1990. páx. 33 e 34. ISBN 0204-2177
- ↑ COMANECI, Nadia. Letters to a young gymnast. Basic Books, Nova York, 2003. ISBN 0-465-01276-0
- ↑ "Lilia Podkopayeva". GymMedia (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2018. Consultado o 7 de decembro de 2008.
- ↑ "LUDMILLA TOURISCHEVA". International Gymnastics Hall of Fame (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2009.