Labradas (traballo agrícola)
As labradas eran un traballo agrario colectivo realizado en Galiza, nos meses de abril e maio, antes da introdución da maquinaria agrícola. A veciñanza traballaba os campos conxuntamente, nun sistema de axuda mutua polo que se ían labrando unha por unha todas as veigas. O costume conservouse até os anos setenta do século XX nas comarcas galegas do Condado e da Paradanta, e documéntase a súa existencia en Boqueixón[1], na Terra de Montes e na Serra do Suído.[2]

Características
editar“ | ' mociñas do cabeceiro Xa que levaste-la aña, levai tamén o carneiro.
por aqui un arañon As mozas do cabeceiro xa non poden co leghón. |
” |
—Cantigas da aña |
Pola configuración minifundista das parcelas galegas, as beiras e cabeceiros das leiras tiñan que ser traballados cos sachos xa que os valados impedían ao arado achegarse o suficiente. Normalmente eran as mulleres as encargadas desta tarefa, e da posterior sementeira, mentres os homes guiaban os bois, mantiñan o arado no rego e mudaban as artes: arado, grade de reixa e grade de liso.[3] O traballo manual facíano dous grupos de persoas que, nun ritual de divertimento argallado coa finalidade de alixeirar o labor, competían por ver quen remataba antes o seu cabeceiro, ou os regos asignados caso de non contar cun arado.
Os vencedores gañaban o dereito a botar a aña. Uns cantos que, na súa versión mais simple, consistían en aturuxos e petos con pedras nos legóns en sinal de vitoria, e nas máis complexas nunha serie de cantigas de desafío ao grupo perdedor marcando nos sachos o ritmo da xota ou da muiñeira.[4] Estas coplas inxuriosas adoitaban facer referencia á aña, en orixe a cría ruín do carneiro, premio aldraxante para o bando derrotado que, por suposto, podía tamén devolver as cantigas.[3]
“ | ' que é un ramo d'alegria Que nos puxo de comer-e, Ai!!! A gusto de señoría. |
” |
—Cantar das labradas |
Outro elemento ritual que se desencadeaba coa vitoria na competencia era o baile da aña. Un ritual no que o cabeceiro gañador enviaba un ramallo de loureiro, ou doutra árbore calquera, aos perdedores espetado no arado ou pola man do home que guiaba os bois, nunha sorte de burla.[1] Entregado o ramo, chamado tamén aña por extensión, espetábase na terra e iniciábase o baile solto ao seu redor acompañado polo ritmo dos legóns. Sendo necesario en ocasións labrar novamente a leira pois o baile estragaba o traballo feito.
Noutra das versións do rito o ramo aparecía na merenda. Contra o serán era tradición que o dono da veiga labrada convidase ao resto dos veciños a merendar. Viñan daquela as viandas en cestos desde a casa familiar nunha procesión ao ritmo dos sachos e as cantareas. Un dos mozos levaba o ramo, adobiado con fitas, roscas, doces, etc, e chegados á veiga bailaba un punto con cada unha das mulleres coa pola na man.[5] Unha vez que todas tiñan botado un punto con el, espetábao na terra para pedir pola colleita, nun evidente ritual de fertilidade.
Rematado o baile tomábase a merenda acompañada de cantos de agradecemento[6], unha serie de cantares que loaban o "amo", é dicir, o dono da parcela á que lle tocaba a labrada e o encargado de subministrar o banquete.[3]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Carpintero, Pablo. "Ferramentas agrícolas". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consello da Cultura. Consultado o 2021-04-08.
- ↑ Outeiro, Xandre (2012). ManüEle... de Pandeireta e canto tradicional. Ediciones Intermitentes. p. 63.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Feijoo, Xisco (2020). "As añas". Aturuxo (19): 69–71.
- ↑ Pablo Carpintero, Rosa Sánchez (2019). Música e evolución. p. 40m 27s.
- ↑ Alalá nº 59 (2008). Os ciclos do ano en Toutón. Youtube. p. 28m 3s.
- ↑ Camafeita, Olga (2001). "agradecemento". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Feijoo, Xisco (2020). "As añas". Aturuxo (Asociación de Gaiteiros Galegos) (19): 69–71.
- Outeiro, Xandre (2020). "Vós que levade-la iaña". Aturuxo (Asociación de Gaiteiros Galegos) (19): 72–75.
- Ignacio Costa, Guillerme (2020). "O ritual da i-aña: moito máis ca tocar os leghóns". Aturuxo (Asociación de Gaiteiros Galegos) (16): 50–53.
- Camafeita Longa, Olga (2010). Dicionario Da Música Popular En Galicia (PDF). Rinoceronte Editora. ISBN 8493781657.
- Carpintero Arias, Pablo (2010). Os Instrumentos musicais na tradición galega. Difusora de Letras, artes. ISBN 8492958057.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Os ciclos do ano en Toutón - TVG (Alalá nº 59 - 2008)
- Labrada en Queimadelos - ACF O Fiadeiro - Luar (01/2018) - TVG - Youtube.
- O ritual da i-aña, as labradas e as sachadas - Gillerme Inácio Costa - Lume na Palleira (11/2020) - Radio Galega.