Historia antiga de Galicia

historia de Galicia durante a Idade Antiga

A historia antiga de Galicia abrangue o período que vai desde a Prehistoria ata a caída do Imperio Romano, momento no que a rexión experimentou profundas transformacións culturais, económicas e sociais. Galicia, situada no noroeste da Península Ibérica, destacou historicamente por ser un territorio de gran riqueza natural, especialmente en recursos minerais como o estaño e o ouro, e pola súa posición estratéxica no Atlántico. Estas características converteron a Galicia nunha zona de interese para diversas civilizacións, desde os primeiros pobos prerromanos ata os romanos.

Historia antiga de Galicia

Mapa da Gallaecia de Diocleciano.
Historia Historia de Galicia
Cronoloxía Cronoloxía de Galicia
Categoría Historia de Galicia
Prehistoria
Prehistoria de Galicia
Idade Antiga
Historia antiga de Galicia
Pobos galaicos e Roma Antiga
Século -II
-139 - -61: Conquista romana de Gallaecia
-137: Batalla do Douro
-139: Expedición de Décimo Xunio Bruto Galaico
Século -I
-96: Expedición de Publio Licinio Craso
-61: Expedición de Xulio César
-22: Batalla do Monte Medulio
-16: Hispania Citerior Tarraconense
c. -15: Fundación de Lucus Augusti
Século III
212: Nova Citerior Antoniana
298: Provincia romana de Gallaecia
Século IV
c. 350: Cristianización de Galicia
381: Itinerario de Exeria
Idade Media
Historia medieval de Galicia
Idade Moderna
Historia moderna de Galicia
Idade Contemporánea
Historia contemporánea de Galicia
Relacionados
Historia Historia antiga de España
Historia antiga de Portugal

O nome Galicia procede da tribo dos callaici, pobo que habitaba esta rexión e que deu lugar á denominación de Gallaecia, usada polos romanos para designar un amplo territorio que incluía as actuais Galicia, norte de Portugal e parte de León e Asturias. Antes da chegada dos romanos, este territorio estaba habitado por pobos celtas e prerromanos organizados en tribos que vivían en castros, asentamentos fortificados que reflectían unha sociedade agraria e guerreira.

O primeiro contacto documentado entre a Gallaecia e outras culturas externas foi a través das rutas comerciais relacionadas co estaño e outros metais preciosos. Estes recursos naturais convertérona nun punto de interese para fenicios, cartaxineses e gregos, que mencionaron o territorio en textos antigos, como o de Piteas de Massalia no século IV a. C., quen sinalou a existencia do cabo Nerio e os pobos do golfo Ártabro.

A chegada dos romanos no século II a. C. marcou un cambio crucial para a rexión. A romanización de Gallaecia transformou non só as súas estruturas sociais e políticas, senón tamén o seu panorama cultural e económico. A construción de cidades como Lucus Augusti (Lugo), Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) consolidou a integración de Galicia no Imperio Romano, mentres que a creación dunha ampla rede de comunicacións e infraestruturas permitiu un maior control e explotación dos seus recursos.

Este período tamén viu o nacemento das primeiras manifestacións cristiás na rexión, como resultado da expansión do cristianismo durante os últimos séculos no Imperio. A historia antiga de Galicia non só é crucial para comprender as raíces da identidade galega, senón que tamén reflicte o papel que esta rexión xogou na evolución histórica e cultural da Península Ibérica.

Pobos prerromanos

editar

Cultura castrexa

editar
Artigo principal: Cultura castrexa.
 
Fotografía no castro de Santa Trega.

A cultura castrexa foi a manifestación máis destacada dos pobos prerromanos da Gallaecia. Esta cultura, que abrangue desde o século IX a. C. ata a chegada dos romanos no século II a. C., baseouse nun sistema de asentamentos fortificados coñecidos como castros. Estes castros, situados principalmente en outeiros estratéxicos, estaban rodeados de murallas e foxos para a súa defensa. As vivendas eran tipicamente circulares, construídas con pedra e cubertas con teitos de palla ou materiais vexetais.

Os castros de Galicia reflicten unha notable organización urbanística, con rúas, zonas de vivenda e espazos comúns. Exemplos destacados inclúen o castro de Santa Trega na Guarda, a citania de Briteiros en Guimarães e outros moitos xacementos como Baroña e Viladonga. Estes asentamentos demostran unha sociedade unificada e adaptada ás condicións do medio atlántico.

Pobos galaicos

editar
Artigos principais: Galaicos e Ástures.

As primeiras mencións que teñen chamado a atención son a de certas illas, as Casitérides, nas que abundaba o estaño. Pero o coñecemento do Occidente foi extremadamente limitado até a época helenística. A primeira referencia é a de Piteas de fins do século IV a. C., quen menciona o cabo Nerio e a tribo dos ártabros. Estas informacións foron recollidas por Eratóstenes (século III a. C.); máis tarde escribiron Polibio (século II a. C.), Artemidoro, Posidonio e Estrabón (século I a. C.), Plinio o Vello (século I) e Tolomeo (século II).

Século -II

editar

Conquista romana de Gallaecia

editar
Artigo principal: Conquista romana de Gallaecia.

A conquista de Gallaecia polos romanos foi parte do longo proceso de dominación da Península Ibérica, que se estendeu entre o desembarco en Empúries no 218 a. C. e o final das Guerras Cántabras no 19 a. C. Tras a derrota de Cartago na Segunda Guerra Púnica e o dominio das zonas mediterráneas e do interior peninsular, Roma dirixiu os seus exércitos cara ao norte e o noroeste.

Expedición de Décimo Xunio Bruto Galaico

editar
Artigo principal: Décimo Xunio Bruto Galaico.
 
Campañas dos romanos contra galaicos, ástures e cántabros. En morado a expedición de Bruto.

A campaña contra estas tribos foi liderada inicialmente por Décimo Xunio Bruto Galaico, un destacado xeneral romano que, no 137 a. C., durante o seu mandato como procónsul, avanzou coas súas tropas cara ao norte, cruzando o río Douro e penetrando no corazón do territorio galaico.

Fundou fortalezas e estableceu posicións estratéxicas como Valentia (hoxe Valença do Minho). Durante a súa campaña, cruzou o río Limia, identificado co mítico río Lethes, ao que os seus soldados temían porque, segundo as crenzas, quen o cruzaba perdía a memoria. Para desmentir este mito, Bruto cruzou o río en solitario e comezou a chamar os seus soldados polos nomes para demostrar que o efecto non existía, convencéndoos así de continuar a marcha. Estrabón relata que as tropas de Bruto chegaron ata o río Miño, segundo Floro, despois de atravesar o río Limia "penetrou cara o interior dos pobos célticos, lusitanos e todos os galaicos", percorrendo "vencedor o litoral do océano".[1]

Bruto regresou a Roma triunfante e foi recompensado co título honorífico de " Callaicus " polo senado, recoñecendo así o seu éxito militar. Orosio, séculos despois, falou da que sería coñecida como batalla do Douro onde o xeneral romano loitou con 60 000 galaicos e lusitanos.

Século -I

editar

Expedición de Publio Licinio Craso

editar

Entre os anos 96 e 94 a. C. tiveron lugar as campañas de Publio Licinio Craso, gobernador de Hispania Ulterior, pola Lusitania e a Gallaecia.[2]

Sertorio e Perperna

editar

Cara o ano 74 a. C.[2] a expedición de Marco Perperna Veiento e Quinto Sertorio que pasaron un inverno na Lusitania.[3]

Expedición de Xulio César

editar

Xulio César, cando era propretor da Hispania Ulterior, liderou en persoa unha expedición á Gallaecia entre os anos 61 e 60 a. C. Esta expedición por vía marítima chegou a Brigantium, no golfo Ártabro, no centro de saída do estaño. César non só perseguía a pacificación da zona, senón a descuberta das rutas comerciais ás riquezas mineiras da Península Ibérica.[2] Con este evento remataría a fase lusitana da conquista.

Guerras cántabras

editar
Artigo principal: Guerras cántabras.

A resistencia galaica continuou ata o século I a. C., cando as Guerras Cántabras lideradas por Octavio Augusto puxeron fin á longa loita contra os pobos do norte. Augusto, do 29 ao 19 a. C. liderou en persoa as expedicións de conquista nun despregue de tropas. A resistencia culminaría na batalla do Monte Medulio o remate desta comezou o período de paz coñecido como pax romana.[2]

A partir de entón, a Gallaecia experimentou un proceso de romanización que influíu profundamente na súa cultura, lingua e estruturas sociais, integrándose plenamente no Imperio Romano.

Romanización

editar
Artigo principal: Romanización de Galicia.

Despois desta longa fase de conquista unha serie de cambios comezan coa nova administración. Despois do 19 a. C., o territorio foi incluído dentro da provincia da Lusitania, para despois cambiar á de Hispania Citerior con capital en Tarraco.[4] Con todo, o territorio foi considerado rexión non pacífica, suxeito á vixilancia especial[4] da Legio VII Gemina.

O territorio integrouse na estrutura imperial como populi e castella. No ano 74 d. C., o ius latii outorgou dereitos civís romanos á poboación, acelerando a adopción do latín.

A romanización non eliminou as bases sociais castrexas, senón que se superpuxo a elas. A síntese entre o legado romano (lingua, dereito, urbanismo) e as tradicións locais definiu unha identidade única, base do futuro medieval galego. Con todo, a plena integración no mundo romano non se consolidou até o século III d. C., cando o latín substituíu definitivamente as linguas indíxenas.

 
Reverso dun dupondio de Lucus Augusti.

Fundación das cidades de Augusto

editar

Un dos primeiros froitos da conquista foi a fundación de tres cidades que levaron o nome de Augusto: Bracara Augusta (Braga), Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo). Estas tres cidades constituíron o triángulo principal da Gallaecia romana, converténdose tempo despois nas capitais dos conventus iuridicus. Segundo a descrición que Plinio fixo dos seus populi, a súa poboación era notable:[5]

A estes [os cántabros] están unidos 22 pobos dos ástures, divididos en augustanos e transmontanos, con Asturica, magnífica cidade. Fronte a estes están os guigurros, os pésicos, os lancienses e os zoelas. O número de toda a poboación é de 240 000 homes libres.

O convento lucense ten ademais dos célticos e lemavos, 16 pobos de nome descoñecido e bárbaro, pero ten case 166 000 homes libres.

Do mesmo modo, o convento brácaro ten 24 cidades e 285 000 homes dos que, ademais de brácaros, poden nomearse sen fastío os bíbalos, os coelernos, os callaecos, os equaesos, os limicos e os querquenos.

Itinerario de Antonino

editar
Artigo principal: Itinerario de Antonino.

A rede de comunicacións trazada despois da conquista foi chave para asentar esta nova organización social. Esta rede de vías conectaban as tres cidades fundadas por Augusto e a infraestrutura creada en época flavia. As vías romanas da Gallaecia foron descritas, ao principio do século III, no Itinerario de Antonino numeradas do XVII ao XX.[6]

A Gallaecia estaba atravesada por catro vías romanas: a vía XVII (por Chaves), a vía XVIII ou vía Nova (por Sandiás), a vía XIX (por Caldas de Reis) e a vía XX (por Brigantium).

Século III

editar

Provincia Hispania Superior

editar

A Nova Citerior Antoniniana foi unha suposta provincia romana creada polo emperador Caracalla (século III), cuxa existencia se propuxo a partir de dúas inscricións atopadas en León no século XIX. Estas mencionan a Caio Xulio Cerealis como gobernador consular dunha provincia segregada da Hispania Citerior Tarraconensis, abarcando os conventos Lucense, Bracarense e Asturicense, territorios que posteriormente formaron a Gallaecia baixo Diocleciano. A interpretación das inscricións, con lecturas controvertidas como post divissionem (tras a división) ou post divisam (tras ser demarcada), levou a debates sobre a súa duración: mentres algúns estudosos sitúan a súa fin cara ao 235 con Maximino Tracio, outros argumentan que persistiu ata a reforma de Diocleciano (284 - 305), que reorganizou o imperio en dioceses e provincias máis pequenas. Recentemente, o descubrimento dunha inscrición en Italia que alude á Provincia Hispania Superior (século III) reavivou a polémica, pois esta incluiría só os conventos Lucense e Bracarense, excluíndo o Asturicense, o que cuestiona a extensión territorial inicialmente atribuída á Nova Citerior. A falta de consenso epigráfico e a escaseza de fontes fan desta provincia un tema aínda aberto á investigación histórica.

Gallaecia

editar
Artigo principal: Gallaecia.
 
Límites da Gallaecia tras a división de Diocleciano no 298.

Sexa como for no século III d. C. coa reforma de Diocleciano, creouse a provincia de Gallaecia, dividida nos conventos xurídicos de Bracarense, Lucense e Asturicense. Aínda que o territorio mantivo elementos preexistentes, a economía transformouse coa introdución das villae romanas e a explotación mineira, especialmente de ouro, que declinou no século II d. C.

 
Extensión da provincia romana de Gallaecia a finais do século IV dentro do Imperio Romano de Occidente.

A finais do século IV e comezos do V, Gallaecia, integrada no Imperio Romano de Occidente, abranguía o noroeste peninsular dende o Cantábrico ata o Douro e o Sistema Central, grazas á incorporación do Conventus Cluniensis (antes parte da Tarraconense), con capital en Clunia. Bracara Augusta (Braga) mantivo a capitalidade provincial ata a chegada dos suevos no século V, cando se converteu na corte do novo reino. Neste período, Gallaecia destacou polo seu esplendor sociocultural dentro do mundo latino-cristián, reflectido en figuras como os emperadores Magno Máximo (século IV) e Teodosio I (orixinario de Coca, Gallaecia), e en autores como Exeria, cuxo Itinerarium relata a súa peregrinación a Xerusalén, e Paulo Orosio, quen narrou nas súas Historiæ adversus paganos a invasión xermánica do 409.

Cristianización

editar
Artigo principal: Cristianización de Galicia.
 
Réplica do Crismón de Quiroga no Gallaecia Petrea.

Priscilianismo

editar
Artigo principal: Priscilianismo.

O priscilianismo foi unha corrente relixiosa cristiá do século IV impulsada por Prisciliano, bispo de Ávila, que se estendeu principalmente por Gallaecia. Defendía unha reforma interna da Igrexa, promovendo a igualdade da muller no clero, a renuncia ao poder episcopal, unha vida austera (xaxúns, continencia e virxindade) e o estudo da Biblia, incluíndo textos apócrifos, o que desafíou a autoridade eclesiástica. Condenado nos concilios de Zaragoza (380) e Bordeos (384), Prisciliano foi executado en Tréveris (385) por orde do emperador Magno Máximo, acusado de herexía, maxia e maniqueísmo.

Aínda así, o movemento persistiu en Gallaecia, onde se venerou o seu corpo como mártir. Durante o Reino Suevo, mantívose tolerado ata a conversión ao catolicismo do rei Requiario (449), que iniciou a persecución dos priscilianistas. A súa influencia prolongouse até ser condenado definitivamente no Segundo Concilio Bracarense (572), marcando a fin dunha doutrina que fusionou ascetismo, misticismo e rebelión contra a xerarquía eclesiástica.

  1. Villares 2004, p. 47, 48.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Villares 2004, p. 48.
  3. "Marco Perperna Veiento". dbe.rah.es. Consultado o 2024. 
  4. 4,0 4,1 Villares 2004, p. 48, 49.
  5. Villares 2004, p. 49.
  6. Villares 2004, p. 50, 51.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar