Elisa Fernández de la Vega
Elisa Fernández de la Vega Lombán[1], nada na Veiga (Asturias) o 30 de maio de 1895[2] e finada en Zaragoza o 21 de novembro de 1933[2][3], foi, canda a súa irmá, Jimena, a primeira muller en estudar nunha universidade galega e licenciarse en Medicina, en 1919, con 23 anos.[4]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de maio de 1895 A Veiga, España |
Morte | 21 de novembro de 1933 (38 anos) Zaragoza, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | médica |
Familia | |
Cónxuxe | Gumersindo Sánchez Guisande |
Pai | Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín |
Irmáns | Jimena Fernández de la Vega Wenceslao Fernández de la Vega Lombán Virgilio Fernández de la Vega Lombán |
Traxectoria
editarFilla de Dolores Lombán Cotarelo e Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, médico liberal de Castroverde, membro da Institución Libre de Enseñanza,[5] fundador e primeiro director do balneario de Guitiriz.
Entre 1909 e 1913 realizou os estudos de secundaria no Instituto de Lugo en réxime de non colexiada, sen asistencia, conseguindo no entanto, as cualificacións de sobresaínte en Ciencias e o aprobado en Letras[6][7] ao se graduar o 23 de xuño de 1913.[2]
Elisa tivo unha irmá xemelga, Jimena, 15 minutos máis nova, coa que, en 1914, foi admitida como primeira muller na Facultade de Medicina en Santiago, rematando xuntas a licenciatura en 1919 (Jimena con premio extraordinario por concederse só unha), con 23 anos. [2]
Logo da carreira trasladouse a Madrid para continuar a traballar co catedrático de Patoloxía Roberto Nóvoa Santos. Conseguiu unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios, aínda que non chegou a viaxar.[8]Doutorouse en 1921, coa tese Asma anafiláctico alimenticio y consideraciones acerca de la patogenia del asma en general. O seu director de tese foi Teófilo Hernando, co que realizará outros traballos de investigación. A súa carreira derivará á especialidade de Pediatría baixo a tutela de Enrique Súñer.[2]
Casou en 1925 con Gumersindo Sánchez Guisande[9] e trasladouse con el a Sevilla cando este tomou posesión da praza de catedrático de Medicina. Entre 1925 e 1930 exerceu como profesora axudante en Anatomía descritiva e Técnica anatómica. Un novo cambio de destino do seu home levouna a Zaragoza en 1930, onde Elisa dará clases de Anatomía e de Técnica na universidade.[8]
Desempeñou un labor frenético, pois mentres impartía clases na Facultade, atendía os seus tres fillos (Luciano, Wenceslao e Elisa), levaba unha consulta na casa, pronunciaba conferencias antibelicistas, escribiu un manual para enfermeiras que non chegou a publicar e asinou artigos científicos en xornais e revistas co pseudónimo Zoraida.[4]
Fundou un albergue para indixentes. Cando estaba a piques de converterse na primeira catedrática española, ao asinar as oposicións en 1932 enfermou dunha pneumonía atípica que ela mesma se diagnosticou que a levou á tumba.[2] Jimena fíxose cargo dos seus fillos durante doce anos logo de que Gumersindo Sánchez Guisande tivese que marchar ó exilio.[2]
Entre 2004 e 2010, unha sobriña súa, María Teresa Fernández de la Vega, foi vicepresidenta primeira do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero.[10]
Obra
editar- Fernández de la Vega, Elisa (1921). Asma anafiláctico alimenticio y consideraciones acerca de la patogenia del asma en general. Madrid: Universidade Central. Tese inédita.
- Fernández de la Vega, Elisa (1924). Los Rayos X en el tratamiento de las queratitis intersticiales. Buenos Aires : Instituto de Medicina para el estudio y tratamiento del cáncer.
Recoñecementos
editarEn 2006 inaugurouse a Vicerreitoría de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela baixo o nome de Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega.[11]
Notas
editar- ↑ O nome completo era Elisa Fernanda María del Carmen Fernández de la Vega Lombán.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Rey, Manuel (08-03-2018). "Jimena e Elisa Fernández de la Vega, as xemelgas pioneiras na Medicina en Galicia". gciencia.com. Consultado o 15-03-2018.
- ↑ Noticia en El Compostelano, 21-11-1933, p. 2.
- ↑ 4,0 4,1 Paredes, Josefa. "Las tías de la vicepresidenta". elmundo.es. Consultado o 15-03-2018.
- ↑ Rey, Manuel (08-03-2018). "Jimena e Elisa Fernández de la Vega, as xemelgas pioneiras na Medicina". GCiencia. Consultado o 12-02-2019.
- ↑ Bugallo Rodríguez, Ánxela (20-11-2013). "Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán". culturagaleg.gal. Consultado o 15-03-2018.
- ↑ Delgado (2007), p.544
- ↑ 8,0 8,1 Flecha García, Consuelo (xullo-decembro 2010). "Profesoras en la Universidad. El tránsito de las pioneras en España". Arenal 17 (2): 255–297.
- ↑ "Una boda". El regional: diario de Lugo (14357). 06-01- 1925.
- ↑ "Xenealoxía María Teresa Fernández de la Vega". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2013. Consultado o 25 de novembro de 2013.
- ↑ "Homenaje a Jimena y Elisa Fernández de la Vega, tías de María Teresa y pioneras en la universidad gallega". elcorreogallego.es. 03-12-2006. Arquivado dende o orixinal o 16-03-2018. Consultado o 13-03-2018.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Delgado Echeverría, Isabel (2007). El descubrimiento de los cromosomas sexuales: un hito en la historia de la bioloxía. Col. Estudios sobre la ciencia. CSIC. ISBN 978-84-00-08514-8.
- "Fernández de la Vega, Jimena e Elisa". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Pintos Barral, Xoana (2021). Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Editorial Galaxia.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Elisa Fernández de la Vega". Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.
- Vídeo conmemorativo do 120 aniversario realizado pola Fundación TIC de Lugo e o IES Lucus Augusti.
- Jimena e Elisa Fernández de la Vega, as xemelgas pioneiras na Medicina en Galicia artigo de Manuel Rey en Gciencia
- Gurriarán, Ricardo. "Elisa Fernández de la Vega". Álbum da JAE do Consello da Cultura Galega.