Winter Classic 2025 (Auroraliiga)

O Winter Classic 2025 é un partido de hóckey sobre xeo feminino ao aire libre que se disputou o día 15 de febreiro de 2025 na pista de xeo de Koulukatu de Tampere entre as xogadoras locais do Ilves e das do RoKi de Rovaniemi. O partido foi valedoiro e formou parte do calendario da tempada 2024-25 da Auroraliiga, a máxima competición do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia.

Winter Classic 2025
123 Total
Ilves 436 13
RoKi 100 1
Data15 de febreiro de 2025
PistaKoulukatu
CidadeTampere
Asistencia120
← 2024

Logo dos 60 minutos regulamentarios o Ilves impúxose no marcador por 13-1 nun partido que, a pesar do gol inicial do RoKi, estivo dominado polas xogadoras do equipo local. O resultado supuxo o récord de goles para un equipo nun partido da liga regular esa tempada, así como a vitoria por maior marxe.

A sede

editar
Artigo principal: Pista de xeo de Koulukatu.
 
A pista de xeo de Koulukatu, na que se disputou o partido.

O Winter Classic disputarase na mítica pista de xeo de Koulukatu de Tampere o 15 de febreiro de 2025.[1] A pista forma parte da historia do hóckey sobre xeo finlandés, xa que foi a primeira pista de xeo artificial construída en Finlandia na década de 1950. Koulukatu foi ademais a casa do Ilves Naiset durante case dúas décadas, ata que o equipo se trasladou ao Tesoman jäähalli, no oeste da cidade.[2]

Antecedentes

editar

Se ben o partido ao aire libre da máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés disputouse por segunda tempada consecutiva na pista de pista de xeo de Koulukatu, anteriormente xa se xogaron outros clásicos de inverno en categoría feminina no mesmo escenario. O 28 de xaneiro de 2012, na daquela denominada Naisten SM-sarja, enfrontáronse as xogadoras do Ilves ás Espoo Blues no chamado Koulukarun lassikko.[3] Nesa ocasión o partido decantouse do lado do equipo local (3-1). As de Tampere foron superiores ao equipo de Espoo, como recoñeceu logo do partido a capitá visitante Essi Hallvar.[4]

Na edición precedente volveron enfrontarse o equipo de Tampere e o de Espoo,[a] os dous equipos máis laureados do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia. Desta volta o equipo de Uusimaa acabou impoñéndose por 3-5.[5]

Programa do evento

editar
 
As mascotas do Ilves e da empresa de sanidade privada Pihlajalinna, Ipa e Kettu, no saque de honra antes de comezar o partido.

A xornada comezou ás 11:00 coa disputa do partido masculino entre os equipos Ilves U18 Akatemia e o TPS. A continuación xogouse o encontro da Auroraliga entre o Ilves e o RoKi, logo do cal se disputaron outros dous partidos masculinos entre os equipos do Ilves que compiten no campionato finlandés U16 e U18, os primeiros ás 17:00 fronte o HPK, mentres que os últimos pecharon a xornada ás 19:31 nun derby fronte o Tappara. Todos os partidos foron retransmitidos en streaming pola canle da Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo Leijona-TV.[6]

Paralelamente aos partidos na pista de xeo principal, na segunda pista desenvolvéronse actividades de promoción, cun par de horas de patinaxe aberto ao público antes do inicio dos partidos, eventos publicitarios de CCM -un dos patrocinadores da xornada-, así como mostras das escolas de hóckey de nenas, os equipos de nenos menores de cinco e seis anos, o equipo afeccionado Four Season, o equipo de special hockey do Ilves, e que rematou cun partido de hóckey sobre xeo aberto a todo o mundo que quixera participar.[7]

Durante a xornada houbo un posto no que mercar salchichas, bebidas e gorros conmemorativos do evento, entre outras cousas. As mascotas do Ilves, Ipa, e a da empresa de sanidade privada Pihlajalinna, Kettu (en galego raposo), estiveron tamén presentes no evento animando ao público.[7]

Enfrontamentos previos na tempada

editar

O RoKi chegou ao partido como último clasificado da liga con tan só unha vitoria no seu casilleiro sen posibilidade de mellorar a súa clasificación nos dous últimos encontros, polo que o equipo de Laponia tiña xa asegurada a súa presenza na cualificación.[8]

Pos. Equipo PX V OTW OTL D GF GC DG Pts
5 Ilves 30 14 2 1 13 101 98 +3 47
9 RoKi 30 1 0 0 29 43 184 -141 3

Equipos

editar
 
Xogadoras do Ilves ao final do partido.
Artigo principal: Ilves Naiset.

O Ilves foi un dos equipos fundadores da liga feminina finlandesa, sendo un dos equipos que participaron na súa tempada inaugural. O equipo de Tampere é o único que participou en todas as edicións da competición, da cal se proclamou campión en 10 ocasións, ademais de conseguir 12 medallas de prata e 6 bronces ata a data do evento, do mesmo xeito, é o único equipo finlandés que se proclamou campión dunha competición internacional, foi no ano 2011, cando alzou a IIHF European Women's Champions Cup.[9][10][11] O equipo estivo dirixido por Marjo Voutilainen, quen viviu a súa terceira tempada á fronte do equipo de Tampere. O equipo do Ilves na tempada 2024-25 estivo integrado polas seguintes xogadoras:

Modelo:Ilves Naiset 2024-25

 
Xogadoras do RoKi formando ao final do partido.
Artigo principal: RoKi Naiset.

O RoKi de Rovaniemi participou por primeira vez nunha competición oficial na tempada 1999-2000, cando xogou no grupo de Laponia na II-divisioona.[12] En 2012 conseguiu o ascenso á segunda categoría do hóckey sobre xeo finlandés, a Naisten Mestis, onde axiña se converteu nun equipo competitivo e exitoso. Finalmente, na primavera de 2020 o equipo conseguiu o ascenso á máxima categoría, a Naisten Liiga.[13] En 2025 o equipo de Laponia non conseguira clasificarse nunca para os play-offs. O equipo estivo dirixido por Oona Parviainen na súa primeira tempada aos mandos do equipo de Rovaniemi. O equipo do RoKi na tempada 2024-25 estivo integrado polas seguintes xogadoras:

Modelo:RoKi Naiset 2024-25

O partido

editar
 
As xogadoras do Ilves e o RoKi durante a interpretación do himno de Finlandia.

Ás 14:00 (UTC +2) deu inicio o partido da Auroraliiga entre o Ilves e o RoKi, o segundo da xornada na pista de Koulukatu. Antes do inicio do partido, cos dous equipos en ringleira sobre as súas respectivas liñas azuis, interpretouse o himno de Finlandia, e a continuación Ipa (mascota do Ilves) e Kettu (mascota de Pihlajalinna) realizaron o saque de honra no medio da pista.

Se ben foi o RoKi o equipo que abriu o marcador grazas ao gol de Magdalena Felcmanova a pase de Dominika Malicka no minuto 11:42, noon houbo unha competencia real no xeo e o equipo local dominou no xeo de Koulukatu e medio minuto despois do gol de Felcmanova Julia Kuusisto, a pase de Elli Pohjanaho, bateu á Alexandra Väyrynen colocando a igualada no marcador. O Ilves non tardou moito en poñerse por diante no marcador, xa que en menos dun minuto e medio Emma Ekoluoma anotou o segundo gol das locais, que aínda conseguirían dous goles máis no primeiro terzo.[8][14]

Na segunda parte do partido o Ilves seguiu a dominar, anotando os seus tres goles en menos de dous minutos, deixando o marcador cun claro 7-1 a falta dun terzo. No terzo final a vantaxe do Ilves elevouse ata os 12 goles de diferenza logo de que o RoKi, que adoptou un papel de expectador, encaixara un parcial de 6-0 nos últimos 20 minutos.[8][15]

Ao final do partido as xogadoras locais realizaran 71 disparos a porta por 22 das xogadoras visitantes. Ademais o RoKi só conseguiu gañar 14 face-offs por 38 das xogadoras dirixidas por Marjo Voutilainen, que ademais non foron sancionadas en todo o partido e materializaron en gol dúas das catro situacións de superioridade das que dispuxeron.[15]

 
Cerimonia de entrega de premios ás xogadoras máis destacadas do partido.

As xogadoras Noora Mylläri e Linnea Melotindos tiveron un papel importante na vitoria do Ilves ao sumar cada unha cinco puntos (2+3), nun partido no que ata sete xogadoras locais conseguiron canto menos tres puntos, salientando tamén os catro puntos de Julia Kuusisto (2+2), Emma Ekoluoma (2+2) e Matilda Nilsson (1+3).[16][8]

Ao final do partido Julia Kuusisto foi elixida como a mellor xogadora do Ilves,[8] mentres que Magdalena Felcmanova o foi do RoKi, e Elli Suoranta foi recoñecida como a xogadora "máis famenta". Os premios foron entregados pola antiga xogadora do Ilves Anne Haanpää.

15 de febreiro de 2025
14:00
Ilves 13 - 1
(4–1, 3–0, 6–0)
RoKi Koulukatu (Tampere)
Asistencia: 120
 
Xogadoras do Ilves coa camisola e o gorro conmemorativo do evento antes do partido.

Durante esta edición do Winter Classic os distintos equipos do Ilves, incluído o equipo feminino, xogaron cunha camisola conmemorativa especial. A camisola, sen publicidade, era completamente negra e no peito podía lerse en maiúsculas ILVES en letras maiúsculas co bordo verde, nos hombreiros aparecía a silueta do logo do club tamén en verde, mentres que nas costas e nos brazos aparecía a silueta do número de cada xogadora. O logotipo do evento aparecía no lado dereito do peito.[17]

Os 13 goles do Ilves supuxeron o maior rexisto de goles dun equipo nun partido da liga regular durante a tempada, así como a vitoria máis ampla cun +12.[18]

  1. O equipo de Espoo baixo a denominación Kiekko-Espoo.
Referencias
  1. Seppä, Lassi (12 de decembro de 2024). "Koulukadun kentällä pelataan tälläkin kaudella − ulkojäillä on luvassa Auroraliigaa ja juniorikiekkoa". Jatkoaika.com (en finés). Consultado o 21 de decembro de 2024. 
  2. Mennander, Pasi (13 de xaneiro de 2012). "SM-sarjakiekko palaa Tampereen Koulukadulle - Ulkojääottelu 28.1.2012!" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 20 de xaneiro de 2024. 
  3. "Naisten SM-sarjaa: Koulukarun Lassikko la 28.1.2012" (en finés). Ilves Hockey. 23 de xaneiro de 2012. Consultado o 20 de xaeiro de 2024. 
  4. Mennander, Pasi (29 de xaneiro de 2012). "Ilves vei Koulukarun lassikon - Upea ilma kruunasi hienon tapahtuman" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 20 de xaneiro de 2024. 
  5. Teiskonlahti, Kirsi (3 de febreiro de 2024). "Ilves vei huippupelin Koulukadulle – Tältä paluu legendaariseen ympäristöön näytti". Aamulehti (en finés). Consultado o 21 de decembro de 2024. 
  6. "Mainos Winter Classic ottelutapahtumaan?" (PDF) (en finés). WinterClassic.fi. Consultado o 21 de decembro de 2024. 
  7. 7,0 7,1 "TERVETULOA NAUTTIMAAN TALVISESTA PÄIVÄSTÄ JA JÄNNITTÄVISTÄ OTTELUISTA WINTER CLASSIC-OTTELUTAPAHTUMAAN TAMPEREEN KOULUKADUN KENTÄLLE LAUANTAINA 15.2.2025!". IlvesJäaäkiekko.fi. Consultado o 18 de febreiro de 2025 lingua=fi. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Seppä, Lassi (15 de febreiro de 2025 dataacceso=18 de febreiro de 2025). "MURSKAJAISET ULKOJÄILLÄ − ILVEKSEN JULIA KUUSISTO ILOITSI MAALEISTA, ROKIN VIIVI ISO-KOUVOLA KIITTI SINNIKÄSTÄ YLEISÖÄ". Jatkoaika.com (en finés). 
  9. "Ilves" (en finés). Leijonat.fi. 6 de febreiro de 2023. Consultado o 6 de febreiro de 2024. 
  10. "Eniten mitaleita Naisten Liigassa" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 6 de febreiro de 2024. 
  11. "Ilveksen naiset tekivät suomalaista jääkiekkohistoriaa". Yle Urheilu (en finés). 27 de febreiro de 2011. Consultado o 6 de febreiro de 2024. 
  12. "RoKi" (en finés). Leijonat.fi. 6 de febreiro de 2023. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  13. "Historiallinen syksy Rovaniemen lätkäfaneille: kausi alkaa liigajääkiekolla ensimmäistä kertaa ikinä". Yle.fi (en finés). 18 de agosto de 2020. Consultado o 26 de setembro de 2020. 
  14. "Ficha do partido" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 18 de febreiro de 2025. 
  15. 15,0 15,1 "Ilveksen Melotindos ja Mylläri liikaa RoKille" (en finés). ilkkapohjalainen.fi. 15 de febreiro de 2025. Consultado o 20 de febreiro de 2025. 
  16. Löfman, Heikki (15 de febreiro de 2025). "HPK kuritti TPS:ää playoff-ennakossa – runkosarjan kolmossija ratkeaa vasta sunnuntaina" (en finés). Consultado o 20 de febreiro de 2025. 
  17. "Road to Winter Classic 2025 Part 2️⃣" (en finés). Contas de Instagram do Ilves. Consultado o 20 de febreiro de 2025. 
  18. "Resultados da tempada" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 20 de febreiro de 2025. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns exterrnas

editar