Wikipedia:Xornal da Galipedia/18-01-2015/Encontros
Primeiro editatón do Día da Ciencia en Galego
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/4/4a/Editat%C3%B3n_do_D%C3%ADa_da_Ciencia_en_Galego.jpg/220px-Editat%C3%B3n_do_D%C3%ADa_da_Ciencia_en_Galego.jpg)
Aínda que xa pasou un tempiño, foi a comezos de novembro do ano pasado, deixádeme que vos conte un pouco como foi o Primeiro editatón do Día da Ciencia en Galego.
Un editatón, ou wikimaratón, é unha reunión de editores que se xuntan para editar un conxunto de artigos sobre un tema concreto, e iso foi o que fixemos en Lugo. Co gallo da semana da Ciencia en Galego, coa organización da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo e co apoio de Proxéctate en Galego, Wikimedia España e as Nerd Nites de Santiago de Compostela, xuntámonos para ter unhas charlas e editar sobre ciencia en galego.
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/6/60/Participacion_Primeiro_editat%C3%B3n_do_D%C3%ADa_da_Ciencia_en_Galego.jpg/220px-Participacion_Primeiro_editat%C3%B3n_do_D%C3%ADa_da_Ciencia_en_Galego.jpg)
Tivemos unha charla sobre a historia do Día da Ciencia en Galego e as actividades que realizan, descubríndonos as incribles posibilidades que hai de fomentar a nosa lingua entre os rapaces novos.
Logo tivemos un obradoiro para aprender a usar o novo Editor Visual das wikipedias, e vimos que agora a Galipedia é máis doada de editar que nunca. E unha vez que o Editor estivo controlado puxémonos a traballar nos artigos de ciencia aproveitando a estupenda bibliografía que tiña preparada a xente da Biblioteca Intercentros. Amañamos un pouco algúns artigos e fixemos outros que aínda non estaban, como proxeria, sensor ou cúpula xeodésica.
Na sobremesa seguimos con "A Arqueoloxía Experimental e a apocalipse zombi: pequeno manual de supervivencia para nerds", unha estupenda charla que nos achegou dun modo moi divertido á arqueoloxía experimental, gargalladas nunha clase de historia, si se pode! :)
Ó final participaron vinte persoas, case quince de forma presencial, e as que participaron presencialmente encheron unha enquisa para avaliar a satisfacción da actividade no que tódalas respostas foron positivas e cun alto nivel de satisfacción. Como nota teño que comentar que a proposta para mellorar a actividade de "Debería haber máis titores" foi a segunda con máis votos, teremos que tentar participar un pouco máis para as próximas veces.
E xa se está a preparar o próximo, desta vez en Vigo, non o perdas!!