Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2024
A balsa muisca (en muisca: zhiny myska) ou balsa dourada (en muisca: zhiny kihichá) é unha peza votiva de ourivaría precolombiana feita pola cultura muisca, un pobo indíxena que habita no Altiplano Cundiboyacense dos Andes colombianos. A peza probablemente fai referencia á cerimonia de ofrenda de ouro descrita na lenda de El Dorado, que ocasionalmente tiña lugar na lagoa de Guatavita. Neste ritual, o novo xefe muisca (o zipa), que estaba a bordo dunha balsa e cuberto de po de ouro, guindaba obxectos de ouro á lagoa como ofrendas aos deuses, antes de mergullarse na lagoa. A figura foi creada entre os anos 1295 e 1410 mediante fundición á cera perdida nunha aliaxe de ouro con prata e cobre. A balsa formaba parte dunha ofrenda que foi colocada nunha cova do concello de Pasca. Dende o seu descubrimento en 1969, a balsa muisca converteuse nun emblema nacional de Colombia e foi representada nos selos de correos. A peza está exposta no Museo do Ouro de Bogotá.