Voo 431 de Kenya Airways

voo regular internacional de pasaxeiros entre as cidades de Abidjan, Lagos e Nairobi

O voo 431 de Kenya Airways era un voo regular internacional de pasaxeiros entre as cidades de Abidjan, Lagos e Nairobi, operado por un Airbus A310-300, que se esnafrou no mar fronte a costa de Costa do Marfil o 30 de xaneiro de 2000, pouco despois de engalar no Aeroporto Port Bouet, en Abidjan.[1][2] Había 179 persoas a bordo do avión, das cales 169 eran pasaxeiros. Só houbo dez superviventes. Foi o primeiro accidente con vítimas mortais de Kenya Airways e o peor dun Airbus A310.[1]

Voo 431 de Kenya Airways
O avión do accidente en 1994.
Resumo
Data  30 de xaneiro de 2000
Causa  fallo eléctrico combinado
con erro do piloto
Lugar  na costa de Costa do Marfil
Coordenadas 
Finados  169
Feridos  10
Aeronave
Tipo de aeronave Airbus A310-300
Operador  Kenya Airways
Rexistro  5Y-BEN
Pasaxeiros  169
Tripulación  10
Superviventes  10

Avión e pilotos

editar

O aparello involucrado no accidente era un Airbus A310-304 con rexistro 5Y-BEN[2] e co nome "Harambee Star".[1] Co número de serie 426, o avión entrou en servizo con Kenya Airways en setembro de 1986. Tiña rexistradas 58 115 horas de voo no momento do accidente. Estaba equipado con dous motores General Electric CF6-80C2A2, con número de serie 690 120 (babor) e 690 141 (estribor). Antes do accidente os motores acumularan 43 635 e 41 754 horas de voo respectivamente.[2]

O voo estaba baixo o mando do capitán de 44 anos Paul Muthee,[3] un experimentado oficial con 11 636 horas de voo, 1 664 delas nun Airbus A310. Cualificouse como piloto de A310 o 10 de agosto de 1986 e tamén podía voar Boeing 737-300, Boeing 737-200, Fokker 50 e Fokker 27, ademais de varios avións máis pequenos. O primeiro oficial era Lazaro Mutumbi Mulli, de 43 anos, que tiña 7 295 horas de voo, 5 768 nun A310. Ámbolos dous pilotos realizaran catro aterraxes e catro engalaxes con ese modelo de avión no aeroporto de Abidjan.

Accidente

editar

O voo saíu de Nairobi como o Voo KQ430, e debería aterrar en Abidjan tras unha escala en Lagos.[1] Moitos nixerianos que viaxaban dende Dubai para realizar compras libres de impostos usaban ese voo.[4] Ese día, despois de aprazar a parada en Lagos, o voo continuou directamente cara a Abidjan debido ás pobres condicións meteorolóxicas locais.[2][5][6] Os ventos harmattan que sopraban cara ao sur dende o Sáhara fixeron que o ceo de Lagos se volvese infrecuentemente nubrado e todas as aterraxes ao seu aeroporto suspendéronse ese día.[7] Tras unha escala de tres horas, o avión engalaou cara a Lagos ás 21:08 GMT e esnafrouse no océano Atlántico, a 2 quilómetros ao leste do aeroporto un minuto despois de saír.[7] Despois do accidente a aeroliña estableceu un centro de crise no hotel InterContinental de Nairobi.[6][8]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Aviation Safety Network (ed.). "Descrición do accidente". Consultado o 17 de xaneiro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 BEA (ed.). "Informe final do accidente" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de outubro de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2017. 
  3. Le Journal du Dimanche (ed.). "Kenya Airways bientôt mis en examen". Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2018. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  4. The Guardian (ed.). "Over 100 feared dead after Kenyan jet crash". Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  5. CNN (ed.). "Rescuers seek more survivors of Kenya Airways crash". Archived from the original on 20 de maio de 2005. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  6. 6,0 6,1 BBC (ed.). "Anguish of air crash familie". Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2012. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  7. 7,0 7,1 The New York Times (ed.). "10 of 179 Survive Kenya Airbus Crash in the Atlantic". Archived from the original on 27 de outubro de 2013. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  8. The Washington Post (ed.). "A Grim Search at African Jet Crash Site; Ten Survivors Rescued, Scores of Bodies Recovered in Ivory Coast Waters". Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2018. Consultado o 10 de marzo de 2018.