Viaxes Amarelle FSF
O Viaxes Amarelle FSF é un club de fútbol sala feminino da cidade da Coruña, que milita na Segunda División. Fundado en 1997 en Santa Comba, trasladouse en 2005 á Coruña, tras fusionarse co histórico Sal Lence.
Viaxes Amarelle | |
---|---|
Nome | Viaxes Amarelle Fútbol Sala Feminino |
Fundación | 1997 |
Estadio | Pavillón Municipal do Barrio das Flores |
Presidente | ![]() |
Adestrador | ![]() |
Liga | Primeira División |
2022/23 | 12º |
Vestimenta | Legea |
Na rede | |
http://www.amarellefsf.com/ | |
Historia
editarFoi fundado en 1997 en Santa Comba por Severino Amarelle, propietario dunha axencia de viaxes e persoa moi vencellada ao deporte do Xallas.[1] Formou un equipo integramente feminino para participar na liga masculina de Santa Comba e tras e unha boa primeira tempada pasou a xogar en competicións femininas.[2] Nos seguintes anos deuse forma aos equipos de base, mentres o primeiro equipo avanzaba da liga da Costa á liga provincial, conseguindo o ascenso á Liga Autonómica Galega en 2003, mesmo ano no que conquistaron a súa primeira Copa Galicia, con Ana Varela como adestradora.[3]
Na tempada 2005/06, a posibilidade de que desaparecese o histórico Sal Lence da Coruña e as dificultades do Viaxes Amarelle para xogar nunha pista en condicións, levaron a que ambos clubs decidisen a súa fusión.[2] O novo club continuou co nome do Viaxes Amarelle e con Severino Amarelle como presidente, pero pasou a xogar os seus partidos no Complexo Deportivo de San Diego da Coruña. Xogou na liga autonómica ata que na tempada 2009/10 disputou a primeira edición da Segunda División nacional. Na campaña 2011/12 conseguiu o título de liga, o que lle deu dereito a xogar a promoción de ascenso á Primeira División, onde as xogadoras laranxas tamén saíron triunfantes.[2]
Na tempada 2012/13 o equipo debutou na máxima categoría do fútbol sala feminino, con José Carlos Martín "Chipi" como adestrador, e conseguiu a permanencia nas dúas primeiras campañas, ata que acabou descendendo na terceira.[2] Pili Costa adestrou o conxunto coruñés durante os seguintes anos, conseguindo devolver o equipo á Primeira División en 2018, despois dunha promoción de ascenso contra o Almagro.[4] A continuación Pili Costa decidiu deixar o club para emprender outros proxectos,[2] sendo substituída por Jorge González Basanta, con quen o Amarelle viviu dous descensos a Segunda, seguidos por cadanseu ascenso a Primeira. Na súa quinta e última campaña á fronte do equipo, conseguiu finalmente permanecer en Primeira, ao rematar no 12ª posto da táboa.[5]
Palmarés
editar- Segunda División (2): 2011/12, 2019/20.
- Copa Galicia (1): 2003.
- Copa Deputación da Coruña (2): 2015 2016.
Notas
editar- ↑ "Sentido adiós en Santa Comba a Severino Amarelle". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de setembro de 2021. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "O noso club". amarellefsf.com. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ "El Viajes Amarelle sénior conquista la Copa Galicia de fútbol sala femenina". La Voz de Galicia (en castelán) (Carballo ed.). 21 de maio de 2003. p. 16.
- ↑ "El Amarelle es de Primera". DxT Campeón (en castelán). 17 de xuño de 2018. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ "Jorge Basanta deixa o Viaxes Amarelle tras cinco anos na Primeira División". Nós Diario. 14 de xullo de 2023. Consultado o 9 de decembro de 2023.