Transliteración Wylie

método de transliteración da escrita tibetana

A transliteración Wylie é un método de transliteración da escrita tibetana empregando só as letras dispoñibles nunha máquina de escribir inglesa. Foi creado polo académico estadounidense Turrell V. Wylie en 1959.[1] Na actualidade, é o sistema estándar de transliteración do tibetano, especialmente nos Estados Unidos.

Transliteración Wylie do alfabeto tibetano

Desenvolvemento

editar

Calquera sistema de romanización do tibetano enfróntase ao dilema de reproducir con fidelidade os sons da lingua falada ou a ortografía do seu alfabeto, pois ambas presentan notables diferenzas, xa que a escrita tibetana fixouse no século XI, namentres a lingua continuou a evolucionar.

Moitos sistemas previos intentaron reflectir ambas realidades, sen acadar unha representación perfecta de ningunha delas. Pola contra, a transliteración Wylie foi deseñada para transcribir con precisión a escrita tibetana, o que conduciu á súa aceptación nos círculos académicos. Xa que logo, non intenta representar a pronunciación actual da lingua.

Vogais

editar

As catro marcas vocálicas do tibetano (aplicadas sobre a letra de base ) son transliteradas do seguinte xeito:

ཨི i ཨུ u ཨེ e ཨོ o

Cando unha sílaba carece de marca vocálica explícita, úsase a letra a (ཨ་་) para representar a vogal por defecto.

Consonantes

editar

O esquema Wylie translitera os caracteres tibetanos da seguinte maneira:

T. W. IPA T. W. IPA T. W. IPA T. W. IPA
ka [ká] kha [↘︎kʰá] ga [ɡà/↗︎kʰà] nga [ŋà]
ca [tɕá] cha [↘︎tɕʰá] ja [dʑà/↗︎tɕʰà] nya [ɲà]
ta [tá] tha [↘︎tʰá] da [dà/↗︎tʰà] na [nà]
pa [pá] pha [↘︎pʰá] ba [bà/↗︎pʰà] ma [mà]
tsa [tsá] tsha [↘︎tsʰá] dza [dzà/↗︎tsʰà] wa [wà]
zha [ʑà/↗︎ɕà] za [zà/↗︎sà] 'a [ɦà/↗︎ʔà] ya [jà]
ra [rà] la [là] sha [↘︎ɕá] sa [↘︎sá]
ha [há] a [↘︎ʔá]

No sistema de escritura tibetano, os grupos consonánticos dentro dunha sílaba represéntanse a través de prefixos ou sufixos, ou por superíndices ou subíndices dunha letra de base. Non obstante, a transliteración Wylie non adoita distinguir estes elementos, xa que na práctica non hai ambigüidade posible grazas ás regras da ortografía tibetana. A única excepción é a secuencia gy-, que pode escribirse cun g de prefixo ou un y de sufixo. No sistema Wylie, esta secuencia distínguese mediante un punto; por exemplo, a palabra para "muro" é gyang, namentres "fendedura" é g.yang.

Uso das maiúsculas

editar

Moitos sistemas anteriores incluían mecanismos internos para o uso das maiúsculas: en xeral, usábanse as maiúsculas para a letra da raíz dunha palabra, no canto da súa primeira letra, cando esta última era unha consonante de prefixo. Os dicionarios de tibetano están ordenados polas letras da raíz, e os prefixos adoitan ser mudos, polo que coñecer a raíz dunha palabra ofrece unha mellor idea da súa pronuncia. Porén, era común que estas regras se aplicasen de maneira inconsistente.

Xa que o uso de maiúsculas internas era incómodo e de escasa utilidade, Wylie decidiu que as maiúsculas só se empregarían ao comezo da palabra, seguindo a práctica das linguas occidentais. Así, por exemplo, a seita budista tibetana Kagyu escribiríase Bka'brgyud, no canto de bKa'brgyud.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar