Torre de Vilanova dos Infantes
A Torre de Vilanova dos Infantes érguese no alto dun outeiro no centro da vila medieval de Vilanova dos Infantes, a poucos quilómetros da capital do concello, Celanova, na provincia de Ourense. Foi nomeado Ben de Interese Cultural o 22 de abril de 1949.
Torre de Vilanova dos Infantes | |
---|---|
ben de interese cultural | |
![]() | |
Concello | Celanova |
Provincia | Ourense |
Comunidade autónoma | Galicia |
Coordenadas | 42°09′08″N 7°57′17″O / 42.15232222, -7.95461667 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | románico (século X) |
Estilo actual | románico (século XV) |
Estado actual | restaurado |
Véxase tamén | |
Castelos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarSegundo recolle a tradición, Ilduara, nai de San Rosendo fundou en Vilanova un mosteiro no ano 940. Este mosteiro feminino, hoxe desaparecido, é probable que estivesen acollidas dúas fillas de Afonso X O Sabio.
Neste castelo habitarían os pais de San Rosendo cara ó 927, e probablemente fosen os seus construtores.[1]
Durante o século XII xogou un importante papel nas guerras con Portugal. No convulso século XIV galego, a vila, castelo e xurisdición pertencían a Fernando de Castro, partidario, na guerra civil entre Henrique II de Castela e Pedro I, do derrotado Pedro. Isto fixo que moitas das súas posesións pasasen a mans dos Biedma. Con posterioridade os Biedma entroncaron coa poderosa liñaxe dos Monterrei, ingresando deste xeito o castelo no patrimonio desta familia.
A mediados do século XV contábase entre as mellores prazas forte dos Monterrei, que tiveron que preitearse cos de Lemos pola súa posesión.
En 1474, durante as revoltas irmandiñas, os sublevados derrubaron a fortificación. Sufocada a revolta, os derrotados foron obrigados a reconstruíla, achegando o propio traballo e 100 marabedís por cabeza.
En 1645 foi reforzado como consecuencia das guerras hispano-portuguesas, aínda que ó final non resultou afectado por estas.
Características
editarNa actualidade só se conserva en boas condicións a torre da homenaxe. É de planta cadrada, con máis de nove metros de lado e dous metros de ancho de muro. Ten dezanove metros de altura. Non conserva as ameaxes saíntes, mais si os canzorros que a substitúen.
O castelo aséntase directamente sobre a rocha matriz, e está construído con granito.
A porta de acceso sitúase a cinco metros de altura, chegándose a ela por medio dunhas escadas modernas. No muro norte ábrese a maior altura unha segunda porta de arco quebrado formado por grandes aduelas. Esta segunda porta serviría de comunicación entre a torre e o corpo principal do castelo, salvando a altura por medio dunha ponte levadiza sustentada por catro mísulas triplas.
Ten un escudo de armas dos Zúñiga.
Da muralla que protexía a vila consérvase só un pedazo de tres metros de grosor e uns seis de altura.
Galería de imaxes
editarNotas
editar- ↑ Guía do patrimonio arquitectónico de Galicia.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Torre de Vilanova dos Infantes |
Bibliografía
editar- Boga Moscoso, Ramón: Guía dos castelos medievais de Galicia (2003), páxs. 219-220.
- Ponce Ponce, Leandro e Sánchez García, Jesús: Guía do patrimonio arquitectónico de Galicia (1998), páxs. 387-388.
- Martínez-Risco Daviña, Luis e López Martínez, José Antonio: Terra de Celanova (1993), páxs. 63-65.