Tomás Acción Golpe
Tomás Acción Golpe, nado en en Iñás (Oleiros) o 5 de xuño de 1898 e finado en Casablanca o 26 de abril de 1947, foi un mariño galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de xuño de 1898 ![]() Iñás, España ![]() |
Morte | 26 de abril de 1947 ![]() Casablanca, Marrocos ![]() |
Actividade | |
Ocupación | militar, político ![]() |
Traxectoria
editarIngresou no corpo de Maquinistas da Armada en 1916. En 1921 realizou os cursos na Escola de Submarinos de Cartaxena e en 1929 ascendeu a maquinista primeiro con rango de oficial, e a capitán en outubro de 1935. Estivo destinado a bordo de diferentes destrutores e buques de instrución. En 1932 era oficial do cruceiro Miguel de Cervantes e o 2 de xullo de 1936 foi nomeado maquinista segundo do acoirazado Jaime I.[1] Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 mantívose leal á República, xunto con Benito Sacaluga, xefe de máquinas primeiro, mentres gran parte dos oficiais e xefes do acoirazado trataron de sublevarse, operación que frustrou a acción revolucionaria da mariñeiría, cabos e suboficiais. Tomás Acción foi designado membro do Comité de goberno do buque e durante algunhas semanas o seu presidente. Foi director do periódico Amanecer que se editaba no propio buque ata xuño de 1937 cando se produciu a explosión do acoirazado no porto de Cartaxena, que o inutilizou. Despois foi comisario do destrutor Lazaga. Foi ascendido a comandante de máquinas en outubro de 1937 e destinado ao cruceiro Libertad. Detido no Parque de Artillería durante os sucesos do 5 de marzo, non saíu de Cartaxena co resto de persoal da frota.
Na noite do 28 ao 29 de marzo de 1939 partiu de Cartaxena no buque de vixilancia V-24 (antigo bou Teresa) con 178 refuxiados máis con destino a Orán. En maio foi internado en Camp Morand ata o 15 de marzo de 1940, cando se formaron as Compañías de Traballadores, e foi enviado nunha viaxe de máis de tres días a Bou Arfa, en pleno deserto, para traballar na construción do ferrocarril Transahariano. En Bou Arfa foi un dos animadores das actividades culturais, teatro e música, con outros internos como o tenor Vicente Sempere. Algunhas destas actividades foron consideradas subversivas e Tomás foi catalogado como comunista e enviado ao campo de castigo de Missour, onde permaneceu case un ano ata o desembarco aliado de novembro de 1942.
Tomás Acción deixou un avultado manuscrito cos seus recordos de guerra que asinou como Iñás e foi enviado á familia pola filla dun compañeiro de armas.
Estableceuse en Casablanca. Finou en Casablanca o 26 de abril de 1947,[2] sen que se teña noticia dos seus últimos días. Foi soterrado no cemiterio internacional de Ben M´Sick de Casablanca.
Notas
editar- ↑ El Correo Gallego, 11-6-1936, p. 1.
- ↑ BOE, 1-12-1948, p. 2969.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Acción Golpe, Tomás (2024). Moisés Acción Portela, ed. Por la estela del navío. Historia triste de una revolución alegre. Círculo Rojo. ISBN 978-84-1199-937-3.