Tesouro de San Xiao de Mos
O tesouro de San Xiao de Mos é un conxunto de moedas romanas da segunda metade do século III d.C., atopado na parroquia de San Xiao de Mos, Castro de Rei.
Tesouro de San Xiao de Mos | |
Tipo | 12 antoninianos romanos |
Data | Século III |
Cultura | Imperio Romano |
Características | |
Materiais | Bronce |
Descuberta | |
Localización | San Xiao de Mos, Castro de Rei, Galicia |
Conservación | |
Localización | Museo do Castro de Viladonga e Museo Provincial de Lugo |
Descuberta
editarPoucos son os datos que se coñecen acerca da descuberta deste tesouro, ademais de que foi achado no interior dunha vasilla de barro en San Xiao de Mos por un veciño do lugar.[1][2]
A primeira referencia sobre este achado é unha nota manuscrita, datada o 31 de marzo de 1973, do historiador Manuel Vázquez Seijas, na que se asegura que un veciño de Castro de Rei chamado José García Ferreiro lle regalou unha moeda que formaba parte deste conxunto, e que o cura da parroquia tiña algún exemplar máis.[2] De todas as maneiras, a data do achado é incerta, e mesmo podería remontarse ás décadas de 1940 ou de 1950.[3]
Ignórase a cantidade de moedas que compuña o tesouro orixinariamente, aínda que se estima que debeu ser moi abundante, dado que, ao parecer, moitas delas foron esparexidas entre a veciñanza do lugar.[1]
En maio de 1973, consta documentalmente a entrega no Museo Provincial de Lugo unha doazón que, conforme se pode ler na ficha de ingreso nesa institución o 29 de agosto do mesmo ano, aparece descrita deste xeito:[1][2]
“ | Un lote de moedas romanas, pequenos bronces (antoninianos) achados nunha vasilla de barro por un veciño de San Xiao de Mos. Doazón do Sr. cura párroco de S. Xiao de Mos. | ” |
Contido
editarDese lote depositado no museo lucense apenas se identificou inicialmente un exemplar: un antoniniano correspondente ao imperio de Claudio II (268-270 d.C.). Anos máis tarde, en 1976, Felipe Arias e Milagros Cavada publicaron un estudo dun grupo de doce antoninianos procedentes do tesouro que daquela estaban en posesión dun particular.[4] Posteriormente estas pezas foron depositadas no Museo do Castro de Viladonga e, xa en 2004,[5] os mesmos autores fixeron unha revisión do seu estudo, da que se desprendeu que todos eles pertencen aos reinados de Claudio II e de Galieno (253-268 d.C.), coa excepción dun a nome da esposa deste último, Salonina.[1][2][6]
Canto ás cecas imperiais de procedencia destes doce antoninianos, a máis común é Roma, con sete exemplares —mais outros dous de atribución dubidosa—, en tanto que dous espécimes corresponden á ceca de Mediolanum e un á ceca de Siscia.[7]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "B.6. San Xiao de Mos (Castro de Rei)". En Balseiro García, A. et al. (2021-a-). Páxina 773.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Tesouriño de San Xiao de Mos (Castro de Rei, Lugo)". En Balseiro García, A. (coord.) (2001). Páxina 56.
- ↑ Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (2004). Páxina 17.
- ↑ Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (1976).
- ↑ Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (2004).
- ↑ Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (2004). Páxinas 18-21.
- ↑ Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (2004). Páxina 23.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (1976). “Antoninianos de un tesorillo hallado en la Terra Chá (Lugo)”. En Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo IX. Nº 85-86. Páxinas 257-263.
- Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (2004). “Revisión dun tesouriño de Antoninianos achado na Terra Chá (Lugo) e resultado das análisis metalográficas”. En Boletín CROA 14. Amigos do Museo do Castro de Viladonga. Páxinas 17-25.
- Balseiro García, A. (coord.) (2001). Percorridos pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo. Deputación de Lugo. ISBN 978-84-8192-573-9
- Balseiro García, A. et al. (2021-a-). "Tesoros monetarios del Museo Provincial de Lugo: estudio y difusión". En Actas. XVI Congreso Nacional de Numismática (Barcelona, 28, 29 y 30 de noviembre de 2018). Tomo II. RCM-FNMT, Madrid. Páxinas 763-781. ISBN 978-84-89157-85-9
- Balseiro García, A. et al. (2021-b-). "Recorrido por la colección numismática del Museo Provincial de Lugo: programa de investigación y proyectos de divulgación". En Actas. XVI Congreso Nacional de Numismática (Barcelona, 28, 29 y 30 de noviembre de 2018). Tomo II. RCM-FNMT, Madrid. Páxinas 593-598. ISBN 978-84-89157-85-9
- Martínez Mira, I. (1997). "Tesorillos del S. III d.C. en la Península Ibérica". En Lvcentvm, XIV-XVI. Páxinas 119-180.