Tesouro de Everlöv

tesouro da era viquinga achado en Escania, Suecia


O tesouro de Everlöv é un conxunto de máis de 900 moedas e outros obxectos de prata pertencentes á cultura viquinga e datados entre os séculos IX e XI, aparecido en Evarlöv, Escania, na década de 1980.

Tesouro de Everlöv

Tipo Ca. 900 moedas
Data Séculos IX a XI.
Cultura Viquinga.
Características
Materiais Prata.
Descuberta
Localización Everlöv, Escania.
Suecia Suecia.
Data Década de 1980
Conservación
Localización Ekonimiska Museet - Gabinete Real de Moedas de Estocolmo

Achado e conservación

editar

A existencia do tesouro de Everlöv coñeceuse na década de 1980, cando un cidadán informou da súa aparición casual dentro dun moble que recibira en herdanza.[1] Descoñécese o lugar exacto do ocultamento orixinal, mais é probable que fose nalgún lugar de Escania, no sur de Suecia.[2][3]

Logo da súa aparición, o conxunto foi estudado por numismáticos do Museo Histórico da Universidade de Lund e, logo dun proceso xudicial, seguiu en propiedade da familia que o descubriu, ata que esta decidiu sacalo á venda en poxa pública na primavera de 2022. Antes de que a poxa chegase a producirse, dúas fundacións para a investigación numismática —a Sven Svensson e a Gunnar Ekström— acordaron a súa adquisición para que pasase a formar parte do Ekonomiska Museet, do Gabinete Real de Moedas de Estocolmo.[2][3][1]

Unha escolma de pezas procedentes do tesouro de Everlöv formou parte da exposición "Unha vida viquinga", aberta no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia entre xullo de 2024 e xaneiro de 2025.[4][5]

Contido

editar

O conxunto está constituído por 912 moedas e outros 40 obxectos diversos, todos eles de prata. As moedas máis antigas datan de arredor do ano 800 e as máis recentes están cuñadas cara ao ano 1018.[2][3][1]

Unha gran parte das moedas proceden de cecas bávaras, algo habitual nos achados en territorio sueco desta época, e tamén é abundante a presenza de moedas angloescandinavas, é dicir, cuñadas por monarcas escandinavos a imitación das moedas da inglaterra anglosaxoa. Pola súa banda, as moedas máis recentes son de procedencia dinamarquesa.[3]

O resto do tesouro é variado, con obxectos como un alfinete con figuras zoomorfas, unha lúnula eslava ou unha moeda bracteada de Henrique II (1014-1024) convertida en xoia.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Rescued Swedish Viking hoard to go on display in museums instead of being sold to private buyers". En The Viking Herald. 29 de abril de 2022.
  2. 2,0 2,1 2,2 "The Everlöv treasure". Ekonomiska Museet (Ekonomiskamuseet.se).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Swedish charity funds save unique Viking treasure". Lovecpokladu.cz
  4. "Unha vida viquinga". Cidadedacultura.gal
  5. "Everlöv hoard". En Exhibition: A Viking Life. Gaiás, Cidade da Cultura. Páxina 5.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar