Tesouro de Buscás

tesouro monetario achado en Buscás, Ordes

O tesouro de Buscás é un conxunto de 16 moedas medievais castelán-leonesas de billón achado na parroquia de Buscás, Ordes, na década de 1960.

Tesouro de Buscás
Tipo 16 moedas castelán-leonesas
Data Século XIII
Características
Materiais Billón
Descuberta
Localización San Paio de Buscás, Ordes, Galicia Galicia
Data Década de 1960
Conservación
Localización Museo Provincial de Lugo

Historia

editar

Sábense poucos datos precisos acerca da aparición do Tesouro de Buscás. Descoñécese detalles tan salientables como a súa localización exacta —dentro da parroquia de San Paio de Buscás, Ordes—[1] e a identidade dos seus descubridores. A datación non pode concretarse máis que na década de 1960 e tampouco é posible precisar a súa composición orixinal, xa que hai varios inidicios de que estaba composto por máis moedas das que hoxe se coñecen.[2]

Os escasos datos coñecidos son os achegados polo historiador galego Manuel Vázquez Seijas cando fixo doazón do tesouro ao Museo Provincial de Lugo, que daquela dirixía,[2] o 2 de xuño de 1967. O conxunto foi rexistrado co número 6.112/29.[1][3]

En 1999, o tesouro foi exposto no Pazo de Xelmírez de Santiago de Compostela. No catálogo da exposición figura un estudo do tesouro por parte de J. Suárez Otero.[2][4]

Composición

editar

O tesouro conservado componse de 16 pezas en bo estado de conservación, das cales 13 son diñeiros leoneses e outras tres son divisores denominados meallas ou óbolos, todas elas da época de Afonso VIII de León e Galicia (1188-1230) e Fernando III de Castela (1230-1252), da tipoloxía da cruz nunha das súas faces e un león cara á dereita na outra.[2]

Canto ás cecas de procedencia destas moedas, polo menos oito delas (cinco diñeiros e tres divisores) corresponden á Casa da Moeda de Santiago de Compostela, en tanto que as restantes teñen marcas de ceca de Estremadura, Ciudad Rodrigo e León, así como unha de procedencia incerta.[1][2][5]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Tesouriño de Buscás (Ordes, A Coruña)". En Balseiro García, A. (ed.) (2001). Páxina 55.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Ferreiro Boquete, J. J. "O Tesouriño de Buscás". Historia de Ordes (e comarca) (Ordestories.blogspot.com).
  3. "C.2. Buscás (Ordes, A Coruña)". En Balseiro García, A. et al. (2021). Páxina 774.
  4. Suárez Otero, J. (1999).
  5. Núñez Meneses, P. (2016). Páxina 1.381.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar