Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal
A Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal (francés: Société d'archéologie et de numismatique de Montréal; inglés: Antiquarian and Numismatic Society of Montreal) é unha entidade asociativa sen ánimo de lucro, instituída na cidade canadense de Montreal en 1862, que ten como obxectivo a valorización e a protección do patrimonio histórico, arqueolóxico e numismático.
Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal | |
---|---|
Tipo | sociedade científica |
Campo de traballo | numismática |
Área de operación | Quebec |
Data de fundación | 1862 |
Fundador(es) | Stanley Clark Bagg |
País | Canadá |
[ editar datos en Wikidata ] |
A sociedade ten a súa sede no castelo Ramezay, do que é propietaria e administradora, que alberga tamén un importante museo sobre a historia de Montreal.
Historia
editarA sociedade foi fundada en 1862 por un grupo de intelectuais de Montreal afeccionados á numismática, vinculados á Sociedade Histórica de Montreal,[1] encabezado por Adélard Joseph Boucher e Stanley Clark Bagg. O seu obxectivo era fomentar os estudos numismáticos e, por tal motivo, o nome inicial da entidade foi Société de Numismatique de Montréal. Non obstante, axiña, en 1866, ampliou o ámbito das súas actividades para abranguer tamén os estudos sobre arqueoloxía, o que deu lugar ao nome actual.[2][3]
Á maneira das sociedades eruditas e das sociedades históricas estadounidenses do século XIX, tanto o consello de dirección como outros membros da sociedade participaban en escavacións arqueolóxicas e mesmo dirixiron algunhas delas. Como medio para a difusión dos resultados das súas investigacións comezaron a publicar o Canadian Antiquarian and Numismatic Journal, a partir de 1872.[2][3] Esta publicación apareceu cunha periodicidade irregular ao longo de seis décadas.[1]
O 1 de maio de 1895, a Sociedade instalouse no castelo Ramezay, logo de arrendarlle ao Goberno municipal en 1893 o edificio, que daquela estaba en perigo de demolición. No castelo estableceu a súa sede social e en 1896 inaugurou o seu propio museo sobre a historia do Canadá.[2] Finalmente, en 1929 a Sociedade adquiriu o edificio en propiedade, a cambio dunha doazón de 10.000 dos seus libros á biblioteca municipal de Montreal.[1][3] O museo do castelo dispón duns importantes fondos numismáticos, procedentes en gran parte da adquisición da colección de Robert W. McLachlan.[4][5]
A crise económica, seguida ademais pola segunda guerra mundial, afectou moi seriamente as actividades da Sociedade, que fixo todo o posible por manter aberto ao público o castelo Ramezay. As décadas de 1940 e de 1950 foron moi sombrías para o patrimonio de Montreal; no entanto, as décadas de 1960 e de 1970 a situación mellorou e, grazas ao mecenas David M. Stewart, entusiasta da historia e da conservación do patrimonio, e membro da Sociedade desde había vinte anos, tanto o museo como as mellores pezas da súa colección foron completamente restaurados, e a colección ampliouse mediante numerosas adquisicións.[1][3]
Os fondos de arquivo da Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal consérvanse na Biblioteca de Arquivos Nacionais do Quebec, en Montreal.[6]
En 2021, a Sociedade celebrou o 125º aniversario do seu establecemento no castelo Ramezay, motivo polo cal emitiu unha serie de medallas conmemorativas en prata e en bronce.[4]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Gagnon, H.; Delisle, A. (2013).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "La Société d’Archéologie et de Numismatique de Montréal". Mémoires des Montréalais (Ville.montreal.qv.ca).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Société d'archéologie et de numismatique de Montréal". Repértoire du patrimoine culturel du Québec.
- ↑ 4,0 4,1 "125th Anniversary of the Antiquarian and Numismatic Society of Montreal Medals Available". Jacop Lipson Rare Coins. 26 de abril de 2021.
- ↑ "The McLachlan Collection Sold as an Entirety". The Numismatist. 35 (1922): 553-554.
- ↑ Sitio web da BAnQ: https://www.banq.qc.ca/accueil/
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Gagnon, H.; Delisle, A. (2013). "Société d’archéologie et de numismatique de Montréal: une histoire de ferveur". En Continuité, 135. Páxinas 43-45.
- Morin, V. (1931). "L'histoire de notre société". En The Canadian Antiquarian and Numismatic Journal. Vol. 2.
- Tremblay, A. (2013). "Les débuts de la Société d’archéologie et de numismatique de Montréal". En Cap-aux-Diamants, 112 . Páxinas 44-45.