Rebeliom do Inframundo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Rebeliom do Inframundo é un grupo de rap en galego con orixe en Ponteareas e con sede en Vigo. Os seus membros son Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC), Frank (MC/Produtor), Movementss (Produtor) e Pol (DJ).[1]
Rebeliom do Inframundo | |
---|---|
![]() | |
Orixe | Ponteareas, ![]() |
Período | 2005/2009 - actualidade |
Xénero(s) | hip hop |
Selo(s) discográfico(s) | Independente |
Membros | Nervo (MC) Malvares de Moscoso (MC) Frank (MC/Produtor) Movementss (Produtor) Pol (DJ) |
Antigos membros | Rapu (DJ) , Rustiko (MC), Ichi R(DJ) |
Artistas relacionados | Os Trasnos de Moscoso Iria Medranho SonDaRúa Skandalo GZ |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Traxectoria
editarO grupo comezou a súa traxectoria no ano 2005, o seu nome provén do lugar onde se xuntaban (Inframundo) en Ponteareas. Inicialmente a banda comezou con tres compañeiros desa vila que se xuntaron para facer música, segundo eles nacida da raiba e a frustración, eses primeiros membros eran: Nervo (MC), Rustiko (MC) e Rapu (DJ).
Anos despois editaron a maqueta Rebeliom do Inframundo (2009) e o seu primeiro disco físico A Sorpresa (LP, 2012) producido e scratcheado case integramente por DJ Rapu, agás dous temas que correron baixo a produción de "Acid Lemon" e "Ebanni". O disco foi gravado na XREC (Vigo) e foi editado baixo o selo independente vigués "Track Asedio". Despois deste traballo, o grupo parou a súa actividade e DJ Rapu deixou a banda.
Tempo despois fíxose pública a volta de Rebeliom do Inframundo cunha nova formación, incorporándose á banda Malvares de Moscoso, antigo membro da banda de rap galega Os Trasnos de Moscoso, o MC vigués "Frank", pertencente ao colectivo "Verso Libre", un novo produtor musical "Movementss" e o mando dos pratos un novo DJ, "Ichi". Xuntos deron forma ao que sería o novo traballo da banda, Lume e Rebeliom presentado en abril de 2016 en Vigo. Neste disco incluíron colaboracións vocais co músico irlandés Brian Brody e a voz de Iria Medranho. Tras este disco participaron en varios festivais e salas, tocando en Portugal, Madrid e Euskadi. En 2017 rematou a xira Lume e Rebeliom por Portugal.
A comezos de 2019 saíu o seu novo LP, "Ilegal", autoeditado xunto á produtora viguesa Galunk Producións e o grupo entrou nunha nova etapa como banda, coa inclusión de Movementss nos seus directos e o cambio de DJ entrando Dj.Pol a formar parte da formación oficial do grupo. O novo traballo contou con producións de Frank, Baghira, J.CNNR, Beatbusta e Movementss, así como a colaboración vocal da banda valenciana Mafalda.
En 2022 foron Premio Martín Códax da Música. En marzo de 2023 publicaron o seu cuarto disco, titulado Amor ou barbarie, un traballo con 17 temas e con colaboracións como as de Wöyza, Hard GZ, Iria Medraño ou Treintañeras cañeras.[2]
Discografía
editar- Rebeliom do Inframundo (2009). Maqueta.
- A sorpresa (2012).
- Lume e Rebeliom (2016).
- Ilegal (2019).
- Amor ou barbarie (2023).
Notas
editar- ↑ "Rebeliom do Inframundo". gzmusica.com.
- ↑ Mato, Mar (3 de marzo de 2023). "Rebeliom do Inframundo: “Estamos absorbidos con cousas que non teñen que ver con vivir”". Faro de Vigo. Consultado o 2 de abril de 2023.