Rúa Xeneral Gutiérrez Mellado (Pontevedra)
A Rúa Xeneral Gutiérrez Mellado é unha rúa peonil da cidade de Pontevedra situada no primeiro ensanche da cidade. É unha das principais rúas de Pontevedra.
Rúa Xeneral Gutiérrez Mellado | |
---|---|
![]() A rúa Xeneral Gutiérrez Mellado en 2024 | |
Tipoloxía | rúa |
Dimensións | |
Lonxitude | 0,14 km |
Formato | peonil |
Localización | |
Inicio | Rúa Michelena |
Fin | Rúa Marqués de Riestra |
Orixe do nome
editarDesde 1996, a rúa está dedicada ao militar e político Manuel Gutiérrez Mellado polo seu relevante labor durante a transición española e coa finalidade de eliminar do rueiro da cidade nomes franquistas como o da súa anterior denominación, Xeneral Mola.[1][2]
Historia
editarA orixe da rúa está no acordo adoptado polo concello de Pontevedra o 5 de xaneiro de 1896 para abrir unha nova rúa entre as rúas Marqués de Riestra e Michelena, a través da leira e xardíns de Alejandro Mon Landa. En 1900 expuxéronse ao público os terreos que se necesitaban para a rúa.[3]
En 1925 anunciouse finalmente a apertura da nova rúa para unir as rúas Michelena e Marqués de Riestra e urbanizar un importante sector do centro da cidade.[4] En 1926 pagáronse as expropiacións e o 25 de agosto dese mesmo ano empezaron as obras de apertura da vía.[5]
As obras de finalización da nova rúa prorrogáronse máis do previsto por mor da necesaria derriba dun garaxe ao final da mesma, con fronte á rúa Marqués de Riestra.[6] As últimas casas que quedaban nesa rúa e que impedían a apertura total da nova vía denominada prolongación da rúa de Fernández Villaverde xa se expropiaran e derrubáronse no mes de maio de 1927.[7] A partir do mes de xuño dese ano empezou o valado e cerramento de soares na nova rúa por parte dos seus propietarios. A finais de 1929 a rúa atopábase aínda sen urbanizar e os barracóns do antigo garaxe ao final da rúa estaban aínda en pé.[8]
Nos primeiros anos de existencia o novo vial foi coñecido como Rúa do Chanchullo por mor das negociacións ocultas que se levaron a cabo desde o inicio para conseguir a apertura do mesmo e porque a rúa non se abriu con arranxo ao proxecto aprobado polo concello.[9] En maio de 1931 terminouse a explanación da nova vía e en 1935 os automóbiles xa circulaban normalmente por ela.[10][11] A principios de xuño de 1936 o director xeral da compañía Telefónica anunciou a próxima construción na nova rúa dun edificio no número 5 con destino a Central Teléfonica, que se converteu na súa sede en Pontevedra e albergou as oficinas da empresa na cidade.[12][13]
O 26 de xuño de 1937 outorgóuselle á rúa o nome do Xeneral Mola, falecido o día 3 dese mes nun accidente aéreo.[3][14] Nese mesmo ano procedeuse á instalación da rede de sumidoiros e á condución de auga para favorecer a construción de edificios, que aínda non se iniciara.[15] En 1938 efectuouse a pavimentación da rúa.
En 1943 o arquitecto Emilio Quiroga Losada deseñou a casa de Valentín Muiños, edificio sito fronte a Villa Pilar e facendo esquina entre as rúas Xeneral Gutiérrez Mellado e Marqués de Riestra, que foi no seu momento o máis alto da cidade.[16][17]
A maioría dos edificios actuais da rúa levantáronse nos anos 1960, finalizando a edificación actual de soares a principios dos anos 1970. Nesas décadas a rúa converteuse nunha localización comercial na cidade con coñecidos establecementos como o comercio de discos e electrodomésticos Vázquez Lescaille, que abriu as súas portas en 1956.[18] A rúa foi tamén nesas décadas un punto de referencia para a parada de autobuses interurbanos. Diversos bancos estableceron as súas sucursais no seu lado leste e múltiples comercios instaláronse no seu lado oeste.
En 1965 abriuse a través do edificio do número 3 da rúa un segundo tramo das galerías comerciais da rúa da Oliva que permitiu a unión desta rúa coa rúa Xeneral Gutiérrez Mellado.[19]
O 25 de abril de 1996 a corporación municipal pontevedresa decidiu cambiar o nome orixinal da rúa, pasando a denominarse rúa do Xeneral Gutiérrez Mellado, xeneral falecido catro meses antes.[3]
En 2002 iniciouse unha profunda remodelación da rúa para convertela en peonil. As obras terminaron a principios de maio de 2003.[20]
En abril de 2023, con motivo da demolición do edificio do número 3 para a construción dun novo inmoble para unha macrotenda de Zara, procedeuse ao tapiado da saída das galerías comerciais da Oliva.[21][22]
Descrición
editarÉ unha rúa peonil de 140 metros de lonxitude, recta e chaira, en pleno centro de Pontevedra, que conecta o parque das Palmeiras co casco antigo da cidade.[23] A súa anchura media é de 20 metros
Trátase dunha rúa céntrica do primeiro ensanche da cidade entre as rúas Marqués de Riestra e Michelena, no límite do centro histórico de Pontevedra.
Na rúa atópanse numerosos comercios e sucursais bancarias. O pavimento de lastros é en tons ocre e está enmarcado por bandas de granito aos lados para diferenciar os espazos exclusivamente peonís e o carril central, peonil e restrinxido ao tráfico de servizos e acceso a garaxes de residentes.[23]
O aspecto máis destacado da rúa son as dúas fileiras de altas palmeiras de abano californianas[24] que delimitan lonxitudinalmente o carril central ao longo da rúa e facilitan a transición entre o parque das Palmeiras e o centro histórico de Pontevedra.[23] Cubrindo a parte superior dos amplos alcorques de pedra que rodean as palmeiras e que inclúen iluminación nocturna atópanse bancos de madeira en ambos os extremos.[20]
Notas
editar- ↑ "Un callejero muy común". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xuño de 2009.
- ↑ "Las primeras revisiones del callejero de la ciudad". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de abril de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Juega Puig 2000, p. 118.
- ↑ "Prolongación de la calle de Fernández Villaverde". El Progreso (en castelán). 12 de novembro de 1925.
- ↑ "Una nueva calle". El Pueblo Gallego (en castelán). 26 de agosto de 1926.
- ↑ "Las nuevas calles y la traída de aguas". El Pueblo Gallego (en castelán). 20 de marzo de 1927.
- ↑ "Se han echado abajo las últimas casas que quedaban en pie". El Pueblo Gallego (en castelán). 18 de maio de 1927.
- ↑ "La calle prolongación de la de Fernández Villaverde se halla todavía sin urbanizar". El Pueblo Gallego (en castelán). 28 de setembro de 1929.
- ↑ "En la calle de "El Chanchullo" hubo chanchullo". La Libertad (en castelán). 14 de maio de 1931.
- ↑ "Explanación de la calle prolongación de la de Fernández Villaverde". El Pueblo Gallego (en castelán). 9 de mayo de 1931.
- ↑ "Un auto contra una bicicleta". El Pueblo Gallego (en castelán). 19 de novembro de 1935.
- ↑ "Un edificio para la Telefónica". El Pueblo Gallego (en castelán). 6 de xuño de 1936.
- ↑ "Telefónica pone a la venta su edificio de oficinas de Gutiérrez Mellado por más de tres millones". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de marzo de 2006.
- ↑ "El nombre del General Mola a una calle". El Pueblo Gallego (en castelán). 29 de xuño de 1937.
- ↑ "La calle del General Mola". El Pueblo Gallego (en castelán). 10 de xullo de 1937.
- ↑ "Emilio Quiroga, el "arquitecto municipal"". Diario de Pontevedra (en castelán). 28 de abril de 2024.
- ↑ "La casa de Valentín Muiños". Faro (en castelán). 17 de outubro de 2021.
- ↑ "Los vinilos giran de nuevo". El Progreso (en castelán). 12 de febreiro de 2016.
- ↑ "Adiós al acceso a las Galerías Oliva desde Gutiérrez Mellado". Diario de Pontevedra (en castelán). 31 de xaneiro de 2023.
- ↑ 20,0 20,1 "Las obras de reforma de la calle Gutiérrez Mellado rematarán esta misma semana". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de abril de 2003.
- ↑ "Tapian por sorpresa las históricas Galerías Oliva de Pontevedra y dejan a comerciantes y vecinos «tristes y rotos»". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de abril de 2023.
- ↑ "La macrotienda de Zara en el corazón de Pontevedra: ocho plantas, 9,6 millones de inversión y dos edificios conectados". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xullo de 2023.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 "La calle Gutiérrez Mellado pondrá fin al plan de transformación urbana". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de decembro de 2002.
- ↑ Blanco Dios & Castro González 2010, p. 214.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rúa Xeneral Gutiérrez Mellado |
Bibliografía
editar- Blanco Dios, Jaime Bernardo; Castro González, Amancio (2010). As árbores da cidade de Pontevedra. Pontevedra: Concello de Pontevedra. p. 214. ISBN 978-84-606-5147-5.
- Juega Puig, Juan (2000). As rúas de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 94. ISBN 84-8457-044-4.