Porta de Carlos V
A Porta de Carlos V[1], tamén chamada Porta Maior ou Porta do Castelo da Ponte (polo seu aspecto de fortaleza) é unha das tres portas que se conservan da antiga muralla da vila de Viveiro, na provincia de Lugo, edificada en 1548 por obra de Pedro Pedroso. Realizouse en homenaxe a Carlos V substituíndo outra anterior do século XIII, que por mor da acción erosiva das mareas e dos avatares históricos se fora deteriorando.[2]
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/4/40/Porta_CarlosV_11103TM.jpg/290px-Porta_CarlosV_11103TM.jpg)
Descrición
editarA porta é sinxela, de estilo renancentista-plateresco, con tres corpos ben diferenciados; o acceso fórmase cun arco de medio punto central adornado por molduras cilíndricas. En cadanseu lado da porta atópanse, enmarcados con columniñas platerescas, os escudos coas armas da cidade e de Galiza;[3] na banda dereita, o viveirés co león con coroa real sobre a ponte, e na esquerda o galego cos cinco copóns. Algún autor interpretou que ambos os escudos eran os da cidade e que os copóns representaban as cinco antigas igrexas urbanas de Viveiro.[quen?] Estes dous escudos están recollidos no que posteriormente se converteu no escudo de Viveiro. Sobre o arco unha inscrición moi gastada: Hizose esta puerta siendo Corregidor el Licenciado Canosa de Tordesillas. Por riba da inscrición, no medio e medio da obra áchase o escudo de Carlos V con enmarcación plateresca e frontón triangular, e sobre o mesmo o busto do emperador. O coroamento da porta faise con seis troneiras flanqueadas por tres torricelas. No envés da porta, camarín plateresco con dous escudos e a imaxe do século XVIII de San Roque, antigamente da Virxe dos Desamparados.[1]
Datos históricos
editar- A muralla tiña un total de cinco portas. Só se conservan tres, unha é esta.
- O emperador Carlos I de España e V de Alemaña concedera unha real cédula á vila de Viveiro para a eximir do pagamento de impostos durante un período de tres anos, tras sufrir un grave incendio de setembro de 1540.
- Aos poucos meses de iniciados os traballos, paralizouse a actividade construtiva, manténdose en estado de espera até que o 24 de abril de 1554, o corrixidor da localidade, Andrés Carasa de Tordesillas, decidiu retomar os traballos.
- A imaxe de San Roque substituíu a da Virxe dos Desamparados porque se cre que foi este santo quen liberou a vila da peste bubónica.[1] A imaxe de San Roque estivo na fachada da casa do Corrixidor até 1867.
- Malia ser reedificada con fins ornamentais e decorativos, foi empregada durante a Guerra de Independencia Española como punto de defensa fronte as tropas de Napoleón Bonaparte. O día 18 de febreiro de 1809, Viveiro foi atacado por dous flancos ao mesmo tempo: pola desaparecida Porta de San Domingos, por forzas procedentes desde Mondoñedo e pola Porta de Carlos V, polas tropas que procedían de Ferrol.
- Intentouse derrubar en dúas ocasións, a primeira no ano 1856, a petición do concello da vila, no século XX pensouse outrora no seu derrubamento, porén no ano 1942 foi declarada Monumento Nacional. Hoxe está declarada Monumento Histórico Artístico Nacional.[2]
Galería de imaxes
editar-
Vista da fachada dende un lateral
-
Detalle do interior da porta, bóveda
-
Parte traseira da porta
-
Parte traseira da porta, detalle
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Porta de Carlos V en Turgalicia.
- ↑ 2,0 2,1 "Concello de Viveiro". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2014. Consultado o 10 de setembro de 2014.
- ↑ "Viveiro Monumental". Concello de Viveiro. Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2020. Consultado o 04 de xullo de 2020.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Viveiro
- Porta da Vila (Porta do Santo Cristo)
- Porta do Valado