Picafollas verdoso

O picafollas verdoso[2] (Phylloscopus trochiloides) é un picafollas que se reproduce no noroeste de Europa e na Asia continental temperada ou tropical. Este paxaro é fortemente migratorio e pasa o inverno na India. Non é infrecuente velos como aves vagantes en primavera ou comezos do outono en Europa occidental e chega anualmente a Gran Bretaña. En Europa central encóntrase un gran número de exemplares vagantes algúns anos; algúns destes poden quedar alí para reproducirse, como habitualmente fan algunhas parellas en Alemaña cada ano.[3][4]

Picafollas verdoso

Adulto da raza nomeada P. trochiloides trochiloides no Santuario de vida silvestre de Pangolakha, Sikkim, India
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Phylloscopidae
Xénero: Phylloscopus
Especie: Phylloscopus trochiloides
(Sundevall, 1837)
Área de distribución de P. trochiloides     Reprodutores      De paso      Non reprodutores
Área de distribución de P. trochiloides     Reprodutores      De paso      Non reprodutores

Área de distribución de P. trochiloides     Reprodutores      De paso      Non reprodutores
Subespecies

5, e ver texto

Como todos os picafollas, antes estaba situado na ensamblaxe dos "sílvidos do Vello Mundo", mais agora pertence á familia Phylloscopidae.[5] O nome do xénero Phylloscopus procede do grego antigo phullon, 'folla' e skopos, 'buscador' (de skopeo, 'mirar'). O termo específico trochiloides vén tamén do antigo grego trokhalos, 'inclinado' e -oides 'que se parece', pola semellanza que ten co picafollas musical, P. trochilus.[6]

Descrición e ecoloxía

editar
 
Un picafollas verdoso (P.trochiloides) nas Anamalai Hills, Ghats Occidentais do sur, India
 
P. (t.) viridianus

Este é un típico picafollas, verde agrisado pola parte superior e branco apagado pola parte inferior. A única barra alar que se atopa nas poboacións do sur e oeste distíngueo de especies moi similares (excepto do picafollas boreal, P. borealis). É lixeiramente máis pequeno que esa especie e ten un bico máis delgado, sen punta escura na mandíbula inferior. Unha análise baseada na latitude dos paxaros invernantes indicou que os P. trochiloides de máis ao norte son máis pequenos, é dicir, esta especie non parece seguir a regra de Bergmann.[7]

A súa canción é un trilo moi errático, que nalgunhas poboacións contén unha secuencia de notas "ligadas" descendentes e máis raramente ascendentes.

Reprodúcese en bosques caducos ou mixtos de terras baixas; os exemplares que non se están a reproducir nas partes cálidas da súa área de distribución poden trasladarse a hábitats de montaña en verán. Os individuos do sueste dos Himalaias, por exemplo, vense con frecuencia en Bután durante os meses quentes, normalmente nos bosques húmidos do abeto Abies densa ata uns 3.800 m de altura ou máis, pero non se reproducen alí e tornan ás terras baixas subtropicais veciñas en inverno.[8]

O niño fano no chan en arbustos baixos. Igual que os seus parentes, este pequeno paxaro é insectívoro.

Subespecies e evolución

editar
 
Posible evolución arredor dos Himalaias.
Amarelo: P. t. trochiloides
Alaranxado: P. t. obscuratus
Vermello: P. t. plumbeitarsus
Verde: P. t. ludlowi
Azul: P. t. viridanus
Non se mostra P. t. nitidus do Cáucaso.

Ten numerosas subespecies, das cales P. t . viridianus é a máis común en Europa. Parece formar unha especie en anel, con poboacións que diverxen cara ao leste e oeste da meseta do Tibet, encontrándose posteriormente na parte norte. As súas relacións son, por tanto, bastante confusas:[3][9]

  • Grupo leste: picafollas verdosos
    • Phylloscopus trochiloides trochiloides
      • Bordo sur do Himalaia e ao leste desde Nepal ata o oeste da China.
      • Verdes agrisados escuros, a miúdo con trazas dunha segunda barra alar.
    • Phylloscopus trochiloides obscuratus
    • Phylloscopus trochiloides ludlowi
  • Grupo oeste: picafollas verdes
    • Phylloscopus trochiloides viridanus
      • Reprodúcense no oeste de Siberia ata o noroeste de Europa; ao leste do rango sur ata o noroeste da India.
      • Verdes mate polas partes dorsais, con lista superciliar, gorxa, peito amarelados e débil barra alar.

O lugar de orixe do grupo foi probablemente algunha zona da rexión do Himalaia, onde se atopa trochiloides. Este taxon é próximo ao parapátrico obscuratus, e ao plumbeitarsus que está separado xeograficamente de obscuratus; todos poden hibridarse (e no caso dos dous primeiros fano de forma natural). P. t. plumbeitarsus a miúdo é dividido en dúas especies separadas, xa que non se hibrida con viridianus na estreita zona do oeste das Montañas Sayan, onde as súas áreas de distribución se solapan.

Porén, filoxeneticamente, o taxon occidental é máis diferente. Con todo, hai tamén algún fluxo xénico entre trochiloides e viridianus, e os seus híbridos son especialmente comúns en Baltistán; os cales son agora considerados a subespecie distinta ludlowi. O P. nitidus, agora considerado como unha especie distinta, é un taxon illado das montañas que diverxeu do viridianus ancestral.

A estrutura da canción difire principalmente entre o picafollas verdoso e o Phylloscopus plumbeitarsus, que eran antes considerados conespecificos. O primeiro ten unha canción trilante longa e bastante uniforme. Arredor dos Himalaias, a estrutura da canción é similar, pero as cancións son xeralmente máis curtas. O P. plumbeitarsus', por outra parte, ten unha canción longa que pode ser claramente dividida nunha parte trilante, seguida dunha serie de notas ligadas ascendentes e descendentes. As cancións de obscuratus e ludlowi, son curtas, pero conteñen tamén os elementos ligados descendentes; neste último, estes aparecen unicamente ao principio da canción.[10]

  1. BirdLife International. (2024). "Phylloscopus trochiloides" 2024: e.T103845399A264529708. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. 3,0 3,1 Snow, David W.; Perrins, Christopher M.; Doherty, Paul; Cramp, Stanley (1998). The complete birds of the western Palaearctic on CD-ROM. Oxford University Press. ISBN 0-19-268579-1. 
  4. * Töpfer, Till (2007). "Nachweise seltener Vogeltaxa (Aves) in Sachsen aus der ornithologischen Sammlung des Museums für Tierkunde Dresden" [Records of rare bird taxa (Aves) in Saxony from the ornithological collection of the Zoological Museum Dresden] (PDF). Faunistische Abhandlungen (en alemán) 26 (3): 63–101. 
  5. Alström, Per (2006). "Species concepts and their application: insights from the genera Seicercus and Phylloscopus". Acta Zoologica Sinica 52 (Supplement): 429–434. Arquivado dende o orixinal o 2014-03-02. 
  6. *Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 305, 391. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  7. *Katti, Madhusudan; Price, Trevor D. (2003). "Latitudinal trends in body size among over-wintering leaf warblers (genus Phylloscopus)". Ecography 26 (1): 69–79. Bibcode:2003Ecogr..26...69K. doi:10.1034/j.1600-0587.2003.03264.x. 
  8. * Inskipp, Carol; Inskipp, Tim; Sherub (2000). "The ornithological importance of Thrumshingla National Park, Bhutan" (PDF). Forktail 14: 147–162. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de outubro de 2008. 
  9. *Alström, Per; Ericson, Per G. P.; Olsson, Urban; Sundberg, Per (2006). "Phylogeny and classification of the avian superfamily Sylvioidea" (PDF). Mol. Phylogenet. Evol. 38 (2): 381–397. Bibcode:2006MolPE..38..381A. PMID 16054402. doi:10.1016/j.ympev.2005.05.015. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2021-06-27. Consultado o 2010-12-09. 
  10. *Irwin, Darren E. (2000). "Song variation in an avian ring species" (PDF). Evolution 54 (3): 998–1010. PMID 10937272. doi:10.1554/0014-3820(2000)054[0998:SVIAAR]2.3.CO;2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2010-06-20. Consultado o 2009-05-04. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar