Partido Socialcristián (Austria)
O Partido Socialcristián (en alemán, Christlichsoziale Partei, CS ou CSP) foi un partido político austríaco de orientación dereitista, activo no período que vai de 1893 a 1934, durante o Imperio Austrohúngaro e a Primeira República austríaca. Trala súa fundación, medrou rapidamente até se converter nun dos partidos máis importantes da monarquía. Durante a Primeira República estivo presente en tódolos gobernos federais até 1934 e, dende 1920, de xeito xeral, ostentaba a Chancelería federal e dende 1928, tamén, a Presidencia federal. Os seus cargos máis importantes facilitaron a transición ao réxime autoritario do estado corpotativo ("austrofascismo"), despois de cuxo establecemento se disolveu.
Partido Socialcristián Christlichsoziale Partei | |
---|---|
Dirixentes e organización | |
Líder | Karl Lueger e Ignaz Seipel |
Historia | |
Fundación | 1893 |
Disolución | 1934 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Conservadorismo [1] Catolicismo político[1] Nacionalismo[2] Antisemitismo[3][4] Populismo Corporativismo[1] |
Outros datos | |
Sede | Viena |
É considerado un antecedente do actual Partido Popular de Austria (ÖVP).
Traxectoria
editarO seu precursor foi o Movemento Social Cristián en Austria creado por a partir do semanario católico Wiener Kirchenzeitung, de Sebastian Brunner, publicado en 1848, como pioneiro da prensa católica e das asociacións católicas fundadas polo cardeal Anton Gruscha en 1852.[5] Posteriormente, outros grupos fusionáronse no CS, como os "conservadores católicos", os "demócratas", os "reformadores comerciais", a "Asociación Libre de Oficiales católicos de política social" de Liechtenstein ou, o máis importante, a "Asociación Cristiá de Traballadores Sociais" fundada en 1892 por Leopold Kunschak.[5]
O partido propiamente, foi fundado en 1893 por Karl Lueger. A súa orientación era burguesa e católica; había moitos sacerdotes no partido, incluído o chanceler Ignaz Seipel. Isto atraeu moitos votos da poboación rural conservadora e da burguesía urbana: artesáns, funcionarios e comerciantes. O seu apoio á monarquía austrohúngara tamén lle trouxo unha gran popularidade entre os nobres.
O antisemitismo do partido social-cristián baseábase en concepcións relixiosas propias da época e non en principios racistas. Até a década de 1890, as asociacións electorais arredor de Lueger tiñan nome como "antisociais e sociais cristiás" ou só "antisemitas".[6]
A actitude deste movemento foi exacta e sistemática cando obtivo o apoio das masas porque os seus líderes sabían que deste xeito era máis doado acadar os seus obxectivos. Ademais, intentaron evitar o máximo posible calquera controversia relacionada con institucións relixiosas; a consecuencia deste comportamento foi que gañou o apoio dunha organización tan poderosa como a Igrexa. Por outra banda, os líderes do partido cristián-social sabían a importancia da propaganda e baseándose nela aproveitaron as circunstancias actuais para influír no estado de ánimo dos seguidores ou adeptos.
De 1907 a 1911, foi o partido máis forte da cámara baixa do Reichsrat, pero máis tarde perdeu esta posición ante o Partido Socialdemócrata Austríaco (SPÖ). Durante a Primeira guerra mundial apoiou ao goberno, pero despois do remate da monarquía en 1918 votou a favor da creación dunha república e da adhesión de Austria a Alemaña (Anschluss).
De 1918 a 1920 formou unha coalición co SDAPÖ. Despois das eleccións de 1920, nas que foi elixido como o partido máis forte, formou unha coalición co Partido Popular da Grande Alemaña e o Landbund. Todos os chanceleres austríacos desde 1920 foron membros do Partido Social Cristián, e o mesmo ocorreu coa presidencia austríaca de 1928 a 1938. A partir de 1929, o partido intentou formar unha alianza co movemento Heimwehr. Debido á inestabilidade desta coalición, a dirección do partido decidiu restablecer a coalición co Landbund e co Partido Popular da Grande Alemaña para as eleccións de 1930.
No proceso de instauración da ditadura austro-fascista, o chanceler social-cristián Engelbert Dollfuß transformou o Partido Social Cristián na Vaterländische Front (en galego, Fronte Patriótica) en 1933. Despois do Anschluss de Austria ao Terceiro Reich, o partido foi prohibido en marzo de 1938 e deixou de existir. Despois da Segunda guerra mundial, o partido non se volveu fundar, pero a maioría dos seus partidarios e membros decidiron, porque o nome do partido seguía estreitamente ligado ao austrofascismo, fundar o Partido Popular austríaco.
Personalidades do partido
editar- Walter Breisky
- Karl Buresch
- Engelbert Dollfuß
- Otto Ender
- Viktor Kienböck
- Karl Lueger
- Michael Mayr
- Hans Pernter
- Rudolf Ramek
- Richard Reisch
- Richard Schmitz
- Kurt Schuschnigg
- Ignaz Seipel
- Fanny von Starhemberg
- Ernst Streeruwitz
- Josef Strobach
- Carl Vaugoin
- Richard Weiskirchner
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Lewis (1990), pp. 102–103.
- ↑ Spohn (2005), p. 51.
- ↑ Pauley (1992), pp. 152–158.
- ↑ Payne (1995), p. 58.
- ↑ 5,0 5,1 Czeike (1995), pp. 495-496.
- ↑ Eminger (2008), p. 400.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Partido Socialcristián |
Bibliografía
editar- Czeike, Felix, ed. (1995). "Partei, Christlichsoziale". Historisches Lexikon Wien, tomo 4 (en alemán). Viena: Kremayr & Scheriau. ISBN 3-218-00546-9.
- Eminger, Stefan (2008). Niederösterreich im 20. Jahrhundert. Tomo 1: Politik (en alemán). Böhlau - Viena: Lower Austrian State Archives. ISBN 978-3-205-78197-4.
- Lewis, Jill (1990). Conservatives and fascists in Austria, 1918–34 (en inglés).
- Payne, Stanley G. (1995). A History of Fascism, 1914–1945 (en inglés). Madison: University of Wisconsin Press.
- Pauley, Bruce F. (1992). From Prejudice to Persecution: A History of Austrian Anti-Semitism (en inglés). University of North Carolina Press.
- Spohn, Willfried (2005). Entangled Identities: Nations and Europe (en inglés). Ashgate.