Paguroideos
Paguroideos Paguroidea | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cangrexo ermitán (Pagurus bernhardus) Aquarium Finisterrae da Coruña | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Familias | |||||||||||||||||
|
Os paguroideos (Paguroidea) son unha superfamilia de crustáceos decápodos da infraorde dos anomuros.
Taxonomía
editarA superfamilia foi creada en 1802[1] polo naturalista francés Pierre André Latreille.[2]
Familias
editarSegundo o WoRMS, a superfamilia dos paguroideos comprende as seguintes familias:[1]
- Coenobitidae Dana, 1851
- Diogenidae Ortmann, 1892
- Paguridae Latreille, 1802
- Parapaguridae S. I. Smith, 1882
- Pylochelidae Bate, 1888
- Pylojacquesidae McLaughlin & Lemaitre, 2001
Algúns autores consideran, ademais, a familia fósil:
- Parapylochelidae Fraaije et al., 2012.[3]
Características
editarExisten no mundo ao redor de 500 especies de paguroideos, sendo a maioría deles acuáticos, pero tamén hai algúns terrestres.
Estes crustáceos teñen en común o uso de cunchas de caracois para cubrir o seu pleon (abdome), que é máis brando que o doutros cangrexos. Este tipo de relación interespecífica que manteñen coas cunchas de moluscos mortos denomínase tanatocrese, e son dos poucos animais que a realizan.
Só a parte dianteira (o cefalotórax) está cuberta por un exoesqueleto ríxido. Para protexerse agóchanse dentro de cunchas baleiras de moluscos. O abdome está enroscado para que poida coller dentro da cuncha; ademais, as súas pinzas e patas marchadoras permítenlles bloquear a entrada. A medida que o cangrexo medra debe cambiar de casa. Empeza por inspeccionar detidamente coas súas pinzas as cunchas baleiras e, cando encontra a adecuada, cámbiase rapidamente. Para os paguroideos encontrar unha cuncha baleira é cuestión de vida ou morte, polo que son frecuentes as loitas entre eles cando hai poucas dispoñíbeis.
Alimentación
editarAliméntanse de todo. Aínda que son basicamente preeiros, tamén inclúen na súa dieta caracois acuáticos, mexillóns, vermes, pequenos crustáceos e diversas larvas, así como algas.
Reprodución
editarOs paguroideos xeran centos de crías, aínda que o número depende do tipo de casca que teña o cangrexo e das substancias que absorba.
Xeralmente a femia leva os óvulos baixo o abdome e, unha vez fecundados, libera os ovos ao mar onde, ao eclosionar, as pequenas larvas, chamadas zoeas, forman parte do zooplancto.
Aparéanse dúas veces ao ano.
Desenvolvemento
editarOs paguroideos, ao iren medrando, van sufrindo metamorfoses e mudas, até que lles saen as súas catro antenas e as dúas pinzas. Entón xa están listos para buscar unha cuncha que protexa o seu abdome e saír ás praias, onde vivirán case toda a súa vida adulta.
Co paso do tempo, o cangrexo crece e necesita outra casca, para o cal absorbe auga nunha proporción de case o 70 % do seu peso e así, inchado, produce o rompemento da vella casca (écdise).
O inconveniente deste sistema de crecemento é que no lapso que transcorre entre que se desprende da casca vella e se lle endurece a nova, o animal queda indefenso e a mercede dun gran número de depredadores que buscan esa oportunidade para comelo.
A cuncha na que se alberga retén auga, o que lle resulta moi útil ao cangrexo para a respiración branquial cando queda descuberto.
Algúns paguroideos non se conforman coa protección da cuncha e asócianse simbioticamente con anemones que escorrentan os depredadores cos seus tentáculos urticantes (ao tempo que as anemones se benefician dos desprazamentos que lles proporcionan os cangrexos).
Gastronomía
editarNas illas Baleares moitos pescadores cociñan os paguroideos á brasa, adubados con limón e pementa. Cócenos coa cuncha e as anemones asociadas a ela, ás cales chaman coloquialmente "figues" (en catalán, "figos"). A estas últimas fanlles un corte lateral para facilitar a limpeza da area que adoitan reter na súa cavidade gastrovascular, e cócenas até que están moi feitas. Ao limpalas débese ter especial coidado en non levar a man á cara (e especialmente aos ollos), xa que poden producir irritacións debido ás súas células urticantes.
O abdome dos paguroideos é brando, e a súa carne ten un sabor moi característico. De feito, é a única parte realmente apreciábel, xa que o cefalotórax é moi duro e contén pouca carne.
Os paguroideos tamén se poden engadir ás paellas e aos arroces, aínda que non hai demanda nas peixarías, xa que a súa gastronomía é pouco coñecida fóra dos mariñeiros e, polo tanto, o seu consumo moi reducido.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Paguroidea Latreille, 1802
- ↑ Na súa obra: Latreille, P. A. (1802): Histoire naturelle générale et particulière des crustacés et insectes, vol. 1.
- ↑ René H. B.; Fraaije, Adiël; A. Klompmaker & Pedro Artal (2012). "New species, genera and a family of hermit crabs (Crustacea, Anomura, Paguroidea) from a mid-Cretaceous reef of Navarra, northern Spain". Neues Jahrbuch für Geologie und Paläontologie 263 (1): 85–92.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Paguroideos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Paguroideos |
Bibliografía
editar- Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- Türkay, M. (2001): "Decapoda" en: Costello, M. J. et al. eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-292. ISBN 2-85653-538-0.
- McLaughlin, P. A.; Lemaitre, R. & Sorhannus, U. (2007): "Hermit crab phylogeny: a reappraisal and its “fall-out”". Journal of Crustacean Biology, 27 (1): 97-115. Resumo
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Superfamily Paguroidea Latreille 1802 Arquivado 26 de agosto de 2014 en Wayback Machine. en Paleobiology Database (en inglés)
- Paguroidea (taxon considerado como infraorde) no SIIT
- Paguroidea Latreille 1803 en uBio
- Paguroidea no NCBI