Píllara rubia
A pillara rubia[2][3] (Charadrius morinellus) é unha ave de familia Charadriidae. As súas áreas de cría principais están situada na tundra eurasiática e o norte do círculo polar ártico.
Píllara rubia | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Charadrius morinellus Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||
![]() Verán Inverno Verán Inverno |
Descrición
editarAínda que é unha ave máis pequena cá un merlo as patas longas fano semellar meirande. É claramente meirande cá píllara pequena (Charadrius dubius), pero máis pequena cá avefría (Vanellus vanellus). Miden uns 21 cm de longo dende a punta do pico á da cola, a envergadura das ás acada uns 60 cm. A cola mide 7 cm escasos e o bico 1,5 cm. Os machos adultos pesan uns 100 gramos e as femias uns 120.
Na plumaxe da época reprodutora é unha ave difícil de confundir: teñen unha lista branca ancha por riba de cada ollo que chega ata a caluga. As dúas listas xúntanse na parte posterior da cabeza onde forman un V. O papo é castaño, a gorxa é branca. Unha banda branca cunha beira escura estreita, separa o pescozo e a caluga de cor gris xisto da zona inferior do corpo. Teñen o ventre negro e o lombo e as ás castaños con areas máis claras. A parte subcaudal é abrancazada. As patas son de cor amarela e o bico é negro. As femias son máis brillantes e de cores máis contrastadas cós machos.
A plumaxe invernal e de cores menos intensas, especialmente na zona inferior do corpo que ten tons amarelados e abrancazados. A plumaxe das aves novas e semellante á invernal dos adultos.
Voz
editarProduce un amplo espectro de sons, máis deles suaves e apagados. O son máis típico e un canto afrautado que emiten as aves de ámbolos dous sexos durante o voo.
Distribución
editarÁ súa distribución xeográfica é disxunta, repartida en varias áreas amplas separadas entre elas. Crían en Escocia, nas áreas de tundra de Escandinavia, na península de Kola e na parte sur de Nova Zemlia. Crían tamén en pequenos puntos do norte dos Urais. Outra zona grande de cría está situada nos montes Altai e á área que os arrodea, chegando ata o sur e nordeste do lago Baikal. Entre a desembocadura dos ríos Obi e Lena é moi rara o ou inexistente. Dende o leste deste último río o seu territorio de cría espállase ata Kolyma. Outras áreas illadas de cría están na península de Chukchen e probablemente nalgunhas das illas de Nova Siberia e a península de Taimyr. Observáronse tamén exemplares criando en punta Barrow e as illas Plover, no extremo norte de Alasca.
Áreas relictas en Europa
editarA especie cría irregularmente e en pequeno número nalgunhas rexións europeas. Entre 1961 e 1969 criou en zonas de polders nos Países Baixos.
En Austria crían no Zirbitzkogel na Steiermark e irregularmente nalgúns puntos das montañas de Carnitia. Unhas poucas parellas reprodúcense nos Abruzos italianos dentro do Parco Nazionale della Majella. A súa presenza como ave reprodutora noutras montañas coma os Tatra e Riesengebirge non está totalmente confirmada, como tampouco a posibilidade de que críen nos Pireneos, no sur dos Cárpatos e no norte de Grecia.
Hábitat
editarO seu hábitat habitual máis habitual son terras secas cubertas de liques da tundra e o norte do círculo polar ártico. Prefiren zona planas con escasa vexetación, composta de plantas baixas, en especial as que contan con espazos cubertos de pedras. A escaseza deste tipo de paisaxe na tundra eurasiática explica en parte a separación entre os diversos territorios de cría. Cabo do círculo polar crían case á nivel do mar, na Asia interior ata alturas de máis de 3.500 metros. En Europa os puntos de cría máis elevados están en Graubünden nos Alpes a uns 2.600 m. Os exemplares centroeuropeos prefiren criar en montañas con mesetas amplas, poboadas con vexetación rara.
Alimentación
editarComen principalmente insectos, dende o tamaño dun mosquito ata ao dun grilo ou un abellón. Parece ter inclinación polas variedades de escaravello de casca máis dura. Os saltóns, as bolboretas e os vermes non teñen moita importancia na súa dieta. Nalgunhas rexións aliméntanse principalmente de caracois pequenos. Consomen tamén pequenas cantidades de follas e bagas. Capturan os insectos picando no chan, e perseguíndoos a pé ou en voos curtos.
Comportamento
editarNon son aves moi tímidas, e poden tolerar a presenza humana a distancias curtas. Durante a época de cría as parellas son moi territoriais. Fora dese tempo viven en pequenos bandos, a miúdo divididos por idades ou sexos. No círculo polar a súa actividade cobre as 24 horas do día, con pausas longas para descansar e coidar a plumaxe. Nas áreas alpinas están activas entre dúas horas despois de saír o sol e unha hora antes de que se poña.
Destacan polo seu voo rápido a pouca distancia do chan e a súa postura de vixilancia do territorio subidos a unha pequena elevación do terreo.
É característica da especie a inversión de roles nalgúns aspectos do seu comportamento: condutas típicas dos machos son practicadas máis intensamente polas femias.
Emparellamento
editarA inversión de roles e particularmente evidente nas cerimonias nupciais e na bioloxía reprodutora. Mesmo a coloración da plumaxe das femias, máis brillante cá dos machos correspondes con esta inversión dos papeis tradicionalmente asignados a cada sexo.
Habitualmente comezan a reproducirse no seu terceiro verán de vida. As parellas fórmanse despois dunha danza ritual en grupo, na que as femias teñen a parte máis activa. Estas miran de atraer a atención do macho con falsas fuxidas, anasándose ou finxindo a incubación. Poden darse casos de pequenas disputas entre femias por un macho. Os grupos que fan a danza nupcial, compostos habitualmente de menos de 10 individuos, cambian a miúdo o lugar da cerimonia e mesmo o número de danzantes. Cando se forma unha parella, esta afástase do grupo e comeza a delimitar un territorio, que defende enerxicamente. As parellas adoitan durar ata que os polos saen do ovo, aínda que as femias poden buscar un novo macho durante a incubación da primeira posta (poliandria sucesiva). Nalgunhas áreas illadas o exceso de femias pode causar postas de ovos non fecundados e emparellamentos de dúas femias que chocan ovos que non foron galeados.
Bioloxía reprodutora
editarConstrúen o niño, en xeral, nun sitio algo elevado, seco e chan, dando prioridade ós que ofrezan unha voa visión dos arredores e vexetación moi curta. O niño é simplemente unha depresión no chan que cobren con algo de materia vexetal.
Adoitan por tres ovos duns 42×28 mm, de cores que van do da arxila ó verde oliva, con manchas castañas escuras a negras. As segundas ou terceiras postas non están compostas en xeral de máis de dous ovos. Tardan unhas 36 horas en completa-la posta, momento en que o macho comeza a choca-los ovos. A femia non incuba, adoita ficar preto do niño e axuda a defendelo fronte ós inimigos. A participación das femias na cría é moi variable, sendo máis intensa a primeiros e finais desta, aínda que pode ser practicamente inexistente. Os pitos son conducidos fora do niño polo macho moi pouco despois de naceren, o que provoca unha mortalidade alta. Ós tres días de vida os polos poden estar xa a 700 m de distancia do niño. Nesta época o macho expulsa a femia das proximidades das crías, mentres que, segundo algunhas observacións, toleran outros machos sen crías que colaboran na defensa da niñada. O macho guía os polos uns 30 días, desfacéndose despois o grupo familiar.
Condutas agresivas e defensivas
editarA conduta agresiva é máis dominante na femia que nos machos. Fronte ós conxéneres estas fan demostracións abrindo as ás, amosando as plumas do peito e a barriga e abrindo en abanico as plumas da cola. As loitas entre rivais poden acabar en ocasións en pequenas lesións.
As tácticas utilizadas para afastar ós inimigos do niño varían segundo o grao da ameaza, indo dende baixar a cabeza para amosar a V formada polas liñas brancas desta, pasando por carreiras rápidas cunha ou as dúas tocando o chan, ou, nos casos de ameaza máis intensa, finxindo a súa morte con movementos convulsivos de ás, patas e cola. Estas condutas son máis expresivas nos machos.
Movementos migratorios
editarAs súas áreas de invernada son relativamente pequenas en relación ó tamaño da zona de cría e concéntranse no Oriente Medio e no norte de África. Dende finais de xullo comezan a abandonar as rexións onde crían, marchando as femias unhas tres semanas antes cós machos e as aves xoves. E unha ave migradora de fronte ampla, que segue sempre as rutas tradicionais en grupos de 20 a 30 individuos. Buscan ano tras ano os mesmos lugares de descanso e remuda das plumas durante a viaxe ó sur. Moitos dos exemplares europeos parecen, porén, facer unha migración sen escalas. As aves do leste de Asia recorren uns 10.000 km para chegar ó seu destino. O seu desprazamento faise con moita discreción, polo que ás veces parecen máis aves errantes cá migratorias. Máis dos exemplares europeos pasan o inverno no norte de África, sobre todo no Atlas. Os asiáticos voan ó Sinaí, Iraq e Irán. Adoitan escoller nesta época para vivir zonas abertas e semiáridas, evitando os desertos.
O voo de volta comeza a mediados de febreiro. A mediados de marzo xa desapareceron totalmente dos cuarteis de inverno, e adoitan chegar ás terras de cría a partir de finais de abril.
Situación da especie
editarMalia o descenso numérico en Escocia e Finlandia non se considera unha ave ameazada. Nesta cualificación non se valora o estado das poboacións das áreas no nordeste de Siberia e de Asia central, de situación moi pouco coñecida.
As poboacións relictas das montañas europeas sofren unha redución drástica. Entre 1971 e 1995 contáronse 5 postas na rexión austríaca de Zirbitzkogel, entre 2001 e 2004 non foi detectada ningunha.
Onomástica
editarA palabra Charadrius foi utilizada por Aristóteles na súa Zooloxía para definir diversas especies de aves que vivían preto da auga sen teren membranas natatorias. A palabra morinellus, ten a súa orixe no comportamento confiado da ave. Morinellus significa en latín toliño.
A miña amiga a píllara rubia
editarO fotógrafo da natureza sueco Bengt Berg dedicoulle a esta especie o seu libro A miña amiga a pillara rubia (1925), no que describe as súas experiencias nas áreas de Suecia situadas alén da fronteira do bosque boreal, o Fjäll. No libro personifica ó Láhol (nome saami da ave), para conseguir identificar ó lector con ela. O libro provocou no norte e centro de Europa a popularización dunha corrente de pensamento, marcada de romanticismo, que perseguía a proximidade á natureza e a súa protección.
Nomes noutras linguas
editar- Alemán: Mornellregenpfeifer.
- Francés: Pluvier guignard.
- Inglés: Eurasian Dotterel.
- Neerlandés: Morinelplevier.
- Sueco: Fjällpipare.
Literatura
editar- Helwig Brunner: Der Mornellregenpfeifer (Eudromias morinellus) im alpinen Raum. Dipl.-Arb. Univ. Graz, Graz 1992.
- Bettina Mirtner-Lausecker: Nistplatzwahl des Mornellregenpfeifers (Eudromias morinellus L.) in den Wölzer Tauern. Dipl. Arb. Univ. Graz, Graz 2005
- Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bd 6. AULA, Wiesbaden 1999, S. 281-313. ISBN 3-89104-635-9
- Hans Günther Bauer, Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. AULA, Wiesbaden 1997, S. 175, 538, 674, 682, 690, 699. ISBN 3-89104-613-8
- Mark Beaman, Steve Magde: Handbuch der Vogelbestimmung. Ulmer, Stuttgart 1998, S. 307, 360. ISBN 3-89104-613-8
- Ulrich Brendel: Vögel der Alpen. Ulmer, Stuttgart 1998, S. 50f. ISBN 3-8001-3502-7
- Viktor Wember: Die Namen der Vögel Europas. Aula, Wiesbaden 2005. ISBN 3-89104-678-2
Recoñecementos
editar- Números sobre a situación da especie en Zirbitzkogel fornecidos polo Prof. Dr. Peter Sackl, Joanneum Graz.
- Fotos de Helwig Brunner postas a disposición da Wikipedia polo Prof. Dr. Peter Sackl.
Notas
editar- ↑ BirdLife International (2012). "Eudromias morinellus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ Penas Patiño, Xosé Manuel (2004). Guía das aves de Galicia. Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-69-9.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (PDF). Chioglossa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de novembro de 2017. Consultado o 17 de decembro de 2016.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Píllara rubia |
Ligazóns externas
editar- Exemplo de voz da especie
- Factsheet von Birdlife international 2005 Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. (inglés)
- Foto de macho en plumaxe de gala
- debuxos das diversas plumaxes da ave