Píllara de Leschenault

Píllara de Leschenault

A subespecie nomeada A. l. leschenaultii en plumaxe reprodutora; un exemplar vagante chegado a Northumberland, Reino Unido
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Charadriidae
Xénero: Anarhynchus
Especie: Anarhynchus leschenaultii
(Lesson, 1826)
Sinonimia

Charadrius leschenaultii (protónimo)

A píllara de Leschenault[2] (Anarhynchus leschenaultii, antes Charadrius leschenaultii) é unha pequena ave limícola da familia Charadriidae.[3][4] O epíteto específico leschenaultii déuselle en honra do botánico francés Jean Baptiste Leschenault de la Tour.[5] Igual que a maioría das outras especies do xénero Anarhynchus, estaba ata hai pouco incluída no xénero Charadrius.[3]

Distribución

editar

Reprodúcese na zonas semidesérticas de Turquía e cara ao leste por Asia central, onde nidifica nunha pequena depresión escavada no chan sen vexetación. Esta especie é fortemente migratoria, e pasa o inverno en praias areosas do leste de África, sur de Asia e Australasia. É un vagante raro en Europa occidental, onde foi rexistrado mesmo en Islandia. Foi rexistrado dúas veces en América do Norte, o caso máis recente o 14 de maio de 2009 en Jacksonville, Florida.[6]

Subespecies

editar

Existen tres subespecies:[3][7][8]

  • A. l. leschenaultii, a subespecie nomeada, na parte leste da área de distribución da especie en Mongolia e noroeste da China. Cun bico intermedio; plumaxe de verán cunha débil banda laranxa no peito.
  • A. l. scythicus, no centro da súa área de distribución en Asia central. Co bico máis longo nesta especie; plumaxe de verán cunha banda peitoral laranxa moderada. Sinónimo A. l. crassirostris; porén, este nome estaba ocupado previamente por unha subespecie da píllara de Wilson (Anarhynchus wilsonia) denominada A. wilsonia crassirostris descrita 48 anos antes.[8]
  • A. l. columbinus, comprende as poboacións do oeste no suroeste de Asia ata Turquía central. Co bico máis pequeno na especie; plumaxe de verán cunha forte banda peitoral laranxa.

Descrición

editar

Esta robusta píllara mide 19–22 cm de longo, e é lixeiramente máis grande que a píllara real, e ten as patas claramente longas e un bico groso. Os machos reprodutores teñen dorsos de cor beixe area e partes ventrais brancas. O peito, fronte e caluga son de cor variablamente laranxa no verán, e teñen unha máscara ocular negra no verán. A femia é máis apagada e máis gris, e as aves en inverno e as xoves son máis marróns, á parte dos tons maróns avermellados da cabeza. As patas son amarelas verdosas e o bico é negro.[7]

En todas as plumaxes é moi similar aos seus parentes próximos a píllara mongol (A. mongolus) e a píllara tibetana (A. atrifrons). Duistinguir estas especies pode ser doado en bandadas mixtas de invernada nunha praia india, onde a diferenza en tamaño e estrutura é obvia; outra cousa é identificar un só espécime vagante que chegue ao oeste de Europa, onde estas especies son moi raras. O problema débese a que a subespecie do suroeste de Asia da píllara de Leschenault é a máis similar ás outras especies polo seu bico máis pequeno.

Ecoloxía

editar

O seu alimento son principalmente insectos, crustáceos, caracois e vermes anélidos,[9] que captura coa técnica de correr e parar, en vez de estar parada e sondear co bico como fan outras limícolas.[Cómpre referencia]

A súa chamada en voo é un suave trilo.[Cómpre referencia]

A píllara de Leschenault é unha das especies ás que se lles aplica o Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-Eurasiáticas (AEWA).[10]

Galería

editar
  1. BirdLife International (2019). "Charadrius leschenaultii" 2019: e.T22693862A153879900. doi:10.2305/IUCN.UK.2019-3.RLTS.T22693862A153879900.en. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Gill, Frank; Donsker, David; Rasmussen, Pamela, eds. (xaneiro de 2024). "Buttonquail, thick-knees, sheathbills, plovers, oystercatchers, stilts, painted-snipes, jacanas, Plains-wanderer, seedsnipes". IOC World Bird List Version 14.1. International Ornithologists' Union. Consultado o 26 de xullo de 2024. 
  4. Charadrius leschenaultii en Avibase
  5. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 99, 222. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. "From Asia by air, rare bird visits Huguenot". Times-Union, Florida. Jacksonville.com. 2009-05-15. Consultado o 2009-05-17. 
  7. 7,0 7,1 Svensson, L., Mullarney, K., & Zetterström, D. (2009) Collins Bird Guide, ed. 2. ISBN 0-00-219728-6, pages 144-145
  8. 8,0 8,1 Carlos, C. J., S. Roselaar, & J-F. Voisin (2012). A replacement name for Charadrius leschenaultii crassirostris (Severtzov, 1873), a subspecies of Greater Sand Plover. Bulletin of the British Ornithologists' Club 132 (1): 63–65.
  9. SeoBird life chorlitejo mongol grande
  10. «Waterbird species to which the Agreement applies» (PDF) (en inglés). AEWA. Arquivado do orixinal o 30 de marzo de 2012. Consultado o 6 de maio de 2012.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Taylor, P.B. (1987) Field identification of Greater and Lesser Sandplovers, pp. 15–20 in International Bird Identification: Proceedings of the 4th International Identification Meeting, Eilat, 1st - 8th November 1986 International Birdwatching Centre Eilat

Ligazóns externas

editar