Optus
Optus é unha serie de satélites de comunicacións Australianos.[1]
Características
editarOs satélites Optus pertencen á empresa Optus Communications Pty., Ltd., de Australia, formada a través da privatización da empresa nacional de satélites AUSSAT, que en 1982 seleccionou a Hughes Communications International para desenvolver o primeiro programa de satélites de comunicacións do país. Os primeiros satélites comezaron a lanzarse en 1985 e a día de hoxe os seus sucesores están destinados a dar servizo de comunicacións, datos e voz ao territorio australiano.[1]
Optus A1, A2 e A3 (AUSSAT A1, A2 e A3)
editarOs primeiros tres satélites Optus lanzáronse baixo a denominación AUSSAT entre 1985 e 1987. Usaban o bus HS-376 e estabilizábanse mediante xiro. Tiñan forma cilíndrica, con 2 metros de diámetro e 6,9 m de longo, cunha antena cun mecanismo de antirrotación nunha das bases para poder apuntar continuamente á Terra. Levaban 15 transpondedores en banda Ku. A alimentación eléctrica corría a cargo de células solares recubrindo a superficie do satélite. Optus A1 e A2 foron lanzados polos transbordadores espaciais Discovery e Atlantis respectivamente, o 27 de agosto de 1985 e o 27 de novembro dese mesmo ano, mentres que Optus A3 foi lanzado mediante un Ariane 3 o 16 de setembro de 1987.[2]
Optus B1, B2 e B3
editarOs tres seguintes satélites Optus eran satélites estabilizados nos tres eixos e usaban o bus HS-601 de Hughes. Foron lanzados entre 1992 e 1994, os tres a bordo de foguetes CZ-2E e con Optus B2 sendo destruído durante o lanzamento debido ao colapso da cofia pero cos seus restos chegando a órbita. Levaban a bordo 15 transpondedores en banda Ku cada un, un transpondedor en banda L, unha baliza en banda K e un retrorreflector láser. Cada un tiña unha masa de 2858 kg con propelente (1659 kg en baleiro).[3]
Optus C1
editarOptus C1, tamén coñecido como Optus and Defence C1, foi lanzado para proporcionar servizo de comunicacións comerciais e militares. Para o servizo comercial, destinado ao seu uso polo Departamento de Defensa de Australia, usa transpondedores en banda Ku, mentres que para o servizo militar usa UHF e as bandas X e Ka. Usa o bus SSL-1300, con dous paneis solares e unha masa de 4725 kg. Foi lanzado o 11 de xuño de 2003 mediante un foguete Ariane 5.[4]
Optus D1, D2 e D3
editarOs satélites Optus da serie D levan a bordo 24 transpondedores en banda Ku con 8 canais de respaldo adicionais. Están baseados no bus Star-2.4 e teñen unha masa duns 2400 kg, cun par de paneis solares que xeran ata 4 kW de potencia eléctrica. Foron lanzados entre 2006 e 2009, todos mediante foguetes Ariane 5.[5][6]
Optus 10
editarOptus 10 foi lanzado o 11 de setembro de 2014 a bordo dun Ariane 5. Ten unha masa de 3270 kg usando o bus SSL-1300LL e levando 24 transpondedores en banda Ku.[7]
Historial de lanzamentos
editarMisión[1][2][3][4][5][6][7] | Data de lanzamento[1][2][3][4][5][6][7] | Foguete lanzador[1][2][3][4][5][6][7] | Notas[1][2][3][4][5][6][7] |
---|---|---|---|
Optus A1 (AUSSAT A1) | 27 de agosto de 1985 | Transbordador Discovery | Éxito |
Optus A2 (AUSSAT A2) | 27 de novembro de 1985 | Transbordador Atlantis | Éxito |
Optus A3 (AUSSAT A3) | 16 de setembro de 1987 | Ariane 3 | Éxito |
Optus B1 | 13 de agosto de 1992 | CZ-2E | Éxito |
Optus B2 | 21 de decembro de 1992 | CZ-2E | Fallo |
Optus B3 | 27 de agosto de 1994 | CZ-2E | Éxito |
Optus C1 | 11 de xuño de 2003 | Ariane 5 | Éxito |
Optus D1 | 13 de outubro de 2006 | Ariane 5 | Éxito |
Optus D2 | 5 de outubro de 2007 | Ariane 5 | Éxito |
Optus D3 | 21 de agosto de 2009 | Ariane 5 | Éxito |
Optus 10 | 11 de setembro de 2014 | Ariane 5 | Éxito |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Mark Wade (2020). "Optus" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Aussat A1, A2, A3 / Optus A1, A2, A3" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus B1, B2, B3" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus C1 (Optus and Defence C1)" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus D1" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus D2, D3" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Optus 10" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2020.