Noe Ito
Noe Itō (en xaponés: 伊藤 野枝, Itō Noe), nada en Fukuoka (Prefectura de Fukuoka) o 21 de xaneiro de 1895 e finada en Tokyo o 16 de setembro de 1923, foi unha anarquista, escritora e feminista xaponesa. Foi editora da revista feminista Seitō. A súa ideoloxía anarcofeminista entrou en conflito coas normas sociais establecidas nos períodos Meiji (1868-1912) e Taishō (1912-1926). Porén, tamén recibiu eloxios da crítica pola súa capacidade de entretecer o persoal e o político na súa escrita. Secasí, o goberno xaponés da época condenouna polas súas ideas; converteuse nunha mártir do anarquismo tras o incidente de Amakasu, no que foi asasinada pola policía militar xunto co seu amante, o autor anarquista Ōsugi Sakae (1885-1923), e mais o seu sobriño.
![]() ![]() | |
Nome orixinal | (ja) 伊藤 野枝 ![]() |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 21 de xaneiro de 1895 ![]() Fukuoka, Xapón ![]() |
Morte | 16 de setembro de 1923 ![]() Toquio, Xapón ![]() |
Causa da morte | homicidio ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escritora, crítica social, anarquista ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Jun Tsuji ![]() |
Parella | Sakae Osugi ![]() |
Cronoloxía | |
16 de setembro de 1923 | Incidente de Amakasu ![]() |
![]() ![]() |
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarItō naceu preto de Fukuoka o 21 de xaneiro de 1895,[1] no seo dunha familia aristócrata. Convenceu ao seu tío para pagarlle a súa educación no Instituto de Rapazas de Ueno, en Tokyo. Foi durante os seus estudos que desenvolveu a súa paixón pola literatura. En concreto, gustábanlle as ideas progresistas do seu tempo, de autores tanto occidentais como xaponeses.
Durante as súas segundas vacacións de verán, en 1910, a súa familia forzouna a casar con Suematsu Fukutaro, un home chegado recentemente a Kyūshū dende os Estados Unidos. De non aceptar, prohibiríanlle continuar cos seus estudos. Itō, que desexaba manter a súa liberdade, comezou a planear unha maneira de fuxir desta relación e asentarse en Tokyo. Xa que logo, decidiu casar cun antigo profesor, Tsuji Jun (1884-1944), que coñecera no seu instituto.[2] Tras graduarse, tiveron dous fillos, Makoto (nado o 20 de xaneiro de 1914) e Ryūji (nado o 10 de agosto de 1915). A parella formalizou definitivamente a súa relación en 1915.[1] Porén, ambos separáronse uns catro anos despois.
Seitō
editarItō uniuse á "Sociedade das Medias Azuis" (en xaponés: 青鞜社 Seitō-sha) como editora da revista feminista Seitō en 1915, contribuíndo nela até 1916. No seu período como editora, mantivo unha liña inclusiva respecto dos contidos tratados, "abrindo as súas páxinas a discusións sobre o aborto, a prostitución, o amor libre e a maternidade".[3] Unha das creadoras da Seitō, Hiratsuka Raichō (1886-1971), describiuna como unha escritora cunha emoción natural e intensa.[2]
Baixo a dirección de Itō, a revista fíxose máis radical, o que ocasionou o secuestro de cinco dos seus números, xa que o goberno consideraba que ameazaban a soberanía da nación. En febreiro de 1914, os censores prohibiron outro volume debido a un relato de Itō, Shuppon ("O voo"), no que unha rapaza fuxe dun matrimonio concertado para logo ser traizoada polo seu amante, que prometera saír con ela do país. A edición de xuño de 1915 tamén foi prohibida por un artigo que esixía a legalización do aborto no Xapón.[4]
Outros tres números da Seitō foron censurados: un deles debido a un conto erótico no que unha muller relembra con ledicia a relación sexual da noite anterior; outro deles por un relato sobre a ruptura dun matrimonio concertado; e o derradeiro deles por un artigo no que se instaba ás mulleres a casar por amor.[4] As narracións de Itō constan de varios temas en común: todas elas están influenciadas polas súas crenzas persoais e políticas, pintando un vívido retrato dos problemas que aflixían ao seu tempo.[2]
Os textos de Itō publicados na Seitō abordan moitos dos problemas cos que tivo que lidar na súa propia vida, como os casamentos concertados, a negación do amor libre ou a natureza sexual que todos os humanos posúen pero que a sociedade reprime. A súa historia Mayoi (1914) relata a vida dunha estudante que se muda cun profesor da súa antiga escola, para logo descubrir que este saíra tamén con outra compañeira de clase. Este conto ten moitos paralelismos coa súa relación con Tuji Jun.[2] En Tenki, a protagonista iníciase no activismo social malia os obstáculos que lle impón o matrimonio. Neste sentido, a escrita de Itō supuxo unha vía para expresar as súas crenzas e vivencias, que constitúen a base de moitos dos seus textos.[2] En total, elaborou 61 obras para a revista.[5]
No período entre 1914 e 1916, Itō sostivo na revista un debate con outra pensadora feminista, Yamakawa Kikue (1890-1980) sobre a legalización da prostitución.[6] Itō argumentou que a prostitución debía legalizarse pola mesma razón que o aborto, para que as mulleres tivesen o control do seu propio corpo, pois o estado non tiña lexitimidade para intervir nese eido.[6] Ademais, segundo Itō, o sistema social da súa época non lle ofrecía ás mulleres oportunidades económicas dabondo, polo que moitas recorrían á prostitución para sobrevivir; xa que logo, non deberían ser castigadas.[6]
Itō escribiu pezas de crítica social e novelas, así como traducións de autores socialistas e anarquistas anglófonos, como a estadounidense Emma Goldman (1869-1940).[7] En febreiro de 1916, a Seitō tivo que deixar de publicarse por falta de fondos, así como pola prohibición do goberno aos distribuidores de circular a revista.[8]
Relación con Sakae Ōsugi
editarItō coñeceu ao anarquista Sakae Ōsugi en 1916. Xuntos, traballaron no activismo e mais na escrita políticas. Como parella, practicaron o amor libre e nunca casaron. Ademais, Ōsugi xa estaba casado cunha muller, e mantiña unha relación coa escritora feminista, Kamichika Ichiko (1888-1981).[9]
A paixón de ambos fíxose pública e evidente en febreiro de 1916, cando a parella paseou collida da man por un parque de Tokyo, onde se bicaron á vista de todos; naquela época, este tipo de manifestacións públicas de afecto eran consideradas actos inmorais impropios de persoas decentes, polo que moitos viandantes os criticaron. Máis tarde, nese mesmo día, Ōsugi estivo con Kamichika, a quen lle comentou que bicara por vez primeira a unha muller en público; a súa namorada manifestou ciúmes ante esta confesión.[10]
Itō, quen desexaba continuar véndose con Ōsugi, seguírao até a casa de Kamichika, onde estivo espreitando a súa conversa. Entón, decidiu chamar á porta para interceder na discusión, o que ocasionou unha loita entre ambas mulleres sobre o seu amante, quen insistía en que as amaba ás dúas por igual. Porén, Ōsugi seguiu a vivir coa súa dona namentres continuaba as súas relacións con Itō e Kamichika. Secasí, en novembro de 1916, esta última presentouse nunha pousada rural na que Itō e Ōsugi estaban aloxados. Tras velos pasar a noite xuntos, Kamichika atacou a Ōsugi cun coitelo cando este saíu do seu cuarto, apuñalándoo varias veces na gorxa. Este tivo que ingresar nun hospital para curar das feridas, e a súa esposa decidiu deixalo.[10]
Malia esta situación, Itō e Ōsugi continuaron o seu romance, do que naceron catro fillos, durante o resto das súas vidas, aínda que nunca chegaron a casar. A súa relación foi tamén política, xa que traballaron xuntos como socios editoriais.[2] Nesta liña, ambos desenvolveron as súas ideas sobre o anarquismo en multitude de escritos, converténdose en obxectivos do estado e dos críticos leais á causa do imperio.[11] En 1921, Itō escribiu varios artigos na revista Rōdō undō ("O movemento obreiro"), un xornal que editaba con Ōsugi.[12]
Dende 1916, Itō continuou o seu ascenso ao liderado dos grupos feministas do Xapón. Como anarquista, foi moi crítica co sistema político do seu país, o que a levou a defender un anarquismo como "práctica cotiá", no sentido de que a xente debería actuar todos os días coa intención de socavar o goberno mediante pequenas accións rutineiras.[13] En especial, criticou a pasividade do pobo xaponés, que automaticamente aceptaba a visión do estado e a súa afirmación da divindade do emperador ao que debían obedecer de modo incondicional, o que dificultaba conseguir que a xente pensara criticamente.[13] Esta toma de posutra fixo de Itō unha vítima constante do acoso policial, até o punto de sentir que a súa casa era unha prisión, xa que non podía saír dela sen ser abordada por un axente.[8]
Pasamento
editar- Véxase tamén: Masacre de Kantō.
O 16 de setembro de 1923, segundo a escritora e activista Setouchi Jakucho (1922-2021), Ōsugi, Itō e mais a súa sobriña de 6 anos, Munekazu, foron arrestados, aforcados e os seus corpos guindados nun pozo abandonado por un escuadrón da policía militar (coñecido como o Kenpeitai), dirixido polo tenente Amakasu Masahiko (1891-1945).[14] Esta atrocidade sucedeu durante o caos posterior ao gran terremoto de Kantō de 1923. Unha vez recuperados os cadáveres, atopáronse en ambos sinais dunha brutal malleira.[2] Segundo Patricia Morley, cada un deles foi aforcado na propia cela.[15] Itō tiña 28 anos.[14]
O asasinato de ambos líderes anarquistas, xunto cunha nena pequena, pasou a ser coñecido como o incidente de Amakasu, e causou estupor e furia no Xapón.[7] Amakasu foi arrestado e condenado a dez anos de prisión polos asasinatos, mais só estivo tres anos na cadea.
Itō e Ōsugi foron enterrados no cemiterio Kutsunoya, en Aoi-ku (Shizuoka).
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Stanley 1982, pp. 92-93.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Filler 2009.
- ↑ Sievers 1983, pp. 182-183.
- ↑ 4,0 4,1 Fukuda & Reich 1976, p. 284.
- ↑ Bardsley 2007.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Fukuda & Reich 1976, p. 285.
- ↑ 7,0 7,1 Cybriwsky 2011, p. 21.
- ↑ 8,0 8,1 Fukuda & Reich 1976, p. 286.
- ↑ Nelson 2009.
- ↑ 10,0 10,1 Large 1977, p. 447.
- ↑ Large 1977, p. 446.
- ↑ Hane 2003, p. 282.
- ↑ 13,0 13,1 Konishi 2007, p. 129.
- ↑ 14,0 14,1 Setouchi 1993, pp. 18-19.
- ↑ Morley 1999, p. 19.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Bardsley, Jan (2007). The Bluestockings of Japan: New Woman Essays and Fiction from Seitō, 1911-16 (en inglés). Ann Arbor. ISBN 978-1-929280-44-5.
- Cybriwsky, Roman (2011). Historical Dictionary of Tokyo (en inglés). Scarecrow Press. ISBN 978-0-8108-7489-3.
- Filler, Stephen (2009). "Going beyond individualism: Romance, personal growth, and anarchism in the autobiographical writings of Itō Noe". US-Japan's Women's Journal (en inglés) 37: 57–90. JSTOR 42772001.
- Fukuda, Atsuko; Reich, Pauline C. (1976). "Japan's Literary Feminists: The Seitō Group". Signs (en inglés) 2 (1): 280–291. JSTOR 3173444. doi:10.1086/493355.
- Hane, Mikiso (2003). Peasants, Rebels, Women, and Outcasts: The Underside of Modern Japan (en inglés). Rowman & Littlefield.
- Konishi, Sho (2007). "Reopening the "Opening of Japan": A Russian-Japanese Revolutionary Encounter and the Vision of Anarchist Progress". The American Historical Review (en inglés) 112 (1): 101–130. doi:10.1086/ahr.112.1.101.
- Large, Stephen (1977). "The Romance of Revolution in Japanese Anarchism and Communism during the Taishō Period". Modern Asian Studies (en inglés) 11 (3): 441–469. doi:10.1017/S0026749X00014220.
- Morley, Patricia (1999). The Mountain Is Moving: Japanese Women's Lives (en inglés). University of Columbia Press. ISBN 9780774806756.
- Nelson, David G. (2009). "Itō Noe (1895-1923)". The International Encyclopedia of Revolution and Protest (en inglés). Wiley & Sons. pp. 1–2. ISBN 978-1-4051-9807-3. doi:10.1002/9781405198073.wbierp0802.
- Setouchi, Harumi (1993). Beauty in Dissarray (en inglés). Charles E. Tuttle. ISBN 0-8048-1866-5.
- Sievers, Sharon L. (1983). Flowers in Salt: The Beginnings of Feminist Consciousness in Modern Japan (en inglés). Stanford University Press. ISBN 9780804713825.
- Stanley, Thomas A. (1982). Ōsugi Sakae, Anarchist in Taishō Japan: The Creativity of the Ego (en inglés). Harvard University Asia Center. ISBN 9780674644939.