Nacionalismo húngaro
O nacionalismo húngaro é unha noción ideolóxica que promove a unidade dos húngaros e dos falantes da lingua húngara nun estado nación unificado. Desenvolveuse a comezos do século XIX ao longo das liñas clásicas de interese académico que levaron ao nacionalismo político e á participación masiva.[1][2] Dende a primeira guerra mundial, o nacionalismo húngaro evolucionou a posicións irredentistas, principalmente coa aspiración de recuperar os territorios perdidos no Tratado de Trianon.
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/c/c1/Flag_of_Hungary.svg/220px-Flag_of_Hungary.svg.png)
Historia
editarAs súas orixes encóntranse a comezos do século XIX, en parte como un rexeitamento ao poder absoluto da dinastía dos Habsburgo que dominaba o Reino de Hungría dentro do Imperio Austríaco. Dende a batalla de Mohács en 1527, o país quedou baixo control, primeiro dos otománs e logo dos austríacos. Durante as revolucións de 1848, ese ano estourou en Hungría un levantamento popular que acabou desembocando nunha guerra de independencia contra os Habsburgo. Aínda que a revolución húngara de 1848 acabou fracasando nos seus obxectivos e foi vítima dunha sanguenta represión, o sentimento nacionalista quedou fortemente impregnado.
O movemento nacionalista en Hungría durante o século XIX estivo fortemente influenciado polo chamado "nacionalismo musical", salientando os compositores Béla Bartók e Zoltán Kodály coas súas obras sobre o folclore húngaro tradicional. Tamén se manifestou na renacida literatura maxiar que se desenvolveu co romanticismo. Na procura de símbolos nacionais, salientouse a figura do rei medieval Estevo I. Os nacionalistas húngaros tamén entraron en contacto co turanismo, corrente que defendía a conexión dos maxiares cos pobos turcos de Asia Central. O turanismo húngaro acabou sinalando que os maxiares semi-nómades[3] procedían das estepas e que a súa cultura era semellante á dos pobos esteparios, mais esta teoría non estivo nunca cientificamente avalada e non tardou en converterse nun arcaísmo.[4] Porén, estas propostas continuaron a ter acollida nos círculos nacionalistas.
Notas
editar- ↑ Hoolihan, Mark James (2007). Mark James Hoolihan, p. 17, 2007. ISBN 9780549238607.
- ↑ Colquhoun, A. R., & Colquhoun, E. M. C. (1914). The whirlpool of Europe, Austria-Hungary and the Habsburgs. Nova York: Dodd, Mead.
- ↑ György Györffy (1983); István király és műve. Gondolat Könyvkiadó, Budapest, páx. 252
- ↑ T. Masuza (2005); The Invention of World Religions, Or, How European Universalism was Preserved in the Language of Pluralism. The University of Chicago Press, páx. 229
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Hungría |
Bibliografía
editar- Maxwell, Alexander (2005). "Multiple Nationalism: National Concepts in Nineteenth-Century Hungary and Benedict Anderson's "Imagined Communities". Nationalism and Ethnic Politics. Nationalism and Ethnic Politics, Volume 11, Issue 3 11 (3): 385–414. doi:10.1080/13537110500255619.