Muíño De Roos (Delft)
De Roos (en galego: "A Rosa"), é o derradeiro muíño de vento dos quince que noutrora estiveron sobre as murallas da cidade neerlandesa de Delft, na Holanda Meridional. O muíño, que foi declarado en 1967 monumento nacional des Países Baixos (rijksmonument) funciona aínda con regularidade moendo gran.[1][2]
De Roos (muíño de vento) | |
---|---|
O muíño De Roos nunha fotografía de 2005 | |
Edificio | |
Tipo | Muíño de vento para a moenda de millo |
Sistema estrutural | Muíño de pedra redondo sobre alicerces de pedra exagonal |
Enderezo | Phoenixstraat, 112. 2611AK te Delft (Markt, 87) |
Localización | Delft Holanda Meridional Países Baixos |
Coordenadas | 52°00′51″N 4°21′02″L / 52.014028, 4.350667 |
Propietario | Asociación De Hollandsche Molen |
Uso(s) | Moenda de millo Museo dos muíños de vento de Delft Tenda de produtos de fariña |
Construción | |
Construción | Século XIV |
Remodelación | Século XVIII 1990 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA primeira mención a un muíño, situado na actual rúa Phoenixstraat, remóntase a 1352, coa denominación de Gasthuismolen. Naquel momento dispuña dunha parte superior de madeira, que foi posteriormente substituída pola pedra no século XVIII.
Descoñécese en que momento o muíño adquiriu a súa fisionomía actual, aínda que, en todo caso, tivo que ser con anterioridade a 1727.
A súa actividade reduciuse moi notablemente en 1929, por mor das escavacións producidas nas murallas da cidade cara ao norte do muíño, con motivo das obras da liña 1 do tranvía a través da rúa Phoenixstraat. Desde esa data ata os anos oitenta apenas mantivo a súa actividade de moenda de gran.[3]
Restauración
editarNos anos 80 descubriuse que o muíño pandeaba por mor da súa actividade de moenda e polas condicións do lugar. A fundación Molen de Roos ("Muíño A Rosa") comezou entón unha colecta de fondos para a restauración, que durou tres anos. Tras os traballos de restauración, o muíño foi reinaugurado o 28 de setembro de 1990 polo Príncipe Claus, marido da raíña Beatriz.
Na parte superior do muíño áchase a exposición permanente Delftse Windmolens ("Muíños de vento de Delft"), así como unha tenda de produtos feitos á base de fariña.
Construción do túnel baixo o muíño
editarDebido á construción dun túnel para o tráfico ferroviario, a titularidade do muíño De Roos transferíuselle en decembro de 2009 á empresa ProRail, titular das infraestruturas ferroviarias dos Países Baixos. Inicialmente, nesa operación reforzouse a base do muíño cunha base de formigón armado sustida sobre 45 columnas de aceiro. O 4 de xullo de 2012, o muíño elevouse un metro mediante estas columnas e extraeuse o chan por debaixo da lousa de formigón, para fabricar a estrutura portante do túnel; é dicir, o seu teito. O 12 de decembro de 2012 o muíño foi baixado e pasou a estar asentado sobre o teito do túnel. O 4 de setembro de 2013, ao remate das obras do túnel, a titularidade do muíño volveu novamente á asociación de defensa dos muíños holandeses De Hollandsche Molen ("O muíño holandés"), que é a súa propietaria desde 1926.
Visitas
editarAs visitas, cunha duración recomendada duns 30 minutos, pódense realizar os luns (de 13:00 horas a 18:00 horas), de martes a venres (de 9:00 horas a 18:00 horas) e os sábados (de 9:00 horas a 17:00 horas). Os domingos permanece pechado ao público.[4]
Notas
editar- ↑ Ficha de inscrición do muíño no Rijksmonumentenregister Arquivado 01 de decembro de 2017 en Wayback Machine. (en neerlandés
- ↑ Características do museo na súa ficha da Nederlandse Molendatabase. (En neerlandés)
- ↑ "Toen in Delft: Molen de Roos". En Indebuurt.nl. (En neerlandés)
- ↑ Horarios actualizados de visitas e contacto para reservas Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.. (En inglés)
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Sitio web do muíño de vento De Roos Arquivado 02 de novembro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés e neerlandés)
- O muíño De Roos en De Hollandaise Molen Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.. (en inglés e neerlandés)