Mosaico romano de Panxón

obra decorativa romana

O mosaico de Panxón é un fragmento dun mosaico romano descuberto no castro de Panxón, na parroquia de Panxón, concello de Nigrán.[1]

Mosaico romano de Panxón

Fragmento conservado.
Data Século III
Descuberta
Localización Castro de Panxón, Panxón
Data Século XIX

Singularidade

editar

Data do século III d. C.. A súa singularidade débese a que é a única representación do xénero de temática mariña, concretamente un peixe e unhas ameixas, na bisbarra do Val de Miñor e contiguas. Seguramente formase parte dun mosaico meirande.[2]

Historia

editar

Segundo Fernando Acuña Castroviejo, que documentou a existencia do mosaico nos anos setenta, a familia Puga de Nigrán topouse con este tesouro nunha data anterior a 1850, durante unhas obras na súa parcela ao bordo do mar, preto do castro de Panxón.[3] O mosaico era moito máis grande, aínda que os Puga salvaron da destrución un só fragmento, e encargaron unha mesa de tesoira, ao estilo romano, para embutirlo e conservalo. A primeira propietaria foi Umbelina González Lavandeira, viúva do señor Puga, segundo reza nun manuscrito do século XIX. Pero, cos anos, aquela familia vendeu o moble ao abogado tudense Ricardo Blanco-Cicerón, un dos maiores coleccionistas de arte que houbo en Galicia, falecido en Santiago en 1926. Tras décadas de silencio, no ano 2000 a peza reaparecía en Castellana Subastas (Madrid) e comprábaa por algo menos de dous millóns de pesetas un poxador danés.

En 2012 o mosaico xa chegara a Nova York, pero en Galicia perdéraselle o rastro, ata que seis anos despois Fernández-Turégano atopou aquela imaxe do peixe que figura na única foto que se conservaba da peza, nunha sinaléctica ubicada na praia da Madorra, e que tiña tatuada na memoria cando se distraía mirando un catálogo de Carlton Hobbs na internet.

“Ao final, o desenlace foi por casualidade, porque un veciño de Nigrán, Gonzalo (Fernández Turégano), sobriño de Pilar (Pérez Saavedra, presidenta da Asociación pola Repatriación) nunha visita a Nova York, na galería Carlton Hobbs, observa que está á venda o mosaico romano de Panxón. Automaticamente ponse en contacto coa súa familia e co Concello”, relatou Juan A. González (nese intre alcalde de Nigrán), que explicou que, a partir dese momento, expúxose o intento de mercalo.[4]

O prezo de venda eran 75.000 $ pero nunha entrevista entre Gonzalo e o propio Carlton Hobbs o coleccionista acordan unha rebaixa de 20.000$ coa condición de que fose exposto ao público,[3] dos que o Concello de Nigrán achegou 40.000 euros. Con todo, a complexidade de que fose a administración a que fixese a compra levou á creación da Asociación pola Repatriación do Mosaico Romano de Panxón, que puxo en marcha unha campaña de ‘crowdfunding’ e logrou reunir o resto do diñeiro.

Todo o proceso durou máis de 4 anos. O alcalde lembrou que non só o Concello, senón tamén a sociedade civil nigranesa estaba “moi interesada” na recuperación desa peza histórica. “Como todas as travesías longas, ten un final feliz”, celebrou, antes de apuntar que agora o mosaico é patrimonio de todos os veciños de Nigrán e de todos os galegos, e que xa se iniciaron os trámites para a súa declaración como Ben de Interese Cultural.[3]

Chegou a Madrid o 28 de novembro de 2024[5] e a Nigrán o 23 de xaneiro de 2025.[6]

  1. "ASOCIACIÓN REPATRIACIÓN MOSAICO ROMANO PANXÓN". ASOCIACIÓN REPATRIACIÓN MOSAICO ROMANO PANXÓN (en castelán). Consultado o 2023-10-16. 
  2. "HISTORIA". ASOCIACIÓN REPATRIACIÓN MOSAICO ROMANO PANXÓN (en castelán). 2021-07-22. Consultado o 2023-10-16. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Pontevedra, Silvia R. (2025-01-23). "El mosaico romano que recorrió 14.112 kilómetros vuelve a su punto de partida en Galicia". El País (en castelán). Consultado o 2025-01-28. 
  4. Redacción (2025-01-25). "Esta é a abraiante historia dun mosaico romano de 1.700 anos que volveu a Nigrán desde os EE.UU.". Historia de Galicia. Consultado o 2025-01-28. 
  5. Press, Europa (2025-01-18). "El mosaico romano de Panxón emprende el retorno definitivo a Nigrán después de 25 años de exilio". www.europapress.es. Consultado o 2025-01-28. 
  6. "O mosaico romano de Panxón volve á casa tras unha odisea internacional". G24. Consultado o 2025-01-28. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar