Montirón
Montirón é un barrio do concello de Lugo, Galicia. Está situado no sueste da cidade nun outeiro entre os ríos Miño e Rato e que está rodeado de carballeiras centenarias e outras zonas verdes que actúan como pulmón verde da cidade. Parte desa zona está incluída na Reserva da Biosfera Terras do Miño. A denominación, posiblemente, provén do latín, da unión de MONTE ‘monte, montaña’ e, quizais, o xentilicio latino ERONIUS, que se referiría ao seu propietario.[1]
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/d/d9/1._Cartel_Montiron.jpg/220px-1._Cartel_Montiron.jpg)
Historia
editarA zona foi, ao longo do tempo, unha zona de paso cara á cidade. Montirón está atravesado por dous importantes itinerarios:
- A XIX Vía Antonina, de época romana, que unía Lucus Augusti (actual Lugo) con Bracara Augusta (Braga en Portugal); estrada que pasa pola veciña parroquia de Muxa (San Fiz) cara á ponte romana sobre o río Miño.
- O outro é a "Vía Künig",[2] que é unha variante do Camiño Francés que recibe o seu nome do monxe alemán Hermann Künig (autor da guía medieval de peregrinos que recolle o percorrido cara a Santiago de Compostela), no seu tramo número 14, que vai do Corgo a Lugo.[3]
Así mesmo, a pouco máis dun quilómetro do barrio de Montirón (ao leste da cidade) sitúase o KM 100 do Camiño Primitivo, un itinerario do Camiño de Santiago que nace en Oviedo e remata en Compostela. Por outra banda, indo en sentido contrario, xa na antiga estrada de Castela, pódese ver o Peto de ánimas da Tolda, situado preto da Vía Romana XIX e da Ponte da Tolda.
Século XIX
editarDurante a Guerra de Independencia española, na primavera de 1809, o exército francés estivera acampado nas campas do bario, até a súa retirada de Galicia.[1] Tamén dese século datan as construcións, antes coñecidas como Muíño do Tendeiro ou Muíño de Eirexe, e que hoxe forman parte das instalacións do Centro de Intepretación Terras do Miño, un espazo no que se publicita a Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A finais de século, celebrábanse carreiras de velocípede no seu velódromo, un dos primeiros de España.[4] Tamén se celebrou algunha tourada nos campos próximos.[5]
Século XX
editarExhibición de aviación
editarEn xuño de 1911, durante as festas do Corpus, houbo un festival de exhibición aérea, que foi un dos primeiros en España, realizado por Benito Loigorri. foi contratado pola Liga de Amigos de Lugo para que realizase "un ou máis voos dunha duración total de entre 15 e 20 minutos" e polo que recibiu 2.500 pesetas.[6] A Liga, penso en Montirón porque era o lugar onde se realizaban os actos que precisaban de moito espazo ou que atraían a moitas persoas. Para tal fin, realizouse un hangar, para montar o aparato, e un campo de aviación de 200 x 50 metros.[6] O voo apenas durou minuto e medio pois o biplano, que engalou en Montirón, aos poucos caeu en Castelo por mor das malas condicións do vento e, aínda que, o aparato quedou escachado, Loigorri tivo algunhas contusións sen maior importancia.[7] O ano seguinte, nas festas, volveu haber outra exhibición aérea, nesta ocasión do piloto vasco-francés Leoncio Garnier,[8] quen fora o primeiro en sobrevoar os Pireneos e as illas Canarias.[9]
Nacemento do barrio
editarEn plena posguerra española, cando practicamente só existía a rúa Montirón, a Obra Sindical do Fogar e a Arquitectura, planificou e proxectou aproximadamente 88 vivendas de dúas plantas con terreo, baixo a denominación de “Vivenda Protexida Hermanos Pedrosa Posada” que se construíron a finais dos anos 40. Estas vivendas e as casas próximas de Francisco Norte pódense considerar como o xermolo histórico do barrio que hoxe coñecemos como Montirón e, hoxe en día, están recollidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo (PXOM) como elemento catalogado de protección ambiental.[10] Este conxunto de vivendas xunto co campo de fútbol, en terra sen pechadura, do Polvorín Fútbol Club, pódense ver nas fotografías aéreas realizadas polo voo americano de 1956-1957.[11] O planeamento orixinal do barrio incluía unha praza porticada que hoxe se coñece como Praza das Illas, cuxa derradeira rehabilitación data do 2008.
Expansión
editarNon foi até a década dos anos 70 que comezan as primeiras dotacións como a Escola Superior de Arte e Deseño "Ramón Falcón", que foi inaugurada polo rei Xoán Carlos I, en 1976.[12] Posteriormente, apareceron varios locais comerciais e, a finais da década dos 90, xa estaba unida ao resto do entramado urbano da cidade.
Século XXI
editarA principios de século, iniciouse unha forte expansión da cidade cara a esta zona e, xunto co incremento demográfico que levou a construción de edificios, instaláronse tamén dotacións relacionadas coa Universidade e coa administración autonómica como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (da USC), o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (LASAPAGA)[13] e o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL). Este último, comezou as súas actividades en 2009[14] e foi inaugurado en 2013[15] cun investimento inicial de 18 millóns de euros.[16] No 2020 desapareceu para se converter no primeiro Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentos.[14][17]
Hoxe en día, seguen a medrar as infraestruturas (parques) e servizos para toda a cidade como a Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, a Casa da Xuventude, na que as súas paredes serviron para un mural do muralista lucense Diego As, ou a actual comisaría da Policía Local, cuxa construción rematou en 2013.[18][19]
Deportes
editarO 4 de outubro de 1908, no marco das festas de San Froilán, celebrouse no Campo de Montirón un partido de exhibición entre dous equipos de fútbol (Coruña F.C. e Widowers F.C.), o que pode considerarse como fito inicial do inicio do fútbol en Lugo.[20] A mediados da década dos anos 40, créase no barrio o Club Deportivo Polvorín, que competía no Campo de Montirón, tamén chamado "do Povorín", e que desapareceu no 1953 para dar lugar ao C.D. Lugo. Posteriormente, de xeito intermitente, apareceu no barrio outro club de fútbol xuvenil, o Recreativo Unión de Montirón, que competía nunha liga da cidade e que tiña como campo o "do Polvorín".[21] Finalmente, en 1991, fundouse o Polvorín Fútbol Club, anteriormente Sociedade Deportiva e Cultural Polvorín, e que a partir de 2015, se converteu en equipo filial do C.D. Lugo, o CD Lugo B.[22]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Vázquez García (2014), p. 70
- ↑ Gómez Vila, Javier (2021). "Vía Künig". viakunig.eu (en castelán). Consultado o 2 de decembro de 2024.
- ↑ "Tramo 14: O Corgo – Lugo". viakunig.eu. 2021. Consultado o 2 de decembro de 2024.
- ↑ Cora, José de (20 de decembro de 2021). "Ramón Neira Pedrosa". elprogreso.es (en castelán). Consultado o 2 de decembro de 2024.
- ↑ "Comarca de Lugo". taurophilos.com (en castelán). Consultado o 2 de decembro de 2024.
- ↑ 6,0 6,1 Rodríguez Arias, Xerardo (15 de xullo de 2011). "Un século de aviación en Galicia". elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ "Las fiestas del Corpus". El Progreso (en castelán) (Lugo). Ano IV (992): 1. 19 de xuño de 1911. Consultado o 2 de decembro de 2024.
- ↑ López Caldeiro (2019)
- ↑ Prado Gómez, Antonio (2021). «La Liga de Amigos de Lugo». CROA: boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga (3): 150-172.
- ↑ Palacios, Xosé María (5 de outubro de 2019). "El colegio de arquitectos elogia dos grupos de viviendas de Lugo". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ "Montirón (Barrio), Lugo". fototeca.cnig.es (en castelán). Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ "50 aniversario da EASD Ramón Falcón de Lugo". escoladeartelugo.com. Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ "Laboratorio de Sanidad Animal". ovmediorural.xunta.gal. Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ 14,0 14,1 Piñeiro, María (17 de xaneiro de 2020). "El Cetal se extingue y su sede acogerá el Laboratorio Nacional de Sanidad Vegetal". elprogreso.es (en castelán). Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ "Miguel Arias Cañete inaugura el nuevo edificio del Centro Tecnológico Agroalimentario". interempresas.net (en castelán). 5 de febreiro de 2013. Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ "Cetal, tecnología puntera al servicio de la seguridad alimentaria". campogalego.es (en castelán). 6 de abril de 2017. Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ Alfonso, M. (31 de agosto de 2020). "Lugo, sede del primer laboratorio nacional de Sanidad Vegetal". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 22 de decembro de 2024.
- ↑ "Edificio de la Policía Local en Lugo". cdbarquitectura.com (en castelán). Consultado o 23 de decembro de 2024.
- ↑ "Comisaría Lugo / Mestura Arquitectes". archdaily.cl (en castelán). Consultado o 23 de decembro de 2024.
- ↑ Maciá Pous, Vicent. "Historial de Club Deportivo Lugo, S.A.D.". lafutbolteca.com.
- ↑ Fouz, Nacho (29 de xullo de 2020). "Recreativo o Real Unión". elprogreso.es (en castelán). Consultado o 23 de decembro de 2024.
- ↑ "Sellado el convenio de filialidad CD Lugo – Polvorín FC". cdlugo.com (en castelán). 13 de agosto de 2015. Consultado o 23 de decembro de 2024.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Álvarez Asorey, Rubén. La vía romana XIX del Itinerario de Antonio en el concello de Lugo. Lugo: Servizo Municipal de Arqueoloxía - Concellería de Urbanismo. Excmo. concello de Lugo.
- López Caldeiro, María José (2019). El Café Español y el Café de Méndez Núñez en la Sociedad Lucense entre el XIX y el XX (en castelán). Lugo: Hotel Méndez Núñez, S.L. ISBN 978-84-09-09751-7.
- Vázquez García, Carlos (2014). Toponimia do Concello de Lugo (Tese de doutoramento). Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.