Metaplasmo
Denomínase xenericamente metaplasmo ao que a gramática tradicional denominaba figuras de dicción: "Cada unha das varias alteracións que experimentan os vocábulos na súa estrutura habitual, ben por aumento (prótese, epéntese, paragoxe), ben por supresión (aférese, síncope, apócope, elisión), ben por transposición de letras (metátese), ben por amálgama de dúas delas (contracción, sinérese, haploloxía, sandhi, falso sandhi)" (DRAE). O metaplasmo tiña lugar na lingua poética; se ocorría na lingua corrente, denominábase barbarismo.
Nunha segunda acepción, denomínase metaplasmo ao cambio de xénero e así hai metaplasmo, por exemplo:
- do latino vallem (feminino) para dar o masculino val galego. De aí que hogano existan topónimos e antropónimos nos que permanece o xénero feminino (Valiña, Balouta, Valonga, Valboa ou Bonaval) canda outros máis modernos en masculino (Valiño, Valín, Valbón, Castrelo do Val ou o apelido Doval);
- no castelán centinela ("a sentinela") feminino no español antigo e masculino no actual;
- o neutro latino votum que en galego deu voto e voda (o segundo de feito orixinado a partir do plural);
Máis concretamente, adóitase denominar tamén coa palabra metaplasmo ao distinto xénero dunha palabra en singular e en plural (latín locus, masculino; loca, neutro).