Mercè Comaposada i Guillén
Mercè Comaposada i Guillén, nada en Barcelona o 14 de agosto de 1901 e finada en París o 11 de febreiro de 1994, foi unha pedagoga e activista anarquista española. Xunto con Lucía Sánchez Saornil e Amparo Poch y Gascón, fundou a organización Mujeres Libres, cunha importante participación na revolución social española de 1936.[1][2]
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de agosto de 1901 ![]() Barcelona, España ![]() |
Morte | 11 de febreiro de 1994 ![]() París, Francia ![]() |
Ideoloxía política | Anarquismo feminista e Anarcosindicalismo ![]() |
Actividade | |
Ocupación | anarcosindicalista, avogada, anarcofeminista (pt) ![]() ![]() |
Partido político | Mujeres Libres ![]() |
Membro de | |
Familia | |
Pai | Josep Comaposada i Gili ![]() |
![]() |
Traxectoria
editarFilla de Josep Comaposada, un zapateiro socialista, criouse nun ambiente militante e cultivado, e aprendeu mecanografía aos doce anos.[1] Da nai, porén, non se coñecen datos.
Abandonou os estudos moi nova para traballar como montadora nunha empresa de produción cinematográfica. Máis tarde afiliouse ao Sindicato de Espectáculos Públicos de Barcelona, pertencente á Confederación Nacional do Traballo.
Pouco despois marchou a Madrid para realizar estudos de Dereito, con Antonio Machado e José Castillejo como profesores.[3] Tamén se formou como pedagoga co fin de ensinar a outras mulleres. Nesta etapa coñeceu a Lucía Sánchez Saornil, con quen tivo a idea de crear un grupo de mulleres específico no ámbito do movemento libertario. Ambas «ensinaran en cursos de instrución elemental para obreiros e obreiras, promovidos pola CNT de Madrid nos anos 30. Porén, viron necesario realizar formacións específicas para as mulleres debido á misoxinia e aos prexuízos existentes».[4]
Mujeres Libres
editarEn abril de 1936, xunto a Lucía Sánchez Saornil e Amparo Poch y Gascón, fundou a organización feminista Mujeres Libres. Xunto coa Confederación Nacional do Traballo, a Federación Ibérica de Juventudes Libertarias e a Federación Anarquista Ibérica, foi unha das principais organizacións do movemento libertario español.
A organización medrou axiña e chegou a superar as 20.000 integrantes obreiras e labregas da zona republicana en 1938.[5]
A propia Mercé viaxara a Barcelona cos estatutos dunha Federación Nacional. Buscaba un grupo de mulleres que formara a Agrupación Cultural Feminina un tempo antes. A maioría eran membros da CNT e de organismos como os ateneos e as Juventudes Libertarias. O obxectivo era comunicarlles que xa se formara unha organización similar, e pediulles que se unisen a elas.[6]
En maio de 1936 publicouse o primeiro número de Mujeres Libres, a revista anarcofeminista que xurdiu da organización homónima. O obxectivo da publicación, que seguiu activa até 1938, era, segundo afirmaba o primeiro número:
«(...) encamiñar a acción social da muller, dándolle unha visión nova das cousas, evitando que a súa sensibilidade e o seu cerebro se contaminasen dos erros masculinos».Amparo Poch y Gascón
Nos 12 números publicados colaboraron mulleres como Federica Montseny, Emma Goldman, Lucía Sánchez Saornil, Mary Giménez ou Carmen Conde. O seu compañeiro Baltasar Lobo, escultor a quen coñeceu en 1933, traballou na revista como ilustrador.[3] Máis tarde, entre 1964 e 1978, volveuse editar noutras cidades e por outras persoas, na súa maioría mulleres.
Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 volveu a Barcelona. Alí uniuse a outro grupo de mulleres, con quen colaborou na creación dunha nova federación nacional.
Traxectoria tardía
editarMalia a súa fráxil saúde, nunca deixou de lado o seu labor de educadora e as súas colaboracións coa prensa libertaria. Nos primeiros anos da Segunda República española colaborou en numerosos títulos da prensa libertaria. Escribiu sobre todo para Tierra y Libertad (editado pola Federación Anarquista Ibérica), Mujeres Libres (do que foi redactora xefa durante a revolución social española de 1936) e Tiempos Nuevos. Neste último tivo unha sección na que trataba temas como a medicina e a sexualidade, entre outros.[1]
Tras a derrota, viuse obrigada a exiliarse a París xunto co seu compañeiro, Baltasar Lobo. Ficaron baixo a protección de Pablo Picasso, para quen traballou como secretaria. Tamén realizou numerosas traducións de autores casteláns, sobre todo de Lope de Vega, e exerceu como representante da obra artística do seu compañeiro. Durante os anos 60 e 70, desde París, continuou a colaborar coas publicacións Mujeres Libres, Tierra y Libertad e Tiempos Nuevos, e uniuse a outras, como Ruta e Umbral. Tras a morte de Franco considerou escribir un libro de características descoñecidas, aínda que se sabe que pediu ás veteranas cartas nas que escribisen a súa experiencia persoal. Elaborou un manuscrito que, tras a súa morte, desapareceu xunto coa documentación.[6]
Morreu o 11 de febreiro de 1994 en París.
Obra
editarÁ parte dos seus numerosos artigos de prensa, publicou varias obras, algunhas delas baixo o nome de Mercedes Guillén.
- Esquemas (1937)
- Las mujeres en nuestra revolución (1937)
- La ciencia en la mochila (1938)
- Conversaciones con los artistas españoles de la Escuela de París (1960, como Mercedes Guillén)
- Picasso (1973, como Mercedes Guillén)
- Picasso con los exiliados (2023, como Mercedes Guillén)
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Mercedes Comaposada Guillén". Ciudad de Mujeres (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2017.
- ↑ Goldman, Emma (2017). "Prólogo de Lola Robles". Feminismo y anarquismo (en castelán) (1ª ed.). Madrid: Enclave de Libros. pp. 11–12. ISBN 9788494686832.
- ↑ 3,0 3,1 "Mercedes Comaposada Guillen - Ateneo Virtual". Consultado o 8 de marzo de 2016.
- ↑ Orozco, Kamala (13 de decembro de 2011). "Mujeres, revolucionarias y anarquistas". Diagonal (en castelán) (Madrid). Consultado o 8 de xuño de 2023.
- ↑ Ruiz Eugenio, Laura (10 de xuño de 2005). "Pepita Carpena, luchadora libertaria de Mujeres Libres". El País (en castelán). Consultado o 8 de xuño de 2023.
- ↑ 6,0 6,1 "Historia de la Agrupación Mujeres Libres". Mujeres Libres (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 4 de agosto de 2018.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Ackelsberg, Martha (2006). Mujeres Libres: El anarquismo y la lucha por la emancipación de las mujeres (en castelán) (3ª ed.). Barcelona: Virus. ISBN 9788488455666.
- Íñiguez, Miguel (2001). Esbozo de una Enciclopedia histórica del anarquismo español (en castelán). Madrid: Fundación Anselmo Lorenzo. ISBN 9788486864453.
- Liaño Gil, Concepción (1999). Mujeres Libres. Luchadoras libertarias. Mujeres (1) (en castelán). Fundación Anselmo Lorenzo. ISBN 9788486864330.
- Nash, Mary (1977). Mujeres Libres: España 1936-1939. Los Libertarios (4) (en castelán). Barcelona: Tusquets. ISBN 9788472237049.
- Vega, Eulàlia (2010). Revolucionarias y pioneras: mujeres durante la República, la Guerra Civil y el Franquismo (en castelán). Barcelona: Icaria. ISBN 9788498882896.