María a Xudía
María a Xudía, tamén coñecida como María a Hebrea ou Míriam a Profetisa, foi a primeira muller alquimista. Viviu entre o século I e o século III d.C. en Alexandría. É considerada como a «fundadora da alquimia» e unha gran contribuidora á ciencia práctica.
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Alexandría, Exipto ![]() |
Morte | valor descoñecido ![]() Alexandría, Exipto ![]() |
Actividade | |
Ocupación | arquitecta, escritora, alquimista, filósofa ![]() |
Período de actividade | século III ![]() ![]() |
Profesores | Pseudo-Democritus (en) ![]() ![]() |
Descrito pola fonte | Maria the Jewess--founding mother of alchemy (en) ![]() Forgotten Women: The Scientists, (p.176-179) Women Writers of Ancient Greece and Rome (en) ![]() ![]() |
Orixe
editarIgual que sucedeu coa maioría dos adeptos ou iniciados, a identidade de María a Xudía chegou un tanto escurecida. Algúns a asociaban con María Madalena. Os alquimistas do pasado crían que era Miriam, a irmá de Moisés e do profeta Aharón, mais as probas que apoian esta pretensión son escasas.
A referencia máis concreta da súa existencia dáse grazas a Zósimo de Panópolis, erudito alquimista de Alexandría que no século IV d.C. recompilou os ensinos de moitos iniciados anteriores para formar o que chegou a ser unha enciclopedia da arte hermética. Nos seus escritos é onde cita a María case sempre en pasado, mencionándoa como unha dos “sabios antigos”, e tamén describe varios dos seus experimentos e instrumentos.
Georges de Syncelles, cronista bizantino do século VIII, presenta a María como mestra de Demócrito a quen coñeceu en Menfis (Exipto) na época de Pericles. O enciclopedista árabe Al-Nadim cítaa no seu catálogo do ano 879 entre os cincuenta e dous alquimistas máis famosos, por coñecer a preparación da cabeza ou caput mortum. O filósofo romano Morieno chámaa “María a Profetisa” e os árabes coñecérona como a “Filla de Platón”, nome que nos textos alquímicos occidentais estaba reservado para o xofre branco.[1] María pasa así a ser identificada coa materia que traballa.
Tamén se pensa que “María a Xudía”, ademais dun ser personaxe real, podería ser unha sinatura empregada por un ou varios alquimistas hebreos anteriores a Zóstimo.
Obras
editarSábese que María escribiu varios textos sobre alquimia, aínda que ningún dos seus escritos sobreviviron na súa forma orixinal; con todo, os seus ensinos foron amplamente citados por hermetistas posteriores. A súa principal obra coñecida é “Extractos feitos por un filósofo cristián anónimo”, tamén nomeada como “Diálogo de María e Aros”, onde están descritas e nomeadas as operacións que despois serían a base da alquimia. A leucose (branqueo) e a xantose (amareleo), unha facíase por trituración e a outra por calcinación. Nesta obra descríbese por primeira vez o ácido do sal mariño e outro oxys (ácido) que se poden identificar co ácido acético. Tamén aparecen varias receitas para facer ouro, mesmo a partir de raíces vexetais como a da mandrágora.[2]
María era unha respectada traballadora de laboratorio que inventou complicados aparellos destinados á destilación e a sublimación de materias químicas, así como o famoso Baño maría.
Tribikos
editarO tribikos era unha especie de alambique de tres brazos que se utilizaba para obter substancias purificadas a través da destilación. Consistía nunha vasilla de barro que contiña o líquido que se ía a destilar, unha mantera para a condensación do vapor (o 'ambix' ou 'alembic'), da que saían tres espitas de cobre, e frascos de vidro para recibir o líquido. Unha pingueira ou bordo no interior da mantera recollía o destilado e levábao ás espitas.
Non se sabe exactamente se foi María a xudía quen o inventou, mais este instrumento adxudícaselle xa que a primeira descrición deste foi feita por ela, esta descrición aparece nun escrito de Zósimo:
"Hei de describirvos o tribikos. Porque así se chama o aparello feito de cobre e descrito por María, a transmisora da Arte. Di o que segue: Fáganse tres tubos de cobre dúctil un pouco máis grosos que os dunha tixola de cobre de pasteleiro; a súa lonxitude ha de ser aproximadamente dun cóbado e medio. Fáganse tres tubos así e tamén un tubo largo do largo dunha man e cunha abertura proporcionada á da cabeza do alambique. Os tres tubos han de ter as súas aberturas adaptadas en forma de uña ao pescozo dun recipiente lixeiro, para que teñan o tubo-polgar, e os dous tubos-dedo unidos lateralmente en cada man. Cara ao fondo da cabeza do alambique hai tres orificios axustados aos tubos, e cando se encaixaron estes se soldan no seu lugar, recibindo o vapor o superior dunha maneira diferente. Entón, colocando a cabeza do alambique sobre a pota de barro que contén o xofre e tapando as xuntas con pasta de fariña, colóquense frascos de cristal ao final dos tubos, largos e fortes para que non rompan coa calor que vén da auga do medio."[3]
Kerotakis
editarO kerotakis é o máis importante dos inventos de María a Xudía, é un aparello de refluxo usado para quentar substancias utilizadas na alquimia e recoller os seus vapores. É un recipiente hermético cunha lámina de cobre suspendida no seu parte superior para que o aparello funcionase correctamente todas as unións debían estar axustadas ao baleiro, o uso de tales recipientes nas artes herméticas deu lugar á expresión "selado hermeticamente".
María estudou os efectos dos vapores de arsénico, mercurio e xofre sobre os metais, abrandando e impregnándoos con cores. O kerotakis era a paleta triangular que usaban os artistas para manter quentes as súas mesturas de cera e pigmentos. María usou a mesma paleta para abrandar metais e impregnalos de cor. Kerotakis chegou a ser o nome de todo o seu aparello de refluxo, que consistía nunha esfera ou nun cilindro cunha tapa hemisférica colocado sobre o lume. As solucións de xofre, mercurio ou sulfuro de arsénico quentábanse nun recipiente colocado preto do fondo. Preto da parte superior do cilindro, suspendida da cuberta, ía a paleta coa aliaxe de cobre e chumbo (ou doutros metais) que se ía tratar. Ao ferver o xofre ou o mercurio, o vapor condensábase na parte superior do cilindro e o líquido volvía caer, dando así un refluxo continuo. Os vapores de xofre ou o condensado atacaban a aliaxe de metal, dando un sulfuro negro (“negro de María”) que se supuña representaba a primeira etapa da transmutación. As impurezas recollíanse nun baruto mentres que os residuos (o sulfuro negro) volvían cara á parte inferior. O quecemento prolongado chegaba a dar unha aliaxe parecida ao ouro, dependendo o produto dos compostos de metais e mercurio ou de xofre empregados. O kerotakis tamén se usaba para a extracción de aceites de plantas, como o aceite esencial de rosas.[4]
María a Xudía e os seus colegas crían que a reacción que tiña lugar no kerotakis era unha reconstitución mística do proceso de formación do ouro que ocorría nas entrañas da terra. O seu composto favorito de calcinación era o rexalgar, un mineral de cor vermella alaranxado composto de sulfuro de arsénico, que a miúdo aparece nas minas de ouro.
Posteriormente este instrumento foi modificado polo alemán Franz von Soxhlet que en 1879 creou o extractor que leva o seu nome, Extractor Soxhlet.
Baño María
editarBaño María é unha das técnicas rudimentarias máis antigas empregadas actualmente tanto nas operacións de laboratorio químicos e farmacéuticos, como en procesos industriais e domésticos. Consiste en introducir un recipiente noutro maior que contén auga en ebulición e utilízase cando se quere quentar unha materia de forma indirecta e uniforme. Serve, por exemplo, para destilar substancias volátiles ou aromáticas e para evaporar extractos.[5]
Este é outro dos inventos de María, unha especie de baño. O baño maría orixinal era realmente un baño de area e cinzas que quentaba outro recipiente con auga que á súa vez quentaba ao seguinte. O baño de area tiña como obxecto conservar mellor a calor que debía transmitir, xa que a súa temperatura podía ser superior á da auga que fervía. Posteriormente a este aparello quítaselle a area quedándose só co recipiente con auga, a cal deberá ferver e os seus vapores serán capaces de quentar o outro recipiente que está dentro.
Os investigadores atribúenlle a María a Xudía tanto a orixe como o nome de Baño maría. Este termo foi introducido por Arnaldo de Vilanova no Século XIV.
Notas
editar- ↑ Alic, Margaret. El legado de Hipatia: historia de las mujeres en la ciencia desde la antigüedad hasta fines del siglo XIX. ISBN 9789682316821.
- ↑ "María la Judía". Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2017. Consultado o 15 de xaneiro de 2018.
- ↑ Alchemists, Founders of Modern Chemistry. ISBN 9781564590022.
- ↑ "Biography Maria the Jewess".
- ↑ Las palabras de moda. ISBN 9788498280487.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Raquel Medina, Luís García, Marta Carranza,Lorenzo Sacasa, Pat Daniels, Anne Horan., ed. (1989). Raquel Medina, Luis García, Marta Carranza,Lorenzo Sacasa, Pat Daniels, Anne Horan. (ed.). Misterios de lo desconocido. Secretos de los Alquimistas (en español). ISBN 8478382321.
- "Baño Maria".
- Haeffner, Mark. The Dictionary of Alchemy: From Maria Prophetissa to Isaac Newton. The Aquarian Press, Londres, 1991. ISBN 1-85538-085-4
- Tsjeng, Zing (2020). Mujeres olvidadas : las científicas. Madrid. ISBN 978-84-415-4214-3,
Ligazóns externas
editar- Mary the Prophetess: El Diálogo de María y Aros sobre el Magisterio de Hermes
- Mujeres y alquimia, y en particular sobre María La Judía