Manuel Blanco Encalada
Manuel José Blanco y Calvo de Encalada, nado en Buenos Aires, Vicerreinado do Río da Prata, o 21 de abril de 1790 e finado en Santiago de Chile o 5 de setembro de 1876, foi un militar, político e diplomático chileno, de orixe galega, que tivo unha destacada participación na guerra de independencia de Chile e o Perú. Foi un dos fundadores da Armada de Chile e o seu primeiro comandante, e máis tarde, ao entrar no campo da política, foi o primeiro en ostentar o título de presidente da República de Chile.
![]() ![]() | |
Nome orixinal | (es) Manuel Jose Blanco Encalada ![]() |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 21 de abril de 1790 ![]() Buenos Aires, Arxentina ![]() |
Morte | 5 de setembro de 1876 ![]() Santiago de Chile ![]() |
1º Presidente de Chile | |
9 de xullo de 1826 – 9 de setembro de 1826 ← sen valor – Ramón Freire → | |
Embaixador | |
![]() | |
Datos persoais | |
Educación | Escola Naval Militar de Marín ![]() |
Actividade | |
Ocupación | diplomático, político, militar ![]() |
Período de actividade | 1807 ![]() |
Partido político | político independente ![]() |
Carreira militar | |
Rama militar | Armada de Chile ![]() |
Rango militar | Comandante en xefe ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Carmen Gana López ![]() |
Irmáns | Ventura Blanco Encalada ![]() |
Descrito pola fonte | The Nuttall Encyclopædia >>>:Enceladus, Manuel Blanco ![]() |
![]() ![]() |
Fillo do galego Manuel Lorenzo Blanco Cicerón e da chilena Mercedes Calvo de Encalada y Recabarren, naceu na cidade de Santa María de los Buenos Aires, na aquela altura capital do Virreinado do Río da Prata. Pasou a súa infancia en Buenos Aires e viaxou a España, onde en 1807 se incorporou á Real Armada Española. Loitou na guerra da independencia española e logo foi enviado a prestar os seus servizos no Perú, pero por desenvolver ideais independentistas foi enviado de regreso a España. Por medio dos seus contactos conseguiu ser posteriormente destinado a Montevideo, onde desertou da Mariña española para unirse aos patriotas. En 1813 chegou a Chile para loitar pola guerra de independencia deste país, incorporándose ás incipientes forzas militares do período coñecido como a Patria Vella que serían finalmente derrotadas en 1814, sendo el confinado como reo no arquipélago Juan Fernández. Co inicio en 1817 da Patria Nova foi rescatado do arquipélago e incorporouse como oficial no Exército Unido Libertador de Chile, destacándose nas batallas decisivas para a emancipación chilena. En xuño de 1818 colaborou coa organización da Mariña chilena e converteuse no seu primeiro comandante xeneral e xefe de escuadra, logrando na primeira acción naval ao su mando capturar un convoi español procedente de Cádiz. En 1819 participou como segundo xefe da escuadra chilena na campaña do Pacífico ao mando del mariño británico Thomas Cochrane, e en 1822 uniuse por orden do goberno chileno ás forzas libertadoras do Perú tomando o mando da Mariña de Guerra do Perú ata principios de 1823, momento no que foi designado ministro plenipotenciario do Perú no Río da Prata.[1] Regresou en 1824 a Chile, onde asumiu un cargo no exército, tomando despois o mando dunha división naval chilena para auxiliar ao Perú, uníndose coas súas forzas navais ás dese país e á Gran Colombia, e poñéndose el ao mando desta frota combinada para bloquear o Callao en 1825.[2] A mediados dese ano retirouse do bloqueo coas súas forzas para participar na campaña de Chiloé baixo as ordes do xeneral Ramón Freire, que logrou tomar o último bastión realista en Chile.
En 1826, tras a súa triunfante actuación na liberación de Chiloé, foi elixido presidente interino da República, sendo a primeira persoa en ocupar o título de Presidente, pero permaneceu no cargo só dous meses antes de deixar por un tempo toda actividade políticas ou militar, debido á atmosfera conflitiva que imperaba no país. Regresou ás funcións militares en 1836, cando estalou a guerra contra a Confederación Perú-Boliviana. Como xeneral en xefe da primeira expedición militar desta guerra, asinou o Tratado de Paucarpata, que sería rexeitado polo goberno chileno e prolongaría a guerra ata 1839.
Traxectoria
editarInfancia e entrada na vida naval
editarNaceu en Buenos Aires, capital por aquel entón do Vicerreinado do Río da Prata, parte do imperio español. Foi o máis novo dos cinco fillos do oidor galego Manuel Lorenzo Blanco Cicerón (nacido en Marín en 1743) e da chilena Mercedes Calvo de Encalada e Recabarren (filla do marqués de Villa-Palma de Encalada).[3] Os seus irmáns foron José Antonio, Ana del Carmen, Rafaela del Carmen e Ventura Blanco Encalada.[4]
Cando tiña sete meses perdeu ao seu pai, que morreu mentres exercía a súa maxistratura en Buenos Aires, polo que quedou ao coidado da súa nai.[nota 1] Recibiu a súa primeira educación na súa cidade natal, onde pasou a súa infancia, ata que en 1803, con 12 anos, foi enviado pola súa nai a España en compañía do seu tío, o conde de Villa-Palma Manuel Calvo Encalada, para que recibise formación e fixese carreira. Embarcouse co seu tío na corveta Infante Don Francisco de Paula, comandada polo capitán Juan Donesteves, sendo tamén acompañados polo oidor Benito de la Mata Linares que pasaba á Península como conselleiro de Indias, e do xuíz Miguel José de Lastarria que ía ocupar un cargo na Real Audiencia de Sevilla. Desembarcaron na Coruña, onde se aloxaron na casa do ilustre mariñeiro José de Bustamante y Guerra. Durante a viaxe, Blanco afeccionouse á vida mariña.
Xa en España, conseguiu ingresar como estudante no Real Seminario de Nobres de Madrid, grazas á influencia do seu tío e aos servizos do seu falecido pai. Neste lugar atraeu as simpatías e o respecto dos seus compañeiros e profesores; e tivo como compañeiro de estudos e íntimo amigo a Ángel de Saavedra, futuro duque de Rivas. Unha vez completada a súa formación en Madrid, onde adquiriu unha sólida cultura e se distinguiu nas matemáticas, en 1806 ingresou na Real Academia da Mariña da Illa do León, fronte a Cádiz. Debido aos seus estudos previos permaneceu só uns meses, polo que foi declarado apto para embarcar e o 27 de febreiro de 1807 recibiu o grao de gardamariña, ingresando así na Real Armada Española.[5]
Tocoulle en primeiro lugar serviu a bordo dunha antiga carraca, e en 1808, cando estalou a Guerra da Independencia española, foi destinado como segundo nunha embarcación chamada Carmen. Contribuíu así á acción naval contra a Poza de Santa Isabel., desenvolvida entre o 8 e o 14 de xuño dese ano, na que as forzas navais españolas comandadas polo almirante Juan Ruiz de Apodaca lograron render por completo á escuadra francesa do almirante François Étienne de Rosily-Mesros que bloqueaba a baía de Cádiz, sendo esta a primeira derrota francesa da guerra. Pola súa conduta nesa acción recibiu unha medalla de honra e posteriormente foi ascendido a alférez de fragata.[6]
Despois desa acción foi destinado á posta naval do Callao no Virreinado do Perú. Embarcou na fragata de guerra Flora, comandada polo capitán Fermín de Ezterripa, que partiu dende Cádiz rumbo a Buenos Aires o 1 de setembro, chegando ao ano seguinte a aquel porto, onde recibiu aos seus 18 anos o grao efectivo de alférez de fragata. Desde Buenos Aires fixo a viaxe por terra atravesando a cordilleira ata Chile, onde permaneceu ata o mes de maio cos seus parentes, embarcando logo no porto de Valparaíso para se dirixir ao Callao na barca Piedad, buque que pertencía a un dos seus primos Fuentes-Gonzáles. No Callao serviu durante tres anos como axudante do seu primo irmán, o brigadier de enxeñeiros Joaquín Molina, que era comandante xeral de mariña nese lugar. Alí serviu tamén xunto ao seu amigo o tenente de fragata Eugenio Cortés y Azúa, natural de Chile e que tería no futuro unha destacada participación na organización das forzas navais de México e o Perú.
Ao seu regreso a América xa manifestaba a súa proximidade ás ideas revolucionarias do momento, do mesmo xeito que varios dos seus familiares en Chile e no Río da Prata, polo que en 1811 foi enviado polo vicerrei José Fernando de Abascal de volta a España. a pesar de que fora nomeado capitán de artillería en Chile pola Xunta de Goberno, a petición do seu tío Martín Calvo Encalada.[7] Ao chegar a España ese mesmo ano tocoulle participar no sitio de Cádiz, onde demostrou por última vez a súa pericia mariñeira na armada española ao mando dunha canoneira.[8] En 1812 conseguiu regresar a América grazas aos seus contactos que o destinaron á praza de Montevideo. Foi así que acabou embarcado como oficial naval na corveta correo Paloma, que chegaba para reforzar as forzas do vicerrei Francisco Javier de Elío, enfrontado naquel momento aos patriotas de Buenos Aires. Chegou a este porto o 17 de setembro dese ano.
Máis tarde fuxiu de Montevideo a Buenos Aires por terra, cando tentaron devolvelo a España ao comezar a sospeitar dos seus ideais independentistas. Estas apareceron cando se negou dúas veces a obedecer as ordes do comandante naval da estación, Miguel de la Sierra, que mandara cruzar e atacar as balizas costeiras de Buenos Aires. En febreiro de 1813 marchou a Chile para prestar os seus servizos á causa do seu pobo, chegando nos últimos días de marzo aos arrabaldes de Santiago.
Na Patria Vella e Nova de Chile
editarÁ súa chegada incorporouse ao exército de Chile liderado polo xeneral José Miguel Carrera, co grao xa conferido anteriormente de capitán de artillaría, ante o desembarco a finais de marzo en San Vicente do exército realista ao mando do brigadier Antonio Pareja. Neses momentos non había unha mariña de guerra en Chile polo que tivo que deixar a súa condición de mariño para pasar ás forzas de terra, servindo na rama de artillaría, onde xa tiña algo de experiencia.
Non participou activamente durante a campaña, xa que se lle confiou a organización da primeira mestranza e do primeiro taller de armas do país, sendo logo nomeado xefe da pobre artillaría do exército. Ascendido en agosto a sarxento maior de artillaría, a mediados de novembro serviu ás ordes do coronel Bernardo O'Higgins, ante a deposición do xeneral Carrera debido aos cuestionables resultados das súas operacións militares.
En marzo de 1814 ascendeu a tenente coronel e permaneceu na capital dando formación militar aos recrutas. Non participou inicialmente na campaña de O'Higgins contra as forzas realistas, agora dirixidas polo brigadier Gabino Gaínza, que desembarcou en Arauco o 31 de xaneiro con reforzos do Perú e Chiloé. O 29 de marzo formou parte dunha operación para recuperar Talca, que fora tomada polas tropas realistas a principios de marzo e deixara incomunicadas coa capital as divisións de O'Higgins e do coronel Juan Mackenna que operaban no sur contra Gaínza. Para executar a orde, encargóuselle o mando dunha división de 1.450 homes pouco disciplinados con 4 pezas de artillería, sendo estas tropas derrotadas no primeiro combate de Cancha Rayada por unha forza menor pero mellor disciplinada, comandada polo oficial realista Ángel Calvo. Debido á derrota foi sometido a un consello de guerra, do que foi absolto cando se confirmou, por medio de oficiais e militares subalternos, a actividade e valentía que amosara no enfrontamento, quitándoselle a responsabilidade da derrota, da que se culpou á escasa disciplina da columna, composta case na súa totalidade por recrutas que tomaban as armas por primeira vez.[9]
Por aquel entón a causa patriota parecía estar debilitándose perigosamente pola mala xestión da guerra, a falta de profesionalidade das tropas e oficiais e as diferenzas que existían entre os líderes patriotas como Carrera e O'Higgins, que mesmo se chegaron a enfrontar o 26 de agosto, perdendo así poder o exército patriota e dando vantaxe ao exército realista que se estaba a reforzar dende o Perú con novas tropas ao mando do xeneral Mariano Osorio.
Entre o 1 e o 2 de outubro tivo lugar a batalla de Rancagua, na que finalmente triunfaron os realistas e a chamada Patria Vella chegou á súa fin. Tras esta desfeita, os principais dirixentes patriotas fuxiron a Mendoza. Así o fixo tamén Blanco Encalada, pero foi interceptado polas tropas realistas en Santa Rosa de Los Andes e sometido a un xuízo no que foi condenado a morte, non pola súa participación na guerra, senón pola súa deserción en Montevideo. Porén, a súa condena foi conmutada por cinco anos de exilio no arquipélago Juan Fernández xunto a outros insignes patriotas chilenos.
Blanco Encalada foi rescatado tras a derrota dos realistas na batalla de Chacabuco ocorrida o 12 de febreiro de 1817 contra o exército dos Andes comandado polo xeneral José de San Martín. Este feito puxo fin á chamada Reconquista e deu inicio ao período da Patria Nova, coa que se estableceu un novo goberno patriota precedido por O'Higgins como director supremo. O'Higgins enviou ao arquipélago o bergantín Águila, comandado polo mariño irlandés Raimundo Morris para liberar a Blanco Encalada e os demais patriotas a mediados de marzo.
De volta ao continente, alistouse no novo exército unido dirixido polo xeneral San Martín, co rango de sarxento maior de artillaría e ao mando dunha batería chilena de 12 pezas. Participou na posterior campaña contra as forzas do xeneral Osorio procedentes do Perú e que desembarcaron en Talcahuano o 10 de xaneiro de 1818 coa misión de avanzar a Santiago e reconquistar Chile. Estivo presente no combate de Talca o 15 de marzo e na sorpresa de Cancha Rayada o 19 de marzo, onde conseguiu salvar as 12 pezas da súa batería do ataque realista cunha retirada ordenada dos seus homes. Regresou á acción coa súa unidade na batalla de Maipú o 5 de abril, destacando co uso das súas pezas de artillería na á dereita do exército unido, facendo fogo concentrado nun momento no que a infantería patriota estaba desbordada pola realista, logrando debilitar e frear o seu avance ata a vitoria cos seus disparos. Pola súa conduta en Maipú foi ascendido a tenente coronel unha semana despois daquela batalla, o 14 de abril. En Maipú consolidouse o dominio patriótico na zona central de Chile e o exército realista viuse obrigado a retirarse cara ao sur, sen posibilidade de volver ameazar esta zona. Nalgún momento, dentro do proceso independentista, ingresou na revolucionaria Loxia Lautaro.
Comandante xeral da Mariña e xefe da escuadra naval de Chile
editarDespois de Maipú, o goberno chileno estaba preparando a campaña ao sur do país para reconquistar as prazas de Concepción e Talcahuano. O director supremo O'Higgins, desde o comezo do seu mandato viña observando con preocupación que os buques de guerra realistas controlaban o mar, e debido a iso obtiñan reforzos e abastecían facilmente as súas tropas no porto de Talcahuano. Para contrarrestar a situación no mar, o seu goberno autorizara desde 1817 actividades de corsarios chilenos coas súas respectivas patentes de corso, pero non bastando esta medida, empezouse desde mediados de 1818 cos traballos para poder crear unha forza naval nacional capaz de obter o dominio do mar, polo que se enviaron axentes diplomáticos ao estranxeiro para poder comprar buques, armamento e tamén contratar persoal cualificado para a futura mariña chilena.
Ao realizarse estes traballos, Blanco Encalada fora chamado a Valparaíso para prestar servizo na Mariña e poñerse baixo o mando do capitán de 2ª clase Juan Higginson, mariño inglés ao servizo de Chile. A mariña chilena contaba neses momentos coa fragata Lautaro e o bergantín Águila que estaban a cargo de Higginson. O 26 de xuño, Blanco Encalada fora nomeado comandante interino do Departamento de Mariña co grao de capitán de 1ª clase. Este nomeamento xerou malestar en Higginson debido a que agora tiña que poñerse baixo o mando dun individuo que consideraba soldado e non mariño, xa que até entón só se desempeñara en terra como artilleiro. Máis tarde tería outras rifas con algúns mariños estranxeiros que porían en dúbida a súa capacidade e experiencia de mariño.
Nese posto colaborou con Bernardo O'Higgins e o ministro de guerra José Ignacio Zenteno na organización da escuadra chilena. Baixo a súa dirección realizouse o equipamento e recrutamento de persoal para os buques de guerra que ían sendo comprados polo goberno. Tamén levou a cabo a creación dun batallón de infantaría de mariña e unha brigada de artilleiros de mar. Ante a falta dun regulamento de mariña, o goberno encomendoulle a confección dunha lista de ordes e disposicións xerais que debía extractar das ordenanzas da mariña española, nas partes que se considerasen análogas para o seu uso no país. Propuxo tamén algunhas ideas que foron aprobadas polo goberno, como o cambio nas denominacións dos graos de oficiais, un regulamento de uniformes e a creación dunha academia para formar aos oficiais, entre outras cousas. O 4 de agosto conseguiu a firma do transcendental decreto que creaba a primeira escola naval para oficiais da nacente Armada de Chile.
Nos días seguintes, Blanco Encalada proseguiu co alistamento da escuadra. A maior dificultade coa que tropezou neses momentos foi poder completar as tripulacións dos buques debido á competencia que lle facían os corsarios, ofrecendo estes maiores pagas que o Estado e mellores condicións de vida que o estrito servizo na forza naval regular. Por unha solicitude que enviou a O'Higgins sobre este problema, o goberno suprimiu as patentes de corso. O 11 de agosto, informou con grande entusiasmo sobre os aprestos da escuadra:
“A escuadra está lista, socorrida de todo, aparellada, envergada, con augada para seis meses adentro. Non falta máis que botarlle víveres, xente, algúns canóns e lanzala ao mar. A súa forza é tal que pode facerse dona do Pacífico e frustrar toda expedición ulterior de España. Pode tomar Talcahuano, destruir o Callao e dar golpes de tanta importancia, que admiren en Europa e aseguren a liberdade de América”.
O 17 de setembro, xa co rango de capitán, asumiu o mando efectivo da escuadra chilena, retirándose Higginson do servizo naval. Asumiu a comandancia xeral de mariña, substituíndo no cargo a Juan José Tortel Maschet. A escuadra estaba lista e ía composta polo buque San Martín (insignia), a fragata Lautaro, a corveta Chacabuco e os bergantíns Araucano e Pueyrredón (antigo Águila), cun total de 158 canóns e 1.249 homes. O'Higgins premiou o celo amosado por Blanco na organización e preparación da escuadra nomeándoo suboficial da Lexión ao Mérito de Chile.
Captura do convoi español de Cádiz
editarMentres, en España, aproveitando a paz xeral con Francia desde 1814 e o regreso ao trono de Fernando VII, estaba previsto enviar reforzos a América para poder someter definitivamente ás provincias que aínda resistían o dominio español, pero a terrible situación da economía peninsular e a inestabilidade do goberno polas ideas antimonárquicas impedían a súa inmediata execución. A mediados de 1817, o goberno español planeaba enviar a Chile unha división duns 2.000 soldados para reforzar o exército do xeneral Osorio, que debía novamente reconquistar o lugar, e tamén se decidiu enviar un exército duns 15.000 homes ao mando do xeneral Enrique José O'Donnell para reconquistar o Río da Prata. Esta última expedición quedaría suspendida, mentres que a prevista para Chile levouse a cabo a mediados de 1818 polo atraso dos preparativos militares.
A expedición española a Chile contaba con 2.080 soldados e estaba baixo o mando do tenente coronel Fausto del Hoyo. Esta forza estaba formada polo rexemento de Cantabria con dous batallóns, un corpo de cabalería de cazadores dragóns, unha compañía de zapadores e un destacamento de artillaría con 4 pezas de 4 libras. Os barcos que a transportaban eran o Trinidad, Especulación, Escorpión, Atocha, San Fernando, Dolores, Magdalena, Elena, Jerezana e Carlota; e para escoltar estes barcos ía o Raíña María Isabel ao mando do capitán de barco Manuel del Castillo. O punto ao que debía dirixirse este reforzo era o porto de Talcahuano para reunirse coas forzas que o agora vicerrei do Perú Joaquín de la Pezuela enviara ao mando de Osorio.
O 21 de maio partiu a expedición de Cádiz rumbo a Chile, ignorando os sucesos desfavorables acontecidos nese lugar para a causa realista. Ao chegar á altura das Illas Canarias, o capitán Castillo sufriu unha parálise e tivo que ser desembarcado en Tenerife e substituído ao mando do convoi naval polo tenente Dionisio Capaz. Cando o convoi navegaba preto de Buenos Aires, o Trinidad amotinouse e entregouse ás autoridades patriotas, caendo en poder destas o plan de sinais dos buques, algunhas armas e os documentos que sinalaban o lugar ao que se dirixían. O goberno de O'Higgins coñeceu así a chegada deste convoi e ordenou que a nova escuadra chilena ao mando de Blanco Encalada os interceptase, quedando só o Pueyrredón en Valparaíso por se houbese algunha eventualidade. Esta primeira misión da escuadra chilena non estivo exenta de dificultades xa que ademais dos temores de ser a súa primeira saída, a tripulación nova aínda necesitaba disciplina, e algúns oficiais estranxeiros cuestionaron a experiencia e os coñecementos marítimos de Blanco Encalada para comandar a frota. Ademais, existían problemas de comunicación entre os mariñeiros e os oficiais pola súa heteroxénea composición na que se falaba inglés e castelán, segundo a súa procedencia. Porén, o comandante en xefe fixo todo o posible para resolver estas dificultades establecendo orde, calmando os ánimos, adestrando aos membros da frota durante a viaxe e incentivándoos a acadar o éxito nesta misión.[10]
Blanco Encalada partiu coa escuadra o 9 de outubro desde Valparaíso para dirixirse a Talcahuano, o que lle tomou 17 días debido ao mal tempo. Esta tardanza permitiu que tres transportes españois (o Escorpión, o Atocha e o San Fernando) desembarcasen as súas tropas no porto de Talcahuano e proseguisen logo ao Callao para levar provisións a ese porto. Ademais, o 14 de outubro, a corveta Chacabuco, mandada polo capitán de corveta Francisco Díaz, separouse da división patriota durante un forte temporal que durou dous días. Os tres buques restantes da escuadra chilena chegaron finalmente ás proximidades da illa Quiriquina. Blanco Encalada despachou de inmediato o bergantín Araucano, ao mando do capitán Raimundo Morris, para facer un recoñecemento da costa e localizar embarcacións do convoi español mentres que el se dirixiu á illa Santa María, onde fixo prisioneiros a 5 homes da fragata española Raíña María Isabel que xa estaba fondeada desde o 22 en Talcahuano e deixara nese lugar a eses homes para comunicarse cos transportes españois que viñan tardegos.
O 28 de outubro Blanco Encalada, logo de obter a información necesaria, dirixiuse co San Martín e a Lautaro a Talcahuano, onde se encontraba a Reina María Isabel. Achegouse a ela con bandeira inglesa e izou logo a chilena ao estar a unha distancia prudente para atacala. Os mariños españois, ao decatarse da trampa e despois dun cruzamento de canonazos, fixeron encallar o buque e abandonárono. Ante isto, Blanco Encalada procedeu a abordar e desencallar a embarcación, tendo que facer fronte ao mal tempo e a aos ataques que desde terra lle facían os realistas; que ademais pediron reforzos desde Concepción ao coronel galego Juan Francisco Sánchez. Blanco Encalada tivo que enviar entón un destacamento de infantería a terra firme para entorpecer os seus movementos e evitar que volveran embarcar. Finalmente ao día seguinte, ante a expectación del inimigo, logrou sacar á Reina María Isabel e facer posesión efectiva do buque.
Tras esa acción, Blanco Encalada reuniuse o 31 de outubro coa corveta Chacabuco e o bergantín Araucano na Illa de Santa María e coa información que manexaba dispúxose a esperar nesa posición ao resto do convoi español. O 5 de novembro enviou o Araucano a Valparaíso para informar o goberno dos feitos. O 9 de novembro incorporouse á escuadra o bergantín Galvarino, que foi adquirido polo goberno chileno en Buenos Aires e que fondeara en Valparaíso poucos días despois de que a escuadra chilena abandonase ese porto cara ao sur para interceptar o convoi español, sendo inmediatamente enviado a esa dirección para apoiala. O 12 de novembro tamén chegou á illa o bergantín riopratense Intrépido, procedente de Buenos Aires para poñerse ao servizo de Chile.
Os seis transportes españois restantes, dispersos polos temporais dos mares do sur, chegaron por separado á zona os días 11, 12 e 14 de novembro e, enganados pola bandeira española que o xefe da escuadra seguía ondeando no Reina María Isabel, os buques Dolores, Magdalena e Elena colocáronse ao seu carón, sendo capturados polos mariñeiros chilenos. Blanco Encalada, ante o seu acerto, deixou na zona a corveta Chacabuco e partiu dese lugar co resto da escuadra cara a Valparaíso, fondeando o 17 de novembro e sendo recibido de forma triunfal. O 18 dese mes, fronte á illa Mocha, o Chacabuco capturou o Carlota e o Jerezana e regresou a Valparaíso o día 22, completando así a operación naval. O Especulación non foi capturado xa que fixo a viaxe directamente ao Callao.
O triunfo de Blanco Encalada e da escuadra chilena desbaratou a última expedición realista contra Chile, impedindo así o fortalecemento das forzas realistas do sur do país. Tamén lle arrincou a España o control das costas chilenas, que quedaron en mans do novo país, ao tempo que infundía, momentaneamente, a confianza e o optimismo necesarios para afrontar os duros sacrificios que esixiría a próxima expedición que sería enviada ao Perú. Por outra banda, o vicerrei do Perú conseguira saber dos feitos, causándolle estes unha considerable preocupación. Tomou así a decisión desde ese momento de asumir unha actitude totalmente defensiva, coidando moito de non arriscar as forzas navais que tiña e evitar que fosen capturadas por patriotas chilenos.
Foron bos tempos para Blanco Encalada, que ademais casou o 26 de novembro, tras a súa triunfal chegada, coa santiaguesa Carmen Gana López, coa que tería seis fillos: Florencio, Félix, Carmen, Mercedes, Teresa e Adolfo.
O 2 de decembro, o goberno de O'Higgins outorgou a Blanco Encalada e aos seus homes, como recolle o decreto, "a máxima honra que lle pode conceder un país republicano", e decretou que todos os que participaron na acción levasen un escudo de tea verde mar no brazo esquerdo cun tridente bordeado de loureiros co lema "O seu primeiro ensaio deulle a Chile o control do Pacífico", polo seu éxito na captura dos cinco transportes e da fragata Reina María Isabel, que pola lei do 9 de decembro pasou a chamarse O'Higgins.
Na campaña naval de Cochrane no Pacífico
editarA escuadra chilena lograra un magnífico triunfo con Blanco Encalada nesta ocasión, pero polas esixencias que requiría a futura e enorme empresa que se emprendería, é dicir, destruír a frota española apostada no Callao e conducir logo as tropas ata a liberación do Perú, necesitábase do servizo dun mariño experimentado. O goberno logrou contactar, grazas ao seu representante no Reino Unido, José Antonio Álvarez Condarco, co lord Thomas Cochrane, un mariño británico que se volvera famoso polas súas fazañas nas guerras napoleónicas. Foi contratado así para asumir o mando da escuadra chilena.
Á chegada de Cochrane a finais de novembro de 1818, o goberno enfrontou o difícil dilema de quitarlle o mando da escuadra a Blanco Encalada para darllo a Cochrane a pesar do recente triunfo do primeiro, pero este, comprendendo a situación do goberno, deixou voluntariamente o seu cargo para poñerse baixo o mando do mariño británico, co que acabou establecendo ademais unha amizade que duraría até o final dos seus días. É así que finalmente o goberno ditou un decreto o 12 de decembro no que se lle daba o mando da escuadra a Cochrane co grao de vicealmirante e Blanco Encalada quedaba como o segundo xefe da escuadra, sendo ascendido a contraalmirante aos seus 28 anos de idade. A ambos os mariños correspondíalles agora velar polo éxito das operacións navais que se levarían a cabo nas costas peruanas.
En 1819, durante os aprestos da primeira expedición naval de Cochrane ás costas peruanas, xerouse ao saír do porto un motín nun dos buques da escuadra, tendo Blanco Encalada que tranquilizar os ánimos da tripulación para que a expedición saíse sen problemas. El quedou en terra, non participando nun comezo naquelas operacións nas que Cochrane atacou e bloqueou o Callao, capturando algúns buques e sementando o pánico nas filas realistas, pero o 17 de marzo saíu de Valparaíso cara ás costas peruanas cos bergantíns Galvarino e Pueyrredón arribando o 28 de marzo á illa de San Lorenzo. Alí foi informado por medio de Thomas Carter, capitán do Chacabuco, corveta que mantiña bloqueado o Callao desde esa posición, que Cochrane logo de atacar duramente ese porto se dirixía a hostilizar a costa norte do Perú. Dirixiuse entón á mesma posición, encontrándose con Cochrane o 31 de marzo en Huara, onde se puxo ás súas ordes para comezar os seguintes plans de operacións. Logo de reaprovisionar todos os buques nese lugar Cochrane decidiu separar a escuadra en dúas divisións, deixando baixo o mando de Blanco Encalada o navío San Martín, a fragata Lautaro, a corveta Chacabuco e o bergantín Pueyrredón, coa misión de manter bloqueado o Callao, mentres que Cochrane coa fragata O’Higgins (insignia), o bergantín Galvarino e os buques apresados por el aos realistas no Callao se dedicaría a atacar os poboados costeiros do norte peruano e difundir a propaganda patriota.
Blanco Encalada mantivo un forte bloqueo no Callao, impedindo que o porto fose reabastecido e deixando atrapada a escuadra española comandada polo comandante Antonio Vacaro, quen ademais se negou a loitar, permanecendo protexido baixo as baterías do porto. Pero ante a falta de abastecemento e de medios para obtelos nas costas peruanas defendidas polas guarnicións realistas, viuse obrigado a levantar o bloqueo sen orde o 3 de maio, dirixíndose directamente a Valparaíso, onde fondeou o 25 do mesmo mes, uns días antes da chegada de Cochrane. O goberno, molesto por este suceso, someteuno a xuízo pero finalmente foi absolto.
En setembro participou na segunda expedición de Cochrane á costa peruana composta polos mesmos barcos antes mencionados, pero engadindo a corveta Independencia, recentemente adquirida, a goleta Moctezuma, capturada aos españois na expedición anterior, e tamén os transportes Victoria e Jerezana. que ían ser utilizados como buques explosivos. Blanco Encalada estaba a bordo do barco San Martín que ía comandado polo capitán de navío Guillermo Wilkinson.
O 28 dese mes chegaron ao Callao, onde Cochrane deseñara un hábil plan para atacar o porto e destruír a escuadra española, que consistía no uso de foguetes Congreve xunto con barcos explosivos. Estes non deron o resultado esperado, situación que Cochrane atribuíu a que o goberno chileno os fixo construír por presos monárquicos, que aproveitaron para sabotalos. Non obstante, a escuadra bloqueou o porto e, tras algúns combates, capturou algúns barcos. Co paso dos días, Cochrane ordenou que mentres permanecía no Callao, unha parte da escuadra baixo o mando do capitán Martin Guisse fose a Pisco para obter víveres, que efectivamente conseguiu despois de tomar o porto nun furioso ataque o 7 de novembro.
Neses momentos esperábase a chegada dunha división naval española proveniente de Cádiz, que ía baixo o mando do brigadier Rosendo Porlier y Asteguieta, para reforzar a escuadra do Pacífico. Ía composta esta división polos navíos de liña Alejandro I e San Telmo, a fragata Prueba e o mercante Primorosa Mariana con provisións e armamento. Non tiveron moita fortuna na súa viaxe, xa que o Alejandro I tivo que regresar a España cando navegaba á altura do ecuador polo mal estado do seu casco e o San Telmo afundiuse no Cabo de Fornos con Porlier a bordo, polo que só atravesaron con éxito a zona austral a fragata Prueba e o mercante Primorosa Mariana. Cochrane decatouse disto e de que o Prueba se dirixira a Guayaquil polo que se dispuxo a ir a ese lugar, pero tamén decidiu enviar a Blanco Encalada cunha parte da escuadra de regreso a Valparaíso por mor da falta de provisións, a cantidade de enfermos e tamén para que estimulase ao goberno a acelerar os preparativos da expedición libertadora. Blanco Encalada partiu así co navío San Martín, a corveta Independencia e o transporte Xerezana, convertido este último en buque hospital. Chegou a Valparaíso en decembro e Cochrane faríao a comezos do seguinte ano, xa que foi primeiro a Guayaquil, onde capturou as fragatas armadas Águila e Begoña, e despois adentrouse na zona sur de Chile onde logo de pedir tropas de infantaría ao xeneral Ramón Freire en Talcahuano, tomou nun sorprendente ataque o sistema de fortes situado na baía de Corral, facéndose coas poboacións da zona como Valdivia e Osorno, coa excepción da illa de Chiloé.
Auxilio ao Perú en 1822 e 1824
editarCando a Expedición Libertadora do Perú partiu o 10 de agosto de 1820, Blanco Encalada permaneceu en Chile, posto que o goberno o nomeara xefe do Estado Maior e comandante xeral de armas da Praza de Santiago que el solicitou. En setembro dese ano foi nomeado mariscal de campo do exército. Nese período, co visto e prace do goberno, creou unha xunta de caridade chamada Sociedad de Amigos del País. Nunha das xuntanzas desta sociedade, fixo unhas críticas ao goberno de O'Higgins que non lle caeron moi ben ao propio director supremo cando soubo delas, o que sumado ao ambiente despótico e á desconfianza que existía no goberno contra os opositores, Blanco Encalada foi considerado conspirador, sendo detido e sometido a un xuízo do que finalmente foi absolto de todos os cargos, aínda que non regresou ao seu cargo de comandante xeral de armas. A pesar desta situación xurdida entre el e O'Higgins, a confianza e a amizade entre eles pronto se recuperaría.
En 1822 Blanco Encalada, por orden do goberno chileno, unírase ás forzas independentistas que loitaban no Perú. Neses momentos xa se afianzara nese lugar o Protectorado de San Martín, Lima estaba en mans patriotas, o mar era controlado tamén polos patriotas e los realistas liderados agora polo vicerrei José de la Serna retiráranse á serra para reorganizarse. Por outra parte, a escuadra chilena liderada por Cochrane retirárase das costas peruanas a mediados de 1821, ao ter este xefe desacordos con José de San Martín respecto á paga dos mariñeiros e os intentos do protector de peruanizar ou facer pasar integramente la escuadra chilena ao Perú.[11] O punto de maior tensión entre ambos militares foi cando Cochrane tomou parte do diñeiro que lle correspondía á escuadra do tesouro público peruano depositado por San Martín nun transporte en Ancón, o que lle supuxo a expulsión do Perú. San Martín quedaba así sen respaldo naval para as operacións militares, polo que o 8 de outubro dese ano organizou a nacente Mariña de Guerra do Perú, quedando esta baixo o mando de Martín Guisse. Pero ao seguinte ano chegou ao Perú Blanco Encalada, asumindo o 7 de febreiro co grado de vicealmirante o mando da escuadra peruana, remplazando a Guisse que quedou como o seu segundo.[12] Neste cargo e a bordo da fragata Protector, buque insignia da escuadra peruana, apoiou na condución por mar de case todas as expediciones que saíron de Guayaquil e o Callao ao mando de comandantes como Rudecindo Alvarado, Andrés de Santa Cruz, Antonio José de Sucre e outros xefes para los diversos portos da costa peruana. Durante estas operacións tivo a oportunidade de coñecer ao xeneral Simón Bolívar, co que trabou amizade, pero polas características e impulsos do venezolano expresoulle a O'Higgins nunha carta datada o 9 de decembro:
“...Pola franqueza que me dispensou o Libertador e as moitas conversas que tiven con el, engadindo a súa conducta, da que fun testemuña, fixéronme coñecelo; e á miña volta a esa xa lle farei a vostede o retrato máis imparcial do seu carácter. Baste só dicirlle a vostede como amigo e como chileno, que o considero un enemigo perigoso do que é preciso gardarse moito”
Desempeñou o cargo de xefe da escuadra peruana até principios de 1823, cando foi designado polo novo goberno peruano de José de la Riva Agüero como ministro plenipotenciario do Perú ante as Provincias Unidas do Río da Prata para que conseguise apoio dese goberno.
Unha vez cumprida esa misión, regresou a Chile en 1824 para desempeñar as funcións de maior xeral do exército ata mediados dese ano, cando ao ausentarse Cochrane do mando da escuadra, volveu poñerse el á fronte, sendo ascendido a vicealmirante en xullo. En novembro encomendóuselle o mando dunha división naval composta pola fragata O'Higgins, a corveta Chacabuco, o bergantín Galvarino e a goleta Moctezuma para auxiliar ao Perú desde o mar, xa que desde España fora enviada unha expedición naval ao mando do comodoro Roque Guruceta que recuperara o control daquelas costas tras vencer á escuadra peruana comandada por Guisse e romper o bloqueo que este exercía sobre o Callao. Coa retirada da división naval española debido á catástrofe que supuxo a Batalla de Ayacucho que afianzou a independencia peruana, a división de Blanco Encalada incorporouse ás escuadras do Perú e a Gran Colombia, como xefe da escuadra combinada.[13] O 7 de xaneiro de 1825 situáronse diante do porto do Callao, que levaba en mans realistas dende unha sublevación militar acontecida o 5 de febreiro do ano anterior e que agora mandaba o brigadier galego José Ramón Rodil. A forza naval combinada ao mando de Blanco Encalada retomou ese día o bloqueo naval, complementando o asedio terrestre que xa sufría a guarnición realista. Durante o bloqueo, Blanco Encalada conseguiu capturar as únicas unidades sutís que tiñan os realistas no Callao e atacou sen pausa os reductos realistas, causando considerables estragos nas súas filas. Ademais, negociou con Rodil a liberación dalgúns oficiais chilenos presos desde o levantamento da guarnición independentista. Durante estas accións estivo ás ordes de Bolívar, que gobernaba nese momento no Perú como ditador.
Despois de pasar uns meses bloqueando o porto do Callao, retirouse dese lugar en xuño, dirixíndose cos seus barcos a Valparaíso para advertir ao goberno chileno das intencións de Bolívar de anexionarse Chiloé. O cerco marítimo e terrestre do Callao continuaría ata o 23 de xaneiro de 1826, no que finalmente capitularían as forzas realistas dese porto.
Na segunda expedición a Chiloé
editarTras coñecer que o goberno de Simón Bolívar no Perú propoñía a toma de Chiloé, Blanco Encalada abandonou o bloqueo do Callao cos barcos chilenos para dirixirse a Valparaíso.
Cando o director supremo Ramón Freire foi informado por Blanco Encalada sobre estas pretensións, arranxouse de inmediato a organización dunha nova expedición.[14] Anteriormente enviárase outra ao mando do propio Freire, pero esta fracasara. O obxectivo desta segunda expedición sería derrotar as forzas realistas desa illa comandadas polo gobernador Antonio de Quintanilla, que se mostraba reticente a negociar cos patriotas e prefería loitar ata o final.
Nesta campaña, Blanco Encalada comandou unha frota de cinco buques de guerra e cinco transportes, cos que levou as tropas chilenas ata Chiloé. Cando comezaron as operacións contra os realistas, Blanco Encalada axudou a establecer as cabezas de praia para o desembarco de tropas e combateu con éxito no interior da baía de Ancud cos canóns dos fortes que defendían o lugar, entre eles o castelo de San Miguel de Agüi.
Cando o exército conseguiu entrar no interior da illa para tomar desde terra a cidade de San Carlos de Ancud, atopouse coas fortes defensas que fixera construír o brigadier Quintanilla en Poquillihue, que dificultaban un ataque desde calquera punto. Blanco Encalada, ante a difícil situación, planeou atacar as lanchas canoneiras que defendían desde a costa de Pudeto as posicións realistas. O ataque ás lanchas de Pudeto levouse a cabo o 13 de xaneiro, resultando un éxito total ao capturar os barcos inimigos. Ao día seguinte, ao ver un punto débil desde o mar no forte realista, ordenou que coas mesmas embarcacións que capturaron aos realistas atacasen a defensa de Poquillihue, logrando desbaratar a posición. Finalmente o xeneral José Manuel Borgoño iniciou o ataque definitivo co exército, derrotando completamente aos realistas na batalla de Bellavista.
Coa derrota dos realistas, Quintanilla asinou co xeneral Freire o Tratado de Tantauco, que supuxo a incorporación definitiva do arquipélago á República de Chile.[15] Con este acontecemento transcendental rematou a guerra de emancipación de Chile, polo que a escuadra chilena foi desarmada en 1827 ante a imposibilidade económica de mantela.
Paso pola política
editarDespois da dimisión de O'Higgins en 1823, o país entrou nun período de inestabilidade política que durou toda unha década. O xeneral Ramón Freire, que asumiu o cargo de Director Supremo en 1823, tentou resolver os problemas da lexislación, pero a constante desorde política na que se atopaba o país, sumada á crise económica imperante, provocou a caída do seu goberno.[16]
Así, nun ambiente dominado por problemas económicos e disputas entre bandos políticos, o 8 de xullo de 1826 o Congreso Nacional procedeu á elección do sucesor de Freire. Froito da súa distinguida actuación na guerra da independencia, Manuel Blanco Encalada resultou vencedor nas eleccións e asumiu o mando ao día seguinte, previo xuramento no Congreso, converténdose así na primeira persoa en Chile que ostentou oficialmente o título de "Presidente da República" (Presidente Provisional da República). O seu curto goberno estivo marcado polo dominio do grupo federalista e a promulgación das Leis Federais dese ano. Estas medidas foron consideradas pouco prácticas para o país e rexeitadas, polo que Blanco Encalada dimitiu o 9 de setembro. Isto xerou unha sucesión de presidentes con períodos curtos de goberno debido á inestabilidade aínda latente.
Despois da súa renuncia afastouse da política activa e da vida militar, dedicándose só ao coidado da súa familia e dos seus intereses desde o seu fundo El Conventillo, polo que non tomou bando durante a guerra civil que estalou a finais de 1829, na que triunfou o bando conservador liderado polo xeneral José Joaquín Prieto e o carismático Diego Portales.
Co triunfo conservador, disolveuse a Loxia Filantropía Chilena (o primeiro intento masónico do país) que Blanco Encalada fundara catro anos antes e que tivera certa importancia na formación do incipiente pensamento liberal en Chile. Porén, a semente da Orde non se perdeu.
Na guerra contra a Confederación Perú-Boliviana
editarEn 1836 xerouse unha forte tensión entre Chile e a recentemente creada Confederación Perú-Boliviana á que se vía como unha ameaza no escenario americano, máis aínda despois de apoiar a opositores do goberno de Joaquín Prieto, como ao xeneral liberal Ramón Freire, que recibiu apoio na organización dunha expedición a Chiloé para derrocar ao goberno chileno.[17]
O ministro Diego Portales viu nesta axuda as intencións do protector da confederación, o mariscal Andrés de Santa Cruz, de desestabilizar Chile, polo que ao desbaratar a expedición de Freire, enviou dous buques de guerra ao porto do Callao, ao mando de Victorino Garrido, para apoderarse dos barcos dese país e obrigar á Confederación a ir á guerra. Aínda que tres barcos confederados foron capturados na noite do 21 de agosto, o segundo obxectivo non se conseguiu e o conflito quedou pendente.
Foi no medio desta situación cando Manuel Blanco Encalada volveu ao servizo activo como militar, sendo nomeado comandante da escuadra para dirixir unha forza naval organizada de cinco buques de guerra, co que levar ao porto do Callao ao ministro plenipotenciario Mariano Egaña coa fin de conseguir unha negociación favorable a Chile. Pero estas negociacións fracasaron e o 28 de decembro Chile declarou a guerra á Confederación, polo que Blanco Encalada comezou as operacións navais para destruír a Armada Confederada Perú-Boliviana. As operacións de Blanco Encalada prolongáronse ata principios de 1837, e durante estas tivo algúns pequenos enfrontamentos cos barcos confederados e bloqueou os portos do Callao e Guayaquil, xa que a escuadra confederada se negaba a presentar batalla e evadía en todo momento á escuadra chilena.[18]
Blanco Encalada volvería a Valparaíso por orde do goberno para tomar o mando do exército expedicionario que ía destruír a Confederación. Nunha carta que Diego Portales dirixiu a Blanco Encalada dáballe as motivacións da guerra e a súa enfatizada firmeza de disolver a Confederación. Portales díxolle que coa vitoria das forzas que comandaría daríalle a Chile unha segunda independencia xa que se prevalecía a Confederación Perú-Boliviana o país sería afogado por ela e quedaría nun segundo plano. Antes de partir á guerra, o 6 de xuño, nas chairas do Cerro Barón de Valparaíso, venceu ás tropas amotinadas de Quillota comandadas polo coronel José Antonio Vidaurre, que organizara un levantamento militar para capturar ao ministro Diego Portales cando este pasase revista ás tropas. e que ao ser capturado máis tarde acabaría sendo fusilado. Este feito provocou un maior fervor e convicción na sociedade para ir á guerra, coa teoría de que o levantamento fora instigado por Santa Cruz.
Finalmente, Blanco Encalada, como xeneral e comandante na campaña, e cun exército de 3.194 homes,[19] entre os que se atopaba unha columna peruana de exiliados de 402 homes ao mando do xeneral peruano Antonio Gutiérrez de la Fuente, saíu o 15 de setembro en 16 transportes convoiados por sete buques de guerra da escuadra chilena ao mando do capitán Roberto Simpson.
A expedición pasou por Iquique o 22 de setembro e o 24 do mesmo mes chegou a Arica, onde se esperaba a adhesión dos peruanos, pero non mostraron interese pola causa. Entón, o comandante dirixiuse a Islay e emprendeu nese lugar o desembarco e a marcha cara á cidade de Arequipa, onde non foi moi ben recibido pola poboación, sendo rodeado polo exército de Andrés de Santa Cruz, que ascendía a uns 5.000 homes. Nesta situación, Santa Cruz entrou en negociacións con Blanco Encalada para evitar o derramamento de sangue, enviando aos xenerais Ramón Herrera e Anselmo Quiroz. Nestas negociacións, Blanco Encalada propúxolle a Santa Cruz un combate ou duelo entre tropas escollidas, de igual e reducido número para cada exército, pero a súa proposta non foi aceptada polo protector.[20]
Finalmente, ante as perdas loxísticas sufridas, que lle impedía enfrontarse en condicións ao superior exército superior da Confederación, asinou o 17 de novembro, de común acordo con Santa Cruz e grazas en boa parte ao americanismo e amizade de ambos dirixentes, o Tratado de Paucarpata. Este acordo selaba a paz entre Chile e a Confederación a cambio dunha serie de condicións que os chilenos pedían como garantía. Con todo, este acordo foi ignorado polo goberno chileno, ao non estar Blanco Encalada capacitado para chegar a acordos sen o permiso do seu goberno.
A experiencia de Blanco Encalada nesta guerra non foi nada gratificante. En territorio inimigo, as súas forzas estaban en minoría numérica e decimadas por epidemias e desercións, e ademais foran mal informados da situación do Perú, xa que a poboación xeral non favorecía a expedición restauradora. Ao regresar a Valparaíso coas súas forzas, dimitiu do mando ante un consello de guerra o 31 de decembro e foi sometido despois a un xuízo militar do que finalmente foi absolto o 20 de agosto de 1838.[21]
Tralo fracaso da expedición, a mediados de 1838 enviouse unha segunda expedición baixo o mando do xeneral Manuel Bulnes, quen, tras varias accións, derrotou a Santa Cruz o 20 de xaneiro de 1839 na batalla de Yungay, logrando a disolución da confederación e a hexemonía de Chile no Pacífico Sur.
Viaxes a Europa e as súas tarefas en Chile
editarDespois do seu infortunio na guerra retirouse do servizo activo e en 1844 visitou coa súa familia os principais países de Europa. Xa con 60 anos, en 1846 regresou a Chile empapado de todos os avances da moda, a educación e a cultura social do continente europeo.
O 25 de xuño de 1847 o ministro Manuel Camilo Vial, do goberno encabezado por Manuel Bulnes, nomeouno comandante xeral da armada e intendente do porto de Valparaíso. Con este último cargo impulsou varias obras renovadoras de utilidade pública no porto como hospitais, mellora do pavimento das rúas e contratos de gas e auga potable, e colocou a primeira pedra do Ferrocarril de Valparaíso a Santiago.
En 1851 estalou unha revolución liberal contra o goberno de Manuel Montt e o vicealmirante e alcalde de Valparaíso, Blanco Encalada, participou persoalmente na represión dun motín no porto o 28 de outubro dese ano. Unha vez derrotada a revolución, foi nomeado ministro de Chile en Francia ante a corte de Napoleón III, o 27 de xaneiro de 1853, como recompensa polos seus servizos ao Estado. Así, visitou Europa por cuarta e última vez coa súa familia.
En Francia estivo moi vencellado por parentesco e amizade coa alta nobreza francesa e tamén coa familia imperial, debido a unha antiga e estreita amizade que o unía coa familia da emperatriz Uxía de Montijo, xa que fora compañeiro na mocidade do pai da emperatriz, Cipriano Palafox y Portocarrero. Durante a súa misión en Francia, o seu fillo Florencio casou coa princesa rusa Olga Basilevna Trubetzkoy e a súa filla Teresa casou con Francisco Echeverría Guzmán, sendo os padriños deste último matrimonio Napoleón III e a súa muller Uxía de Montijo.[22]
En 1854 foi encargado xunto co contraalmirante Roberto Simpson de estudar propostas e contratos para a construción dun buque de guerra en Europa. Este barco, que sería unha corveta, comezou a construírse en decembro dese ano en Inglaterra, nos estaleiros de Enrique Pritcher, en Northfleet, no condado de Kent . En xuño de 1855 foi enviado nunha misión especial a Roma para axustar ante a Santa Sé un concordato sobre cuestións de liberdade relixiosa, pero non se chegou a ningún acordo.
En 1856 grazas ás súas habilidades diplomáticas no desempeño das súas funcións en Europa e á súa relación con altos cargos da época, foi condecorado pola raíña Isabel II de España coa Gran Cruz da Orde de Carlos III.[23]
Rematado o seu ministerio en Francia, regresou a Chile en xuño de 1858 e ao ano seguinte adquiriu a chacra de Apoquindo, en cuxa casa permanecería durante longos períodos. Ocupou varios cargos honoríficos no país, sendo o máis destacado o de senador en 1864, a pesar da súa avanzada idade de 74 anos. Máis tarde tivo que abandonar voluntariamente o cargo pola enfermidade que padecía e que non lle permitía participar nos debates.
Na guerra contra España
editarEn 1865, durante a guerra contra España, ofreceu os seus servizos ao país. O goberno chileno ofreceralle un posto como asesor, pero Blanco Encalada reclamaba un cargo máis efectivo para poder loitar na guerra, polo tras acordarse definitivamente unha alianza co goberno peruano do xeneral Mariano Ignacio Prado Ochoa, déuselle o mando da escuadara combinada chileno-peruana. Porén, non puido tomar o mando desta forza inmediatamente, xa que o capitán Juan Williams Rebolledo, que levaba provisionalmente o mando desta escuadra aliada desde antes do nomeamento de Blanco Encalada, atopábase na enseada Huito á espera da chegada dos blindados peruanos Huáscar e Independencia para equilibrar as forzas e enfrontarse abertamente aos españois no mar.
Coa retirada da escuadra española ao mando do brigadier galego Casto Méndez Núñez tras o bombardeo de Valparaíso e a batalla do Callao, Blanco Encalada puido embarcar en Valparaíso na corveta peruana Unión e partir cara a Chiloé, onde se reuniu coa forza naval binacional e asumiu o mando efectivo desta, regresando con toda a frota ata Valparaíso para reconcentrar as súas forzas e esperar a chegada dos dous blindados peruanos. Unha vez chegados estes blindados, estaba previsto que se iniciasen operacións ofensivas contra os españois, pero finalmente cesaron estas ideas do goberno e en 1871 alcanzouse un armisticio con España.
Última misión e morte
editarA finais de 1868, o Congreso de Chile autorizou a repatriación dos restos do libertador Bernardo O'Higgins, que foron soterrados en Lima. Blanco Encalada solicitou e obtivo o encargo de presidir a comisión de militares e funcionarios que irían ao Perú.
Os barcos chilenos que participaron na repatriación dirixida por Blanco Encalada foron as corvetas de guerra Esmeralda, Chacabuco e O'Higgins, sendo este último o buque insignia. Unha vez realizadas todas as honras do caso, as naves partiron do porto do Callao escoltadas por dous barcos peruanos, o monitor Huáscar e a fragata de hélice Apurimac. Sumáronse a estas barcos franceses, ingleses e norteamericanos. Finalmente o convoi chegou a Valparaíso o 11 de xaneiro de 1869, escoltado pola fragata peruana Independencia. Xa en Chile, Blanco Encalada pronunciou o discurso oficial no funeral de O'Higgins, o 13 de febreiro.
Finalmente, tras un longo período de servizo, o 5 de setembro de 1876 faleceu en Santiago aos 86 anos de idade, despois de ter sido ao longo da súa vida mariñeiro, militar, político, diplomático, primeiro presidente da República. e xefe da primeira escuadra nacional.
Recoñecementos
editarMonumentos
editarEn outubro de 1917 inaugurouse en Valparaíso un monumento na súa honra, obra do famoso escultor catalán Antonio Coll i Pi.
Unidades navais
editarA Armada de Chile homenaxeou a este mariñeiro nomeando co seu nome varias unidades navais ao longo dos anos. O primeiro dos barcos recibiu o seu nome apenas 10 días despois da súa morte, ao cambiar o nome da fragata blindada Valparaíso por Blanco Encalada. Este buque participou posteriormente na Guerra do Pacífico e estivo presente na vitoria en Angamos o 8 de outubro de 1879, na que foi capturado o monitor peruano Huáscar, e máis tarde participou na guerra civil de 1891, onde foi afundido o 23 de abril no combate da Caldera. Este foi o primeiro buque de guerra do mundo afundido por un torpedo autopropulsado.
O segundo barco que levou o seu nome foi un cruceiro protexido que se mandou construír en 1892, en substitución da citada fragata blindada. Serviu como buque escola, buque estación en Magalláns e como Escola de Artillería. Foi dado de baixa en 1940. O terceiro foi un destrutor estadounidense da clase Fletcher entregado á Armada chilena en 1962 e desmantelado o 8 de xuño de 1982. O cuarto barco que portou os apelidos de Blanco Encalada na Mariña foi un destrutor porta-helicópteros adquirido a Inglaterra o 7 de setembro de 1987. Con máis de 450 efectivos, foi o buque insignia da escuadra ata o 12 de decembro de 2003, ano no que foi retirado do servizo.
Na actualidade o barco que leva o nome do almirante é unha fragata da clase Karel Doorman comprada nos Países Baixos e trasladada á Armada de Chile en 2005, como fragata Almirante Blanco Encalada ( FFG-15 ). Este buque formou parte do proxecto de modernización Puente II que contemplaba a obtención de 8 fragatas para a armada.
Nos rueiros
editarComo xeito de honrar a memoria do almirante Blanco Encalada, varias rúas e avenidas levan o seu nome en cidades chilenas como Santiago, Talcahuano, Quilpué, San Antonio ou Quillota.
Notas
editar- ↑ Manuel Lorenzo Blanco Cicerón, pai de Blanco Encalada, exercera anteriormente a súa maxistratura no Alto e Baixo Perú, e en Chile. Neste último lugar fíxoo como fiscal da Real Audiencia en 1777, e ademais é onde coñeceu e contraeu matrimonio coa chilena Mercedes que, pertencía a unha prominente familia da zona.
- ↑ Comisión para Escribir la Historia Marítima del Perú (1972). Historia marítima del Perú (en castelán) 7. p. 434.
- ↑ Uribe Borrego 1892, p. 132.
- ↑ "Manuel Blanco Encalada: Un arxentino-galego presidente de Chile". enciclopediadaemigraciongalega.com. Consultado o 9 de decembro de 2024.
- ↑ "Manuel Blanco Encalada". icarito.cl (en castelán). Consultado o 9 de decembro de 2024.
- ↑ Valdés Vergara, Francisco (1908). Historia de Chile (en castelán). p. 58.
- ↑ Bernardo Suárez 1864, pp. 57-58.
- ↑ Figueroa 1898, p. 58.
- ↑ Imprenta Universitaria (1917). Revista chilena de historia y geografía (en castelán). 23-24. p. 386.
- ↑ Barros Arana, Diego. Historia general de Chile: Parte sexta (continuacíon) (en castelán) 9. p. 292.
- ↑ López Urrutia 2008, pp. 59-60.
- ↑ Encina, Francisco Antonio (1949). Historia de Chile desde la Prehistoria hasta 1891 (en castelán).
- ↑ Bulnes, Gonzalo. Historia de la Expedición Libertadora del Perú: 1817-1822 (en castelán). p. 335.
- ↑ López, Manuel Antonio (1889). Recuerdos historicos de la guerra de la independencia (en castelán). p. 207.
- ↑ Toro Dávila 1977, p. 180.
- ↑ Barros Arana, Diego (1856). "Documento Justificativo N.º 14". Las campañas de Chiloé (1820-1826) (en castelán). Santiago de Chile: Memoria histórica presentada á Universidade de Chile na sesión solemne do 7 de decembro de 1856.
- ↑ Salazar, Gabriel (2005). Construcción de Estado en Chile (1800-1837). Santiago: Sudamericana. ISBN 9562622517.
- ↑ Paz Soldán, Mariano Felipe (1868). Historia del Perú Independiente (1835-1839) (en castelán) 4. Buenos Aires.
- ↑ Chubretovich Alvarez, Carlos. "El dominio del mar en la guerra contra la Confederación Perú-Boliviana. Estudio critico de las operaciones navales durante su desarrollo" (PDF). historianaval.cl (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2024.
- ↑ Sotomayor Valdés, Ramón (1896). Campaña del ejército chileno contra la Confederación Perú-Boliviana en 1837 (en castelán). Santiago de Chile: Imprenta Cervantes.
- ↑ Velasco del Campo, Nicolás; Marull Bermúdez, Federico (1975). Chilehistoria: Los decenios (en castelán). p. 8.
- ↑ Sotomayor Valdés, Ramón (1962). Historia de Chile bajo el gobierno del General Don Joaquín Prieto (en castelán) 3. pp. 200–201.
- ↑ Palma Zúñiga 1961, p. 123.
- ↑ Imprenta Universitaria (1920). Revista chilena de historia y geografía (en castelán) 34. p. 126.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- López Urrutia, Carlos (1969). Historia de la Marina de Chile (en castelán).
- Uribe Orrego, Luis (1892). Los Orígenes de Nuestra Marina Militar: La historia de la marina entre los años 1823 y 1850 (en castelán).
- Bernardo Suárez, José (1864). Biografías de hombres notables de Chile (en castelán).
- Figueroa, Pedro Pablo (1898). Álbum militar de Chile, 1810-1879 (en castelán) 1.
- Toro Dávila, Agustín (1977). Síntesis histórico militar de Chile (en castelán).
- Palma Zúñiga, Luis (1961). Manuel Blanco Encalada: almirante de Chile (en castelán). Ministerio de Educacion Publica.
- Vicuña Mackenna, Benjamín (1918). El almirante Don Manuel Blanco Encalada (en castelán). Editorial-América.