Liga Nacional de Fútbol Sala
A Liga Nacional de Fútbol Sala, ou LNFS, é unha asociación deportiva integrada polos clubs que participan nas competicións profesionais de fútbol sala en España. Foi fundada en 1989, e a súa misión principal é organizar os torneos de liga de Primeira División e Segunda División, así como a Copa de España e a Supercopa de España. Dende o ano 2010 tamén organiza a Copa do Rei a medias coa RFEF. As divisións inferiores (dende a Segunda División B para abaixo) non son competencia da LNFS, senón do Comité Nacional de Fútbol Sala, que forma parte da Real Federación Española de Fútbol.
![](http://up.wiki.x.io/wikipedia/commons/thumb/c/c4/Lnfs_logo14.png/250px-Lnfs_logo14.png)
Dende 2009 está presidida por Javier Lozano Cid.
Antecedentes
editarAntes da creación do campionato profesional, os distintos equipos de fútbol sala disputaban torneos adscritos a dúas federacións: a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e a Federación Española de Fútbol Sala (FEFS). Todos eses torneos foron considerados non oficiais posteriormente.
O Consello Superior de Deportes intermediou para que ambas partes chegasen a un acordo, que supuxo a creación dun campionato de liga profesional que reunise ós clubs de ambas federacións. Dito torneo constaría dunha División de Honra con 4 grupos de 12 equipos, e dunha Primeira Nacional que reuniría a máis de 100 equipos de toda España. A creación da Liga Nacional de Fútbol Sala foi aprobada o 28 de agosto de 1989, e a primeira xornada do novo campionato levouse a cabo o 30 de setembro dese mesmo ano, coa aprobación do CSD e da RFEF. O primeiro presidente da LNFS foi Aurelio Gómez Araujo.
Torneos que organiza
editar- Primeira División: Chamada "División de Honra" até 2011, recibe o nome de "Liga Marca de Fútbol Sala" por razóns de patrocinio. Creada en 1989, ten pasado por multitude de formatos. Na tempada 2012/13 consiste nunha liga convencional, composta por 14 equipos que disputan unha fase regular de 26 xornadas na que cada equipo se enfronta ó resto en dúas voltas. Ó remate da tempada regular comezan as eliminatorias polo título, comezando nos cuartos de final, pasando por semifinais, e rematando coa final. As eliminatorias non son a un único encontro, senón a varios. O número varía dun ano a outro.
- Segunda División: Chamada "División de Prata" até 2011. Creada en 1993, tamén pasou por varias estruturas. Na tempada 2012/13 conta con 14 equipos que disputan unha liga regular de 26 xornadas con 2 voltas. Ó remate da tempada lévanse a cabo as eliminatorias para determinar os equipos que ascenden a Primeira División, quedando excluídos desta fase de ascenso os equipos filiais.
- Copa de España: Creada en 1990, consiste nun torneo eliminatorio no que compiten os 8 primeiros clasificados na táboa de Primeira División ó remate da primeira volta da liga. Tódolos encontros de cada edición (4 de cuartos de final, 2 de semifinais e 1 da final) teñen lugar nunha mesma sede ó longo dunha semana, normalmente entre xoves e domingo. O campión acada o dereito de disputar a Supercopa de España fronte ó campión de Primeira División.
- Supercopa de España: Creada en 1990, durante moitos anos enfrontou ó campión da Primeira División co campión da Copa de España. No caso de que o campión de ámbolos dous torneos fose o mesmo equipo, o título era entregado directamente. Dende 2006 disputan a Supercopa 4 equipos: o campión da Primeira División, o campión da Copa de España, o subcampión de Primeira División e o equipo anfitrión. Así pois a Supercopa consiste en dúas semifinais e unha final, que se disputan nunha mesma sede e nun mesmo fin de semana, coincidindo co comezo da tempada.
- Copa do Rei: Creada en 2010, a LNFS é co-organizadora deste torneo, en colaboración coa RFEF. Na competición participan equipos profesionais e semiprofesionais, pois entran tódolos de Primeira División, tódolos de Segunda División e tódolos de Segunda División B (competición semiprofesional non dependente da LNFS). Están excluídos do torneo os equipos filiais. Na 1ª Rolda participan tan só equipos de Segunda División B. Os equipos de Segunda División entran a competir na 2ª Rolda do torneo, e os equipos de Primeira División entran na 3ª Rolda. Tódalas roldas son a encontro único salvo as semifinais. A final dispútase en campo neutral.