Julio Rey Pastor
Julio Rey Pastor, nado en Logroño o 14 de agosto de 1888 e finado en Buenos Aires o 21 de febreiro de 1962, foi un matemático español.
Traxectoria
editarOs seus primeiros estudos foron dirixidos na súa cidade natal pola familia do seu pai, e proseguiunos no Instituto Sagasta de Logroño, no que logrará o título de Bacharel en 1903. A súa primeira intención foi a de prepararse para a carreira militar, pero non é admitido na Academia Militar de Zaragoza, ao suspender ,entre outros, o exercicio de matemáticas e decide estudar Ciencias Exactas na propia Universidade de Zaragoza, onde foi alumno de Zoel García de Galdeano ao que Rey Pastor cualificaría de apóstolo da matemática moderna.[1]
En 1909 le a súa tese doutoral sobre Correspondencia de figuras elementais en Madrid, cidade na que funda, xunto a outros matemáticos, a Sociedade Matemática Española. En 1911 obtén por oposición a Cátedra de Análise Matemática da Universidade de Oviedo. En dous cursos obtivo bolsas da Xunta para a Ampliación de Estudos que os continúa en Alemaña: en 1911 en Berlín[2] e en 1913, en Gotinga, baixo a titoría de Felix Klein. Isto permitiulle coñecer de primeira man o Programa de Erlangen. En 1913 inaugurou o curso na Universidade de Oviedo cun discurso sobre a Historia de las Matemáticas en España, que posteriormente foi editado co título Los matemáticos españoles del siglo XVI. Desde 1914 exerceu a súa cátedracátedra na Universidade Complutense de Madrid. A súa actividade, desde estes primeiros anos en que conseguiu os seus postos académicos, foi acompañada da investigación histórica das orixes e evolución da matemática, con atención especial aos matemáticos españois. Froito dos seus cursos foi o Resumen de las lecciones de Análisis Matemático, que conteñen material que reproduciría ampliado posteriormente nos seus Elementos de Análisis Algebraico. Durante estes anos publicou numerosos artigos e ditou moitas conferencias. No Ateneo de Madrid pronunciou ao longo de 1915 un ciclo, continuando en certo xeito os de José Mariano Vallejo e José Echegaray, que se publicou ao ano seguinte nun pequeno volume co título de Introdución a la matemática superior. Foron leccións precursoras da nova orientación que estaban a tomar as matemáticas. En 1917 viaxou a Buenos Aires e ao seu regreso fundou a Revista Matemática Hispano-Americana. Foi precisamente en 1917 cando estivo por vez primeira en Buenos Aires, onde foi convidado pola Institución Cultural Española para ocupar a cátedra que acababa de deixar José Ortega y Gasset. A impresión que as súas conferencias produciron entre os estudantes de matemáticas foi tan grande que tivo que volver os anos seguintes. En 1919, de regreso en España, retomou a súa actividade no Laboratorio e Seminario Matemático que el mesmo fundara, dependente da Xunta para a Ampliación de Estudos e da Universidade de Madrid. Aquel ano, a revista da Sociedade Matemática Española entrou en crise por falta de artigos científicos, o cal fixo convocar unha xunta xeral extraordinaria para facer fronte ao problema. Cambiáronse os membros da xunta directiva, excepto García de Galdeano e Rey Pastor. Aprobouse a publicación da Revista Matemática Hispanoamericana, comprometéndose Rey Pastor a custeala.
Ingresou na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais en 1920, un ano antes de trasladarse de modo definitivo á Arxentina, onde obtivo un posto na Universidade de Buenos Aires, casou e tivo dous fillos. Con todo, mantivo estreitos contactos co mundo matemático español, posto que aproveitaba o período de vacacións arxentino para trasladarse a España, entre eles, mantivo intenso contacto co matemático e profesor palentino José del Corral y Herrero ao que tentou persuadir de que se fose con el a Arxentina debido á escaseza de oportunidades que brindaba naquela época España aos homes de Ciencia e intelectuais en xeral.[3] En 1954 ingresou tamén na Real Academia Española sucedendo na cadeira de brazos «F» a Emilio Fernández Galiano e precedendo a Manuel Halcón, marqués de Villar de Tajo (e un dos que posteriormente proporía a candidatura á RAE de Emilio Alarcos Llorach). En 1959 é nomeado profesor emérito pola Universidade de Buenos Aires. Ese mesmo ano concédeselle a Gran Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio.[4]
Os seus traballos
editarPoden clasificarse en dúas categorías: os libros elaborados para estudantes (de matemáticas puras ou física) e as publicacións científicas ou estritamente as de investigación («paper»).
Tras a súa tese doutoral en 1909, Reyi Pastor investigou no terreo da xeometría alxébrica sintética, e xeometría proxectiva superior. Nas memorias que elaborou tras as súas estancias en Berlín e Gotinga trataba o estudo sintético de curvas, incorporando grupos de transformacións e axiomática. Coa creación en 1915 do Laboratorio e Seminario Matemático, traballou sobre historia da matemática, xeometría sintética real e complexa, representación conforme, teoría de Galois e métodos numéricos.
Recoñecemento
editarAproveitando o movemento de rexeneración cultural que se produce en España tras a crise de 1898, Rey Pastor consegue saír de España e acceder ao que fai a elite matemática europea, algo que anima a facer a outros colegas seus como o matemático José del Corral y Herrero, quen, finalmente, optará por permanecer en España. Foi ademais un dos primeiros matemáticos españois que puido investigar en boas condicións, polo que foi un asiduo das publicacións especializadas da época e un científico recoñecido entre os seus iguais. A Biblioteca do Departamento de Matemática na Facultade de Ciencias Exactas da Universidade de Buenos Aires, o Premio Nacional de Investigación Matemática, unha rúa e un colexio concertado en Logroño, a súa cidade natal (Colexio Rey Pastor); o Instituto de Madrid, o I.E.S Rey Pastor, no Distrito de Moratalaz e a Biblioteca da Escola Politécnica Superior da Universidade Carlos III de Madrid, en Leganés, levan o seu nome. Quíxose tamén dar o seu nome a un cráter da Lúa, pero a Unión Astronómica Internacional rexeitouno, preferindo o do inglés Michael Faraday.[5]
A biblioteca Jorge Juan do CSIC conserva o fondo de Arquivo Julio Rey Pastor. Está composto de documentos procedentes do antigo Laboratorio e Seminario Matemático e do Instituto Jorge Juan de Matemáticas do CSIC, en particular os traballos do matemático Julio Rey Pastor, de cando era novo, como o manuscrito da súa tese. En bo estado de conservación, atópase nun depósito especial para a súa preservación; o contido exhaustivo deste fondo atópase no catálogo de arquivos da Rede de Bibliotecas e Arquivos do CSIC, e pódese consultar en alta resolución dentro do proxecto SIMURG.[6]
Considéraselle o iniciador dunha nova ciencia, a preoloxía.[7]
Obras
editar- 1910 — Correspondencia de figuras elementais (tese doutoral)
- 1915 — Teoría da representación conforme
- 1916 — Introdución á matemática superior: estado actual, métodos e problemas (Madrid: Biblioteca Coroa)
- 1916 — Fundamentos da xeometría proyectiva
- 1917 — Elementos de análises algebraico
- 1918 — Teoría de funcións reais (Madrid, Imprenta Ramona Velasco)
- Resumo da teoría das funcións analíticas e as súas aplicacións físicas
- 1922 — Resumen del curso de cálculo infinitesimal dictado en la Facultad de Ingeniería de Buenos Aires (Centro de Estudantes de Enxeñaría, UBA)
- 1923 — Ciencia abstracta y filosofía natural
- 1924 — Curso cíclico de matemáticas (Madrid, Ruiz de Lara Impr.)
- Curso de cálculo infinitesimal (hai 2.ª. Edición de 1929)
- 1924 — Leccións de álxebra
- 1926 — Os matemáticos españois do século XVI (discurso inaugural do ano académico 1912/1913 na Universidade de Oviedo)
- 1928 — Teoría xeométrica da polaridad (memoria elaborada en 1912)
- 1930 — Nocións de trigonometría
- 1931 — Teoría dos algoritmos lineais de converxencia e de sumación
- 1931 — Un método de sumación de series
- 1933 — Metodoloxía da matemática elemental (xunto a Pedro Puig Adam)
- 1934 — Cosmografía
- 1940 — Xeometría algebraica
- 1942 — Elementos da teoría de funcións
- 1943 — Lema de Pincherle e lema de Borel
- 1944 — Integrais parciais das funcións de dúas variables en intervalo infinito
- 1945 — A ciencia e a técnica no descubrimento de América
- Newton químico
- 1945 — Elementos de análises algebraico (Buenos Aires: Imprenta Index-Solís)
- 1946 — Introdución á epistemoloxía de Aristóteles
- 1946 — Introdución á epistemoloxía e fundamentación da matemática Buenos Aires: Espasa-Calpe)
- 1951 — A matemática superior: métodos e problemas do século XIX
- 1951 — Xeometría integral (xunto a Luís Santaló) (Ed. Espasa Calpe Arxentina)
- 1951 — Historia da matemàtica (xunto a José Babini)
- 1952 — Análise matemática (xunto a Pedro Pi Calleja e César Anselmo Trejo) Curso en 3 volumes, soado na literatura matemática de fala hispana.
- 1955 — Os problemas lineais da física
- 1958 — Funcións de Bessel (xunto a Antonio de Castro Brzezicki)
- 1958 — Xeometría analítica (xunto a Luís Santaló e Manuel Balanzat), tamén soada entre os libros de texto en español. (Ed. Kapelusz)
- 1960 — A cartografía mallorquina (xunto a Ernesto García Camareiro)
- 2006 — Historia da matemática con José Babini, Gedisa editorial, Barcelona; ISBN 84-7432-809-8; prefacio de Juan Vernet
Notas
editar- ↑ Zoel García de Galdeano Arquivado 02 de xullo de 2020 en Wayback Machine. en la Gran Enciclopedia Aragonesa
- ↑ "Real orden aprobando la propuesta hecha por la Junta para ampliación de estudios é investigaciones científicas, para la concesión de pensiones en el extranjero." (PDF) (272). Madrid. 29 de septiembre de 1911: 786–787. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2021. Consultado o 12 de octubre de 2017.
- ↑ Mateo Pinilla, Jesús. Mi Palencia íntima, editado por Amalio García Sieteiglesias, artículo/capítulo: "Mi última lección de matemáticas" J. Mateo Pinilla cuenta la anécdota de la invitación de Julio Rey Pastor a José del Corral Herrero de irse a Argentina
- ↑ Boletín Oficial del Estado núm. 79, de 02/04/1959, página 4990. Decreto 471/1959 Arquivado 23 de setembro de 2016 en Wayback Machine., de 1 de abril
- ↑ "Ficha del cráter de la Luna Faraday" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2020. Consultado o 14 de enero de 2016..
- ↑ "Archivo del CISC: tesoros de la ciencia". Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2020. Consultado o 02 de xullo de 2020..
- ↑ "La preología, una ciencia que nace en España". 13 de marzo de 1958: 43.
Predecesor: Emilio Fernández Galiano |
Académico da Real Academia Española Sillón F 1953 – 1962 |
Sucesor: Manuel Halcón |
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Julio Rey Pastor |
Bibliografía
editar- Ríos, Sixto. Julio Rey Pastor, matemático (1979). Instituto de España. ISBN 978-84-85559-02-2.
- Laín Entralgo, Pedro (1998). "Julio Rey Pastor. Sabio en dos mundos". Españoles de tres generaciones. Real Academia de la Historia. ISBN 9788489512108.
- Bethell, Leslie, ed. (1995). The Cambridge History of Latin America VI. Cambridge University Press. pp. 510 y ss. ISBN 9780521232265.
- Lizarzaburu, Alfonso E., ed. (2001). Pluriculturalidad y aprendizaje de la matemática en América Latina. Ediciones Morata. pp. 98 y ss. ISBN 9788471124654.
Ligazóns externas
editar- Discurso de Julio Rey Pastor «¿Es el progreso de España en las Ciencias, o es el progreso de las Ciencias en España?» no Congreso de Valladolid da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias. Madrid, 1915.
- Julio Rey Pastor (1988–1962). Una bibliografía.
- La ciencia y la técnica en el descubrimiento de América. Edición dixital do Instituto Cervantes da obra de Julio Rey Pastor.
- Divulgamat no Centro de Divulgación de las Matemáticas.