Josep Laporte
Josep Laporte i Salas, nado en Reus, Baix Camp o 18 de marzo de 1922, e finado en Barcelona o 15 de febreiro de 2005,[1] foi un político e profesor de farmacoloxía catalán.[2]
Traxectoria
editarEstudou medicina na Universidade de Barcelona (1939-1945). Interesouse pola fisioloxía e a endocrinoloxía clínica e, finalmente, especializouse en farmacoloxía, disciplina á que dedicou a súa carreira profesional.[3] En 1953 recibiu o Premio Josep Massot i Palmés, concedido clandestinamente polo Instituto de Estudos Cataláns; o traballo premiado foi sobre a farmacoloxía da coagulación do sangue.[3] En 1957 doutorouse coa tese Interrelaciones farmacodinámicas de la hormona tiroidea, pola que recibiu o Premio Gregorio Marañón da Academia Española de Medicina e Cirurxía, ademais do Premio Extraordinario de Doutoramento dese ano.[2] Foi discípulo da escola de Francisco García-Valdecasas e ampliou a súa formación cos farmacólogos William Paton (en Oxford) e Silvio Garattini (en Milán).[2]
Foi profesor de Farmacoloxía nas facultades de medicina de Cádiz (daquela parte da Universidade de Sevilla), Valencia e da Universidade Autónoma de Barcelona, da que foi reitor en 1976 e 1977.[3][4] Presidiu a Academia de Ciencias Médicas de Cataluña e Baleares, de 1970 a 1974, e a Real Academia de Medicina de Cataluña, de 1993 a 2002, ano no que foi elixido presidente do Institut d'Estudis Catalans.[5]
En 1992 recibiu a Sirga d'Or, galardón que outorga o Centro de Estudos de Ribera d'Ebre[4] e en 1996 recibiu a Cruz de Sant Jordi.
Faleceu en Barcelona o 15 de febreiro de 2005 por mor dun infarto que sufriu durante un acto oficial no Palau de la Generalitat de Catalunya.[6]
Actividade política
editarEn 1980, foi elixido deputado nas eleccións ao Parlamento de Cataluña, como independente nas listas de Convergència i Unió, e o presidente Jordi Pujol nomeouno conselleiro de Sanidade e Seguridade Social ao formar goberno. Reelixido deputado nas eleccións 1984, quedou como conselleiro.[6]
En 1988 foi cabeza de lista de CiU pola circunscrición de Tarragona e foi nomeado conselleiro de Educación, cargo que ocupou ata 1992.[6] Neste último período creáronse as Universidades de Girona, Lleida e Rovira i Virgili de Tarragona.[4]
Notas
editar- ↑ "Josep Laporte i Salas". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Real Academia de la Historia (ed.). "Josep Laporte y Salas" (en castelán). Consultado o 2022-06-08.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Casassas i Simó, Oriol (2006). "Josep Laporte i Salas (1922-2005)". Estudis Romànics: 631–632.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Raduà Serra, Josep M. "La Sirga d'Or, el reconeixement a una trajectòria" (pdf). Miscel·lània del CERE: 217–240. Consultado o 8 de xuño de 2022.
- ↑ Corbella, Jacint (2006). "Dr. Josep Laporte i Salas (1922-2005)". Revista de la Reial Acadèmia de Medicina de Catalunya (pdf) 21: 119–120.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 La Vanguardia, ed. (2005-02-15). "Fallece el ex conseller Laporte tras sufrir un ataque cardíaco" (en castelán). Consultado o 2022-06-08.