José María Sánchez Peteiro
José María Sánchez Peteiro, nado en Sobrado en 1923 e finado o 9 de outubro de 2001[1], foi un político e empresario galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1923 ![]() Sobrado, España ![]() |
Morte | 9 de outubro de 2001 ![]() Sobrado, España ![]() |
![]() | |
1995 – xaneiro de 1999 (moción de censura) | |
![]() | |
1987 – 1989 (dimisión) ← Gerardo Sánchez López – Emilio Varela Bugallo → ![]() | |
Actividade | |
Ocupación | político, empresario ![]() |
Partido político | Partido Liberal Partido Popular de Galicia Democracia Galega ![]() |
Traxectoria
editarPropietario dunha canteira, foi membro do Partido Liberal. Nas municipais de 1979 encabezou en Sobrado a candidatura independente Agrupación de Veciños logrando a vitoria por maioría simple, se ben non conseguiu a alcaldía dado que os demais grupos apoiaron o socialista Gerardo Sánchez López como alcalde. En 1983 encabezou PDL, pasando a se-la terceira forza política tralo PSdeG-PSOE e AP, polo que permaneceu na oposición.
Nas municipais de 1987 foi candidato á alcaldía pola CPG, gañando con maioría simple e nesta ocasión foi elixido alcalde, gobernando co apoio de AP. Porén, os aliancistas acabaron por retirarlle o seu apoio e en novembro de 1988 presentouse unha moción de censura por parte de AP, PSdeG-PSOE e PNG que tiña como candidato ó aliancista Emilio Varela Bugallo. Para evita-la súa votación dimitiu en xaneiro de 1989, mais a súa formación non lograría conserva-la alcaldía e no mes de febreiro foi investido alcalde Varela Bugallo, que conformou un goberno cos socialistas e os nacionalistas. Dita operación non contaría co aval dos órganos superiores de AP, en parte porque gobernaban a Deputación da Coruña grazas ó apoio da CPG, polo que o novo alcalde se situou inmediatamente fora do partido.
Nas municipais de maio de 1991 foi de novo candidato á alcaldía, pero nesta ocasión polo PPdeG. Conseguiu gañar de novo as eleccións, pero de novo sen maioría absoluta. Non logrou a alcaldía, dado que parte da CNG (encabezada polo alcalde Emilio Varela Bugallo) e os independentes apoiaron o exalcalde socialista Gerardo Sánchez López na investidura. Aínda así, Sánchez López presentou rapidamente a súa dimisión dada a febleza dos seus apoios, polo que en xullo Varela Bugallo e Sánchez Peteiro anunciaron un acordo de goberno polo cal se rotarían na alcaldía durante a lexislatura, asumindo na primeira metade o cargo Varela Bugallo e a segunda Sánchez Peteiro. Porén, dito acordo acabou rachando e Sánchez Peteiro non asumiu a alcaldía.
Nas municipais de maio de 1995 concorreu de novo como cabeza de lista do PPdeG, pero tras pasar moitos dos seus compañeiros a unha candidatura independente xunto con anteriores membros da CNG, foi derrotado por esta candidatura que encabezou Jacobo Fernández García. Estes lograron 5 edís, fronte a 3 dos populares de Sánchez Peteiro e outros 3 dos socialistas de Sánchez López. Desta forma, populares e socialistas pactaron un goberno de coalición, polo que Sánchez Peteiro recuperou a alcaldía. En novembro de 1997 os socialistas abandonaron o goberno, pasando a gobernar Sánchez Peteiro co apoio dos independentes ata agosto de 1998, cando tamén o deixaron de apoiar e quedou con tan só respaldo do seu grupo e dun dos edís independentes. Ante esta situación, o resto de concelleiros independentes e dous dos socialistas, entre eles o exalcalde Gerardo Sánchez López, presentaron unha moción de censura no mes de decembro, propoñendo como candidato ó independente José López Sánchez. En xaneiro de 1999 votouse a moción quedando investido López Sánchez como alcalde.
De cara ás municipais de xuño de 1999 os independentes pasaron a formar parte do PPdeG, xunto co ata entón socialista Gerardo Sánchez López, sendo o anterior cabeza de lista independente, Jacobo Fernández, o novo candidato á alcaldía. Ante isto, Sánchez Peteiro concorreu como candidato de Democracia Galega. Desta forma, os populares lograron unha ampla maioría absoluta fronte a 2 concelleiros socialistas e os outros 2 da Democracia Galega de Sánchez Peteiro, que se situou na oposición.
Predecesor: Gerardo Sánchez López |
Alcalde de Sobrado 1987 - 1989 |
Sucesor: Emilio Varela Bugallo |
Predecesor: Juan Morandeira García |
Alcalde de Sobrado 1995 - 1999 |
Sucesor: José López Sánchez |
Vida persoal
editarCasou con María Sánchez López, coa que tivo 6 fillos. Faleceu en Sobrado o 9 de outubro de 2001.
Notas
editar- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 10-10-2001, p. 63.