José María Abalo

futbolista e profesor galego

José María Abalo Abad, nado en Vilagarcía de Arousa en 1884 e finado en Donostia o 1 de setembro de 1954, foi un futbolista e catedrático de universidade galego. Un dos principais impulsores do fútbol na cidade da Coruña,[1][2] foi fundador do histórico Real Club Coruña, xogou como dianteiro no Vigo Sporting[3] e máis tarde foi árbitro.[4]

Modelo:BiografíaJosé María Abalo
Biografía
Nacemento1884 Editar o valor en Wikidata
Vilagarcía de Arousa, España Editar o valor en Wikidata
Morte1 de setembro de 1954 Editar o valor en Wikidata (69/70 anos)
Donostia, España Editar o valor en Wikidata
Catedrático de universidade
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónEscola Superior de Comercio da Coruña Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónárbitro, futbolista Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Oviedo Editar o valor en Wikidata
Membro de
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1171097

Traxectoria

editar

Naceu en Vilagarcía de Arousa, sendo fillo dun empresario local, e estudou en Londres nun internado.[1][5] Na súa estancia en Inglaterra interesouse polo fútbol, e cando regresou a Galicia fíxoo cunha pelota na súa maleta.[1][6][7][8]

Proseguiu estudos na Escola de Comercio da Coruña, e alí contaxioulles aos seus compañeiros o interese polo fútbol.[1][5][7] En 1901, Abalo e varios compañeiros da Escola de Comercio e amigos, asiduos varios deles á Cova Céltica, decidiron estabelecer un club, o cal nomearon inicialmente The Corunna Foot Ball Club e que foi o primeiro equipo de fútbol da Coruña.[1][5][9]

O novo club novo adoptou as regulacións da Asociación de Fútbol británica e empezou a adestrar na zona coñecida como El Relleno, xunto a Riazor.[1] Disputou o primeiro partido da súa historia o 19 de febreiro de 1902 na praza de touros da cidade, na que xogou durante os seus inicios. Con todo, segundo o comerciante, árbitro e crítico deportivo Manuel Monteagudo, contemporáneo e testemuña dos primeiros pasos do club, aquel foi só un encontro de proba, sendo o primeiro partido formal o que se xogou unha semana despois e no que participaron 23 xogadores.[10][11]

O club continuou xogando partidos entre membros do propio equipo durante os seguintes dous anos, ata que encontrou un rival en marzo de 1904. Este foi un equipo formado pola tripulación do Diligent, un buque a vapor inglés que naufragara fronte á Coruña.[12] Mentres os tripulantes do barco inglés esperaban unha solución, organizouse un partido de fútbol entre os mariños e os membros do Corunna, fixándose o encontro para o domingo 6 de marzo na praza de touros, aínda que finalmente a choiva obrigou a adialo ata o domingo 13.[13]

 
Equipo do Real Club Coruña, club do que Abalo foi un dos fundadores en 1901.

Abalo formou na dianteira daquel partido xunto a Enrique Gerbolés, Arturo Senra, Uxío Carré Alvarellos e Juan Sáenz,[10] e foi o autor do primeiro gol.[14] Ambos equipos volveron enfrontarse unha semana despois, con vitoria inglesa por 2-5, e xogaron un terceiro partido ese mesmo mes, conseguindo finalmente a vitoria o bando galego por 2-1.[15] Pouco despois pasaron a xogar no Corralón da Gaiteira, o primeiro campo de fútbol permanente da cidade.[16]

Na tempada 1906–07 Abalo xogou como dianteiro no Vigo Sporting, metendo dous goles na Copa do Rei de 1907, un deles o que supuxo a vitoria fronte ao Club Bizcaya.[17] Ao tempo, fundou na súa vila natal en 1907 o Villagarcia FC, equipo ao cal o Madrid CF convidou para participar nun partido de adestramento.[6]

Arbitrou a final da Copa do Rei de 1908 entre o Madrid FC e o Vigo Sporting, que venceu o primeiro por 1–2.[4] Nos anos seguintes Abalo continuou a practicar o fútbol e mesmo o rugby, nos campos de Santa Rita e A Lomba, "presenciado por unha grande audiencia".[6]

Traxectoria académica

editar

Tras rematar os estudos, foi profesor de inglés na Universidade de Oviedo, onde publicou en 1911 a obra El traductor de inglés e en 1913 Gramática inglesa. Método teorico-práctico. Despois pasou a dar clase na Escola de Comercio de Donostia, cidade na que faleceu en setembro de 1954.[4] Foi membro correspondente da Real Academia Galega.[18]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "La histórica Sala Calvet". La Opinión de A Coruña (en castelán). 13 de novembro de 2016. 
  2. "Galicia Gaiteira". www.redeoza.org (en castelán). 
  3. "José María Abalo Abad". www.bdfutbol.com. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "José María Abalo Abad". www.bdfutbol.com. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "El origen del fútbol en La Coruña". lafutbolteca.com (en castelán). 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Vilagarcía: Precursores del deporte". Revista es Más (en castelán). 
  7. 7,0 7,1 "Miguel Abalo". Vida Atlética de Galicia (en castelán). 
  8. "La Sala Calvet". www.dxtcampeon.com (en castelán). 
  9. Ventureira 2022, p. 37.
  10. 10,0 10,1 Ventureira 2022, p. 34.
  11. Henry (25 de xuño de 1949). "El fútbol en La Coruña data de 1901". La Noche (en castelán) (8769). p. 6. Consultado o 22 de novembro de 2024. 
  12. Ventureira 2022, p. 36.
  13. "De sol a sol". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de marzo de 1904. p. 8. 
  14. "El match de foot-ball". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de marzo de 1904. p. 2. 
  15. Ventureira 2022, pp. 37-38.
  16. "El Dépor nació en un gimnasio". www.rcdeportivo.es (en castelán). 
  17. "Vigo - Club Vizcaya (2 - 1)". www.bdfutbol.com. 
  18. "Membros correspondentes". Real Academia Galega. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Ventureira, Rubén (2022). De la Sala Calvet al título olvidado [Da Sala Calvet ao título esquecido] (en castelán). A Coruña: Fundación Real Club Deportivo de La Coruña SAD. ISBN 978-84-09-46119-6.