James Berry
Reginald George James Berry, nado en Londres o 20 de xuño de 1906 e finado en Auckland o 6 de novembro de 1979, foi un artista, filatélico e numismático neozelandés de orixe inglesa, coñecido sinaladamente polos seus deseños de selos, moedas e medallas de Nova Zelandia e doutros países.[2]
Autorretrato e sinatura de James Berry nun modelo en xeso dunha medalla .[1] | |
Nome orixinal | Reginald George James Berry |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 20 de xuño de 1906 Londres. Inglaterra |
Morte | 6 de novembro de 1979 (73 anos) Auckland Nova Zelandia |
Lugar de sepultura | Cemiterio Karori, Auckland. |
País de nacionalidade | Neozelandés. |
Actividade | |
Campo de traballo | Deseño de moedas e selos postais, numismática. |
Ocupación | artista, deseñador de selos, escultor, medallista |
Membro de | Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia. Real Sociedade Filatélica de Nova Zelandia. |
Familia | |
Cónxuxe | Miriel Frances Hewitt (1932). |
Fillos | Cinco fillas e un fillo |
Pais | James Willie Berry. e Amy Blanche Clarissa Wakefield. |
Premios | |
- (1968) Oficial da Orde do Imperio Británico. - (1980): Medalla de Ouro da Academia Italiana da Arte e o Traballo. | |
Traxectoria
editarPrimeiros anos en Inglaterra
editarJames Berry naceu o 20 de xuño de 1906 no suburbio londiniense de Dilwich,[3] segundo fillo de Amy Blanche Clarissa Wakefield e de James Willie Berry, de profesión oficinista.[4]
Logo do falecemento do seu pai en 1911, cando James tiña só cinco anos, foi internado na Russell Hill School de Purley, Londres,[3] onde recibiu a súa educación entre 1913 e 1922. Durante este período formativo demostrou talento nas artes, fomentado pola súa tía Lilian Berry, tamén artista,[5] e gañou os seus primeiros premios artísticos, no ámbito escolar.[3]
Aos 16 anos comezou a traballar nunha compañía de seguros, na que permaneceu só uns anos, ata que en 1924 decidiu emigrar a Nova Zelandia. Alí chegou en febreiro de 1925 e instalouse en Gisborne, onde comezou a traballar como empregado no sector agrícola,[6] e pouco despois nunha fábrica de conxelados.[3]
Carreira artística en Nova Zelandia
editarDous anos despois da súa chegada a Nova Zelandia, Berry trasladouse á capital, Wellington, para se dedicar á creación artística. Alí comezou a traballar como artista comercial nunha axencia de publicidade, ata que en 1932 pasou a exercerde xeito autónomo, no ámbito da arte publicitaria e como deseñador de portadas de libros, ilustracións, placas e, finalmente, selos, moedas e medallas. En ocasións, compaxinou o traballo por conta propia con empregos puntuais, como o de debuxante dos xornais Daily Explorer e Dominion (1935-1942), onde publicou caricaturas en ocasións baixo o pseudónimo "Bim".[3] Tamén foi produtor do popular folleto histórico New Zealand in review (1940) e deseñador para a compañía de gravado Mayer and Kean (1942-1944).[7]
O seu primeiro deseño filatélico foi para un selo de sanidade en 1933, que se viu continuado cunha serie que perdurou durante 25 anos. As encargas que recibiu para deseños de selos postais non se limitaron a Nova Zelandia, senón que se estenderon a outros territorios como Samoa Occidental, as illas Cook, Niue, Tonga e as Bermudas.[8] A el débenselle, entre outros, nove deseños da serie do Centenario de Nova Zelandia de 1940, a serie completa dedicada á Paz en 1946 e a serie de selos de faros para as emisións do Departamento de Seguros do Goberno, que comezou a emitirse en 1947. Malia gozar de bo acollemento popular, os seus deseños filatélicos foron descualificados por algúns críticos do seu país. No entanto, en 1948 foi considerado pola revista estadounidense Weekly Philatelic Gossip como «o mellor deseñador de selos de correos do mundo».[7]
Como medallista, as súas primeira creacións foron unha medalla conmemorativa para o Aeroclub de Nova Zelandia e o reverso da medalla Waitangi-Bledisloe, ambas de 1935. Ese mesmo ano ingresou na Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia, entidade que recomendou o seu deseño proposto para o reverso da moeda dunha coroa de Waitangi, aínda que finalmente este non foi o escollido, senón o creado por Percy Metcalfe.[7] En 1949, porén, un deseño seu foi escollido para o reverso da moeda dunha coroa conmemorativa da visita real programada para ese ano. A finais da década de 1950 deseñou tamén moedas para a circulación ordinaria para Fidxi.[10][11]
Ao longo desa década emprendeu diversos proxectos comerciais no seu país, con desigual resultado, que se viu obrigado a paralizar en agosto de 1962 logo de sufrir un infarto cando estaba en Greymouth.[3] Despois emprendeu outras empresas de escaso éxito, como a venda de libros, o comercio numismático e a especulación inmobiliaria.[12]
A vinculación de Berry ao deseño de moedas chegou ao seu cumio en 1964, cando o Goberno de Nova Zelandia decidiu substituír o anterior modelo de moedas da libra neozelandesa polo do dólar neozelandés. Berry presentou ao concursos de deseño establecidos varias series con motivos da flora e a fauna do seu país, unha das cales resultou escollida, o que deu lugar á primeira serie desta nova moeda, con deseños de Berry nos seus reversos, que comezou a emitirse en 1967. [11][13] A popularidade adquirida en Nova Zelandia a partir destes deseños fixo que o xornal Dominion Sunday Times o declarase «Home do ano 1966», e en 1968 foi nomeado Oficial da Orde do Imperio Británico.[7][8]
A finais da década de 1960 e principios da de 1970, Berry foi solicitado para un bo número de emisións monetarias e de selos conmemorativas das descubertas de James Cook no Pacífico Sur. As encargas non lle viñeron unicamente do Goberno neozelandés, senón tamén doutros países como as Illas Cook ou Samoa e Sísifo. Tamén mantivo unha estreita colaboración con casas de moeda como a privada Franklin Mint, de Pensilvania, e a Royal Australia Mint, en Camberra, para a que creou unha serie de 60 medallóns de prata e ouro sobre a historia da medalla en Australia.[8] Tamén recibiu encargas de medallas do Reino Unido, como as de Oliver Cromwell e Winston Churchill, así como novas moedas para as illas Cook, logo da serie inicial de 1972.[7][10][11]
Entre outras entidades e sociedades eruditas, Berry foi nomeado en 1978 membro honorario da Real Sociedade Filatélica de Nova Zelandia. Igualmente pertenceu á Sociedade de Ex Libris de Nova Zelandia e á Sociedade dos Amigos da Biblioteca Turnbull. Pola súa banda, na Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia chegou a ocupar os cargos de secretario, vicepresidente e, finalmente, presidente, en 1961.[7][8]
Vida persoal
editarJamer Berry casou coa secretaria Miriel Frances Hewitt o 3 de febreiro de 1932, na igrexa anglicana de San Xudas, en Lyall Bay, Wellington. O matrimonio tivo cinco fillas e un fillo.[3][14]
Nos seus derradeiros anos de vida, Berry viaxou moito e pasou longas tempadas en Londres e en Irlanda, onde se dedicou fundamentalmente á pintura de paisaxes; e en Dublín deseñou a súa derradeira medalla, con motivo da visita papal. O 6 de novembro de 1979 embarcou nun avión para regresar a Wellington e durante a viaxe sufriu un novo infarto, que lle ocasionou a morte.[7][15] O seu corpo foi incinerado no cemiterio de Karori, en Wellington.[16]
Recoñecementos
editarEsta é unha listaxe das honras máis sinaladas recibidas por James Berry ao longo da súa traxectoria:[7]
- 1968: Oficial da Orde do Imperio Británico.
- 1978: Membro honorario da Real Sociedade Filatélica de Nova Zelandia.
- 1980: Medalla de Ouro da Academia Italiana da Arte e o Traballo.
Notas
editar- ↑ "medallion, plaster cast". Museums of Auckland (aucklandmuseum.com).
- ↑ Matthews, K. (2021).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Taylor, C. R. H. (1980). Páxina 50.
- ↑ Tye, J. R (1966).
- ↑ Tye, J. R (1966).
- ↑ Tye, J. R (1966).
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 Tye, J. R (1966).
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Taylor, C. R. H. (1980). Páxina 51.
- ↑ "1 Crown - George VI Royal Visit". Numista.com
- ↑ 10,0 10,1 "George James Berry". Numista.com
- ↑ 11,0 11,1 11,2 "James Berry, Coin Designer". Worldofcoins.eu
- ↑ Tye, J. R (1966).
- ↑ "James Berry and New Zealand’s 1967 Decimal Coins". Reserve Bank of New Zealand (rbnz.govt.nz).
- ↑ Tye, J. R (1966).
- ↑ "The Prime Minister has paid a tribute to the designer of New Zealand's decimal currency, Mr James Berry, who died on Tuesday". En Evening Post. 8 de novembro de 1979. Reproducido en Taylor, C. R. H. (1980). Páxina 53.
- ↑ "Reginald Berry". Friendsofkaroricemetery.co.nz
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: James Berry |
Bibliografía
editar- Matthews, K. (2021). "James Berry: Numismatic Superstar". En New Zealand Numismatic Journal. Vol. 101. Royal Numismatic Society of New Zealand, Wellington. Páxinas. 29-38.
- Taylor, C. R. H. (1980). "James Berry, 1906 - 1979". En Numismatic Journal of the Royal Numismatic Society of New Zealand. Xuño. Vol. 15. Nº 2 (59). Páxinas 49-53.
- Tye, J. R (1966). "Berry, Reginald George James". En Dictionary of New Zealand Biography (Te Ara: the Encyclopedia of New Zealand).
- Tye. J. R. (1984). The Image Maker. The Art of James Berry. Hodder and Stoughton, Auckland. ISBN 0-340-35829-7