Ignacio Medina y Fernández de Córdoba
Ignacio Medina y Fernández de Córdoba, nado en Sevilla o 27 de febreiro de 1947, é un arquitecto e restaurador español, décimo noveno conde de Ribadavia e tamén décimo noveno duque de Segorbe.
Nome orixinal | (es) Ignacio Medina y Fernández de Córdoba, XIX duque de Segorbe, Grande de España |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 27 de febreiro de 1947 (77 anos) Sevilla, España |
Actividade | |
Ocupación | arquitecto |
Membro de | |
Outro | |
Título | Duque de Segorbe |
Familia | Casa de Medinaceli (pt) e Casa Ducal de Segorbe (pt) |
Cónxuxe | Maria da Glória, Duquesa de Segorbe (1985–) |
Fillos | Sol Maria de Medina e Orleans e Bragança, Condessa de Ampurias, Ana, Condessa de Ricla |
Pais | Rafael Medina y Villalonga, Duke of Medinaceli e Victoria Eugenia Fernández de Córdoba |
Traxectoria
editarIgnacio Medina naceu nunha familia da alta aristocracia, ademais vencellada ao franquismo. A nai, Victoria Eugenia Fernández de Córdoba, era duquesa de Medinaceli e de Segorbe, e seu pai, Rafael Medina, era un político falanxista que chegou a ser alcalde de Sevilla e procurador en Cortes (deputado) nos anos corenta. A casa onde naceu é a Casa de Pilatos, un dos pazos máis importantes da capital andaluza[1].
Era o máis novo de catro irmáns; o seu irmán terceiro era Rafael Medina, duque de Feria, importante figura da vida social española que casou coa modelo Naty Abascal e que acabou os seus días cunha sobredose de barbitúricos, na casa familiar[1].
Ignacio Medina casou en 1976, e no pazo de Oca[1], coa deseñadora bilbaína María de las Mercedes Maier, pero Medina conseguiu a nulidade matrimonial aos dous meses. Pero máis importante foi o seu matrimonio posterior, en 1985, con Maria da Glória de Bourbon de Orléans e Bragança, princesa da casa real brasileira e curmá do rei español Xoán Carlos I, pois consolidará con este matrimonio a súa relevancia social e económica.
Como arquitecto e restaurador o seu traballo centrouse na recuperación de edificios históricos da cidade de Sevilla, como a xudaría, e das propiedades familares, entre elas o pazo de Oca. Mais a parte máis importante do seu labor profesional foi o mantemento e xestión da fundación familiar: en 1978 constituíuse a fundación da Casa Ducal de Medinaceli, para xestionar o patrimonio da familia, e en 1980 foi nomeado o seu presidente. Pouco e pouco irán finando os seus irmáns (2001, 2011 e 2012), a súa nai a duquesa (2013) e o seu sobriño e vicepresidente da Fundación Marco de Hohenlohe-Langenburg, en 2016.
Como xestor da Fundación, xestiona gran cantidade de propiedades en España, ademais de diversos predios e edificios en Galicia, como o xa ementado pazo de Oca, ou a Torre de Torés, nas Nogais, cedida ao concello durante 25 anos.
Títulos e partillas
editarCo falecemento da súa nai comeza unha batalla legal polo control dos títulos nobiliarios familiares. Medina argumentaba que a súa nai lle cedera en vida tdos os títulos nobiliarios que non levaban aparellados unha grandeza de España, e así llelo solicitou ao goberno de España en 2015[1]; porén, a súa sobriña neta Victoria Hohenlohe-Langenburg conseguiu que eses títulos pasasen a ela, como neta da filla máis vella da duquesa, incluído o ducado precisamente. Grazas a esta vitoria legal, Victoria Hohenhole-Langenburg é a persoa con máis títulos nobiliarios de España (43)[1]. Os tribunais tamén dirimiron a cales dos netos lles correspondían as lexítimas[2].
Medina mantivo pois o ducado de Segorbe, e mais o condado de Ampurias, que llo pasou á súa filla Sol María Blanca de Medina y Orléans-Bragança, e o condado de Ricla, que llo cedeu á súa filla máis nova, Ana Luna de Medina y Orléans-Bragança. Ademais, en 2003 fíxose co condado de Ribadavia (estilizado Rivadavia), que levaba vacante medio século.
Cargos e honras
editar- Presidente da Fundación Casa Ducal de Medinaceli
- Académico da Real Academia da Historia
- Académico da Real Academia Sevillana de Buenas Letras
- Vicepresidente da Asociación de defensa do patrimonio Save Europe's Heritage.
- Membro do consello do Museo de Belas Artes de San Francisco, da Fundación Mapfre-Estudios, do padroado do Instituto de Estudos Iberoamericanos da Arxentina, do Patrimonio Veneciano, da Real Fundación de Toledo, do consello asesor da Hispanic Society of America, e do corpo da Nobreza do Antigo Reino de Galicia.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Hernández, Nuria (2021-11-22). "Quién es quién en el juicio que enfrenta a las grandes familias de la aristocracia española". Vanity Fair (en castelán). Consultado o 2022-08-16.
- ↑ "Los nietos de la duquesa de Medinaceli ganan la batalla frente a su hijo ocho años después: los detalles". El Español (en castelán). 2021-12-10. Consultado o 2022-08-16.