Hipocondría
O trastorno hipocondríaco, tamén denominado hipocondría[1] , hipocondriase, nosofobia ou neurosis hipocondríaca, é unha enfermidade na cal o paciente mostra unha actitude de preocupación exacerbada pola súa saúde. A orixe do termo provén do hipocondrio, unha rexión anatómica localizada na parte superior do abdome, xusto baixo as costelas e o apéndice xifoides. Segundo a escola médica humoral, a etioloxía deste trastorno estaba orixinada nesa rexión[2].
Hipocondría | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
ICD-10 | F45.2 |
ICD-9 | 300.7 |
MedlinePlus | 001236 |
![]() Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
As persoas hipocondríacas tenden a esaxerar os seus sufrimentos, que poden ser reais ou imaxinarios, crendo que padece unha enfermidade grave. A interpretación catastrófica dos signos corporais máis ínfimos por parte do individuo é o mecanismo que provoca a hipocondría. A hipocondría, pois, é unha resposta ou reacción do individuo perante unha doenza.
Síntomas
editarO principal síntoma da hipocondría está relacionado intimamente coa ansiedade. Trátase da preocupación exacerbada que o individuo ten coa súa saúde. A principal preocupación do individuo é a de padecer unha doenza grave ou incurable. Dita preocupación baséase na interpretación de signos ou síntomas tales coma taquicardia, diarrea ou mesmo feridas ou lunares.
Diagnóstico
editarO diagnóstico de hipocondriasis require diferencialo da personalidade aprehensiva[3]. Ao contrario que nos casos nos que a a preocupación pola enfermidade é un trazo da personalidade, na hipocondriase o malestar e tal que interfire e afecta á vida social, laboral e persoal do individuo. Para diagnosticar a doenza, ademais, cómpre que os síntomas perduren no tempo un mínimo de seis meses desde o inicio dos síntomas.
Segundo o CIE-10, a diagnóstico de trastorno hipocondríaco inclúe[4]:
- Preocupación persistente pola posibilidade de sufrir un ou máis trastornos físicos graves e progresivos.
- Os doentes manifestan queixas somáticas persistentes ou unha preocupación polo seu aspecto físico.
- As sensacións normais son a miúdo interpretadas polo paciente coma anormais, angustiantes, e habitualmente enfoca a atención en só un ou dous órganos ou sistemas corporais,
- Frecuentemente existe depresión e ansiedade marcadas que poden fundamentar diagnósticos adicionais.
Tratamento
editarO tratamento baséase na combinación de fármacos antidepresivos coa psicoterapia cognitivo condutual[5]. De feito, é moi común que psiquiatra e psicólogo traballen xuntos ante esta enfermidade. Os medicamentos reducen o desánimo pero por si sos non son suficientes para eliminar as ideas de enfermidade. Débense tomar conxuntamente co tratamento psicolóxico.
A psicoterapia en si diríxese a paliar a angustia e o medo que senten estas persoas ensinándolles a enfrontar o seu problema. Un punto vital radica en saber diferenciar os síntomas reais dos ficticios. Normalmente úsanse técnicas como a desensibilización, o control do pensamento e a relaxación.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para hipocondría.
- ↑ Marangoni, Alberto (Maio de 2019). "El origen de las palabras: etimología de algunos términos usados en medicina". Revista Argentina de Radiología. 2 (73): 149–152. ISSN 1852-9992.
- ↑ A aprehensión é, segundo a RAG, a actitude de quen desconfía de algo, sen fundamento ou con pouco motivo, por temer algún perigo, sobre todo para a súa saúde.
- ↑ "CIE-10-código F45.2". ICDcode.info. Consultado o 4 de xullo de 2022.
- ↑ Nakao, Mutsuhiro (Outubro de 2021). "Cognitive-behavioral therapy for management of mental health and stress-related disorders: Recent advances in techniques and technologies." (PDF). Biospycosocial Medicine 15. doi:10.1186/s13030-021-00219-w.