Hidroxenosoma
Un hidroxenosoma é un orgánulo limitado por membranas encontrado nas células de protozoos Ciliophora, Trichomonas e fungos. Trátase de organismos anaerobios ou aerotolerantes fermentativos. O orgánulo produce hidróxeno molecular e ATP e permite obter enerxía sen usar o O2. Crese que este orgánulo puido orixinarse a partir das mitocondrias.
Os hidroxenosomas teñen aproximadamente 1 μm de diámetro. Igual que as mitocondrias están limitados por membranas dobres, e a membrana interna presenta algunhas proxeccións de tipo crista. Os hidroxenosomas derivaron das mitocondrias pola perda de características mitocondriais básicas, a máis salientable das cales é a perda do seu xenoma, pero carecen tamén de ciclo de Krebs ou cadea respiratoria. Non se atopan xenomas nos hidroxenosomas do fungo Neocallimastix, nin nos protozoos Trichomonas vaginalis e Trichomonas foetus,[1] aínda que si se atoparon no ciliado Nyctotherus ovalis.[2]
Os hidroxenosomas mellor estudados son os dos parasitos transmitidos sexualmente T. vaginalis e T. foetus e os dos fungos Chytridiomycota do rume de herbívoros, tales como Neocallimastix.
O ciliado Nyctotherus ovalis, encontrado no interior de varias especies de cascuda, ten numerosos hidroxenosomas asociados intimamente con arqueas metanóxenas endosimbióticas que utilizan o hidróxeno producido polos hidroxenosomas. A matriz dos hidroxenosomas de Nyctotherus ovalis contén partículas parecidas a ribosomas e un tipo de ribosoma (de 70 S) da arquea metanóxena endosimbiótica. Isto suxeriu a presenza dun xenoma no orgánulo que foi posteriormente descuberto por Akhmanova e máis tarde secuenciado en parte por Boxma.[2][3]
Os hidroxenosomas foron descubertos a principios da década de 1970 por Lindmark e Müller[5] nos Estados Unidos e por Kulda en Praga.
As reaccións encimaticas dos hidroxenosomas mellor estudadas son as descubertas en traballos con Trichomonas, organismos que oxidan piruvato producindo hidróxeno molecular, acetato, CO2 e ATP pola acción combinada dos encimas piruvato:ferredoxina oxidorredutase, hidroxenase, acetato:succinato CoA transferase e succinato tioquinase. Tamén se localizaron os encimas superóxido dismutase, malato deshidroxenase (descarboxilante), ferredoxina, adenilato quinase e NADH:ferredoxina oxidorredutase.
Notas
editar- ↑ van der Giezen et al, "Mitochondrion-derived organelles in protists and fungi", Int Rev Cytol 2005, 244:175-225.
- ↑ 2,0 2,1 Akhmanova et al, Nature 1998 396:527.
- ↑ Boxma et al, Nature 2005 434:74-79.
- ↑ Müller M, Lindmark DG (1978). "Respiration of hydrogenosomes of Tritrichomonas foetus. II. Effect of CoA on pyruvate oxidation". J. Biol. Chem. 253 (4): 1215–8. PMID 624726.
- ↑ Lindmark D G & Müller M, "Hydrogenosome, a cytoplasmic organelle of the anaerobic flagellate Tritrichomonas foetus, and its role in pyruvate metabolism" J Biol Chem 1973 248:7724−7728.