Gustave de Ponton d'Amécourt
Gustave de Ponton d'Amécourt, nado en París o 16 de agosto de 1825 e finado en Trilport, Illa de Francia, o 20 de xaneiro de 1888, foi un inventor, numismático e arqueólogo francés.
![]() Gustave de Ponton d'Amécourt en (1863) co seu prototipo de helicóptero, fotografado por Nadar. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de agosto de 1825 París, Francia ![]() |
Morte | 20 de xaneiro de 1888 (62 anos) Trilport, Sena e Marne. |
Presidente Société Française de Numismatique | |
1865 – 1888 | |
Alcalde de Trilport | |
1855 – 1876 ![]() | |
Datos persoais | |
Residencia | Francia ![]() |
País de nacionalidade | ![]() |
Q89547790 | Creador dun prototipo de helicóptero. Presidente da Sociedade Francesa de Numismática. |
Actividade | |
Campo de traballo | Enxeñaría, numismática e arqueoloxía. |
Ocupación | enxeñeiro, arqueólogo, numismático ![]() |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Anne-Marie Dumont de Signéville. ![]() |
Premios | |
Cabaleiro da Orde de Cristo. Cabaleiro da Orde de San Gregorio Magno. Cabaleiro da Lexión de Honra. | |
Descrito pola fonte | Brockhaus and Efron Encyclopedic Dictionary. Volume XXIVа, 1898 (en) ![]() Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron ![]() |
Traxectoria
editarPrimeiros anos e formación
editarGustave de Ponton d'Amécourt naceu en París en 1825, fillo de Marie-Elisabeth-Madeleine Collette de Baudicour e do oficial Antoine-Louis-Marie de Ponton d'Amécourt.[1]
Estudou matemáticas, sánscrito, grego e latín, no colexio da rúa Vaugirard, así como numismática e arqueoloxía, o que o levou a ser considerado como un dos eruditos do seu tempo.[1][2]
Numismática
editarInteresouse pola numismática desde moi novo; a súa primeira publicación neste eido foi unha carta a Louis de la Saussaye datada o 27 de decembro de 1852, acerca dunha moeda gala, que apareceu na Revue Numismatique en 1853.[2][3]
Presidiu a Sociedade Histórica e Arqueolóxica de Maine, e tamén pertenceu ao grupo de fundadores da Sociedade Francesa de Numismática, ademais do seu primeiro presidente, desde 1865 ata a súa morte.[2][4][5][6] Tamén pertenceu á Sociedade Real de Numismática de Bélxica, que o 5 de xullo de 1868 o nomeou membro honorario,[7] e da Sociedade de Lingüística de París, desde 1867.[8]
Entre as súas investigacións cómpre salientar varios estudos en profundidade acerca das moedas merovinxias, que foron publicados en diversos volumes. En 1857, comprou o tesouro de Imphy e descubriu un centenar de diñeiros carolinxios, que segue a ser o tesouro monetario máis importante do reinado de Pipino o Breve e de comezos do de Carlomagno.[2][9]
Como coleccionista numismático, Ponton d'Amécourt reuniu unha importante colección de moedas de ouro romanas, e expuxo 645 delas na Exposición Universal de París de 1878.[10] O catálogo da súa venda (1887) contabiliza case un milleiro de exemplares.[2][11] Unha parte destas moedas foi adquirida para o Gabinete de Medallas do Museo de Belas Artes de Lión.[12]
Con todo, o foco principal tanto da súa colección era a moeda merovinxia, cuxo estudo lle serviu como base para varias publicacións, e que puxo ao dispor doutros eruditos da época, como Anatole de Barthélemy ou Etienne Cartier. O seu amplo coñecemento destas emisións levouno a ser invitado pola Royal Numismatic Society para pronunciar unha conferencia en Londres acerca das moedas merovinxias do tesouro de Crondall.[2]
As súas coleccións numismáticas foron postas á venda en diversas ocasións entre 1886 e 1890.[13][14] En 1889, un lote de 1.131 moedas merovinxias da súa colección foi adquirido polo Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia por 180.000 francos aos seus herdeiros.[15][16] O ano anterior, a súa viúva doáralle a esta institución diversos folletos e libros que pertenceran á biblioteca do seu marido.[2]
Aeronáutica
editarGustave de Ponton d'Amécourt creou con éxito un dos primeiros prototipos de helicóptero ao deseñar en 1861, xunto co seu amigo Gabriel de La Landelle, a súa chère hélice ( "querida hélice"), un pequeno enxeño experimental de aeróstato cun rotor contrarrotatorio, dúas hélices aéreas coaxiais e unha máquina de vapor de dous cilindros[17][18] —cuxa caldeira supuxo un dos primeiros usos do aluminio— inspirado en antecedentes como as hélices volantes e os ornitópteros dos manuscritos de Leonardo da Vinci da década de 1480, e tamén na "libélula de bambú" chinesa do século IV, e nos seus primeiros prototipos de estudos de hélices aéreas.[19][20]
El foi o creador da palabra "helicóptero" (hélicoptère, en francés),[1][2][18] a partir do grego antigo έλιξ, έλικος ou helix ("espiral" ou "hélice") e πτερὸν ou pteron ("á"). O termo apareceu por primeira vez o 3 de agosto de 1861 nunha solicitude de patente no Reino Unido, e despois o 16 de abril de 1862, nun certificado de adición á patente 49.077, presentada orixinalmente o 3 de abril de 1861 en Francia, na que só se mencionaba o termo aéronef. Por analoxía coa palabra "navegación", el e Gabriel de La Landelle crearon tamén a palabra "aviación", a partir do latín avis ("paxaro").[21]
O aparello foi fotografado en 1863 polo seu amigo, o fotógrafo Félix Tournachon, máis coñecido como Nadar,[1] un pioneiro da fotografía aérea. Xuntos fundaron a Sociedade de Fomento da Locomoción Aérea con Medios Máis Pesados que o Aire, en París, en 1863, xunto con Gabriel de La Landelle e co seu amigo o novelista Jules Verne, que se inspirou neste invento para crear o seu imaxinario barco voador "Albatros", de 30 m de eslora, con 37 mastros, propulsado por 74 hélices dobres con motores eléctricos mais dous motores eléctricos con hélices dianteiras e traseiras, para a súa novela de ciencia ficción Robur-le-Conquérant ("Robur o conquistador"), de 1886.[2][17]
Ideoloxía
editarGustave de Ponton d'Amécourt foi un conservador e monárquico militante, así como un fervente cristián. Significouse durante a guerra franco-prusiana de 1870 e na loita contra as leis anticongregacionistas. A súa militancia política levouno a ser nomeado alcalde de vila de Trilport, en Sena e Marne, cargo que exerceu entre 1855 e 1876.[2]
Vida persoal
editarGustave de Ponton d'Amécourt casou con Anne-Marie Dumont de Signéville, filla de Victoire Haudos de Possesse e de François Dumont de Signéville.
Finou en Trilport, unha localidade da Illa de Francia próxima a París, o 20 de xaneiro de 1888, aos 62 anos.[6][22] Foi soterrado no cemiterio desa localidade.[2]
Na súa memoria colocouse unha placa conmemorativa na praza principal de Trilport e, en xullo de 2009 inaugurouse nesa vila o Parque Gustave de Ponton d’Amécourt.[23]
Publicacións
editarNumismática
editar- (1862). Monnaies mérovingiennes du palais et de l'école. Rollin et Feuardent, París.
- (1864). Essai sur la numismatique mérovingienne comparée à la géographie de Grégoire de Tours. Rollin et Feuardent, París.
- (1865). Compte-rendu d'une excursion archéologique dans Seine et Marne. Société d'Archéologie, et d'Archéologie, Sciences, Lettres et Arts du département de Seine-et-Marne.
- (1866). Excursion numismatique dans la Bourgogne du VII° siècle et sur les frontières de L'Austrasie. Société française de Numismatique et d'Archéologie.
- (1870). Recherches sur les monnaies mérovingiennes de Touraine. Société française de Numismatique et d'Archéologie.
- (1873). Recherches sur l'origine et filiation des types des prmières monnaies carolingiennes.
- (1874). Description raisonnée des monnaies mérovingiennes de Chalon-sur-Saône. Société française de Numismatique et d'Archéologie.
- (1883). Recherche des monnaies mérovingiennes du Cenomannicum. Fleury & Dangin, Mamers.
- (1883). Monnaies mérovingiennes du Gévaudan (con E. Moré de Préviala). Pillet et Dumoulin, París.
- (1885). Monnaies de l'École palatine.
Aeronáutica
editar- (1863). La Conquête de l’air par l’hélice, exposé d’un nouveau système d’aviation. París.
- (1864). Collection de mémoires sur la locomotion aérienne sans ballons. Gauthier-Villars, París.
Outros
editar- (1875). Vies de saints, traitées au point de vue de la géographie historique. Le Clere, París.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Personnes remarcables: Gustave Vicomte de Ponton d’Amécourt et Nadar". Famille-damecourt.com
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 "Gustave Ponton d’Amécourt Arquivado 12 de xullo de 2023 en Wayback Machine.". Comité d'histoire. Bibliothèque nationale de France.
- ↑ Revue Numismatique. 1853. Páxinas 81-82.
- ↑ "Les présidents de la SFN". Société française de numismatique.
- ↑ Le Rider, G. et al. "La Société française de numismatique : 1865-1965". En Revue Numismatique. 1965. Páxina 24.
- ↑ 6,0 6,1 De Schodt (1888). Páxina 364.
- ↑ De Schodt (1888). Páxina 366.
- ↑ Memoires de la Société de linguistique de Paris. Vol. 10. 1898. Páxina xxiii.
- ↑ Prévost de Longpérier, A. (1858). "Cent deniers de Pépin, de Carloman et de Charlemagne trouvés près d'Imphy en Nivernais". En Revue Numismatique. Tomo III. París. Páxinas 202-262.
- ↑ De Schodt (1888). Páxina 365.
- ↑ Collection de M. le vicomte de Ponton d'Amécourt. Monnaies d'or romaines et byzantines. Rollin et Feuardent, París, 1887
- ↑ Planet, F. (1992). La monnaie - la cité : l'histoire : Le Médaillier. Réunion des musées nationaux. Páxina 30. ISBN 2-7118-2572-8
- ↑ "Prix de vente de la collection de Ponton d'Amécourt". [Extrait de] Revue Numismatique. 2º trimestre de 1887.
- ↑ Collection de feu M. le vicomte de Ponton d'Amécourt. Monnaies Mérovingiennes. Rollin et Feuardent, París, 1890.
- ↑ Revue numismatique. Tomo VII. 1889. Páxina 464.
- ↑ Prou, M. (1890). Inventaire sommaire des monnaies mérovingiennes de la collection d’Amécourt acquises par la Bibliothèque nationale. Rollin et Feuardent, París.
- ↑ 17,0 17,1 "L'helicoptere a vapeur de Ponton d'Amecourt". En Ulyse. Machines a vapeur insolites. Páxinas 38-41.
- ↑ 18,0 18,1 Leroy, T. (2007). "L'hélicoptère : une invention prometteuse au XIXe siècle". En Pour la Science. 1 de maio.
- ↑ "Maquettes d'hélicoptère de Ponton d'Amécourt". Bibliothèque nationale de France.
- ↑ "Maquette d'hélicoptère de Ponton d'Amécourt, avec parachute". Bibliothèque nationale de France.
- ↑ "Néologismes, définitions". En De la Landelle, G. 1863. Aviation ou navigation aérienne. Dentu, París. Páxinas 7-8.
- ↑ Acta de defunción. 1888. Nº 3. Páxina 53. Archives-en-ligne.seine-et-marne.fr
- ↑ "Inauguration du Parc Gustave de Ponton d’Amécourt à Trilport, en Seine et Marne". Yves-damecourt.com. 15 de xullo de 2009
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gustave de Ponton d'Amécourt |
Bibliografía
editar- Bardon, M. (1983). Un précurseur oublié: Gustave de Ponton d'Amécourt. Meaux.
- Caron, E. (1888). "Le Vicomte Gustave de Ponton d’Amécourt". En Annuaire de la Société Française de Numismatique. Páxinas 90-99.
- Duchesne, J. (1864). Exposé de divers systèmes de navigation aérienne et réfutation de l’hélicoptère Nadar, Ponton d’Amécourt et de La Landelle. É. Dentu, París.
- D’Amécourt, Y. (2002). "Gustave de Ponton d'Amécourt. Mon arrière arrière-grand-père... un héros!". En Hélico Revue, 53. Marzo-maio. Páxinas 39-42.
- Prémilly, J. (1884). "Ponton d’Amécourt (Le vicomte Gustave de)… ". En Tablettes biographiques. Outubro.
- De Schodt (1888). "De Ponton d'Amécourt". En Revue Belge de Numismatique. 44º ano. Société Royale de Numismatique. Bruxelas. Páxinas 364-366.
Predecesor: Inexistente |
Presidente da Sociedade Francesa de Numismática 1865-1888 |
Sucesor: Jacques de Rougé |