Grou americano
O grou americano[2] (Antigone canadensis) é unha especie de ave da familia Gruidae de América do Norte e da parte máis ao nordés de Siberia. Frecuentan as ribeiras dos corpos de auga. O centro do val do río Platte en Nebraska é a área máis importante de parada para a subespecie nomeada (A. c. canadensis) na súa migración, con ata 450.000 exemplares que migran por alí anualmente.[3][4]
Grou americano | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Adulto na Florida, EUA | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
![]() Distribución xeográfica do grou americano. Reprodutores Migración Todo o ano Non reprodutores
| |||||||||||||||||
Subspecies | |||||||||||||||||
e ver texto | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
e ver texto |
Taxonomía
editarEn 1750 o naturalista inglés George Edwards incluíu unha ilustración e unha descrición do grou americano no terceiro volme da súa obra A Natural History of Uncommon Birds. Utilizou o nome inglés "The Brown and Ash-colour'd Crane". Edwards baseou o seu gravado coloreado a man nun espécime conservado que James Isham trouxera a Londres desde a baía de Hudson, Canadá.[5] Cando en 1758 o naturalista sueco Carl Linné puxo ao día ao seu Systema Naturae para a súa décima edición, situou o grou americano xunto coas garzas no xénero Ardea. Linné incluíu unha descrición breve, acuñou o nome binomial Ardea canadensis, e citou os traballos de Edwards.[6]
Despois, o grou americano foi inicialmene situado no xénero Grus, pero un estudo de filoxenética molecular publicado en 2010 atopou que o xénero, como se definía entón, era polifilético.[7] No arranxo resultante para crear xéneros monofiléticos, situáronse catro especies, incluíndo o grou americano no xénero resurrecto Antigone, que fora creado orixinalmente polo naturalista alemán Ludwig Reichenbach en 1853.[8][9]
O epíteto específico canadensis é unha palabra neolatina que significa "do Canadá".[10]
Recoñécense cinco subespecies:[8]
- A. c. canadensis (Linnaeus, 1758) – nordés de Siberia ata Alasca e norte do Canadá ata a illa de Baffin.
- A. c. tabida (Peters, JL, 1925) – sur do Canadá e oeste e centro dos Estados Unidos.
- A. c. pratensis (Meyer, FAA, 1794) – Xeorxia e a Florida.
- A. c. pulla (Aldrich, 1972) – Mississippi.
- A. c. nesiotes (Bangs e Zappey, 1905) – Cuba e illa da Juventud (illa de Pinos).
Descrición
editarOs adultos son fundamentalmente de cor cincenta; durante a época reprodutora a súa plumaxe adoita estar máis gastada e manchada, especialmente nas pobaocións migratorias, e parece case ocre.[11] O peso medio dos machos grandes é de 4,57 kg, mentres que o peso medio das femias é de 4,02 kg, oscilando entre os 2,7 e os 6,7 kg entre as distintas subespecies.[12][13] Teñen frontes vermellas, meixelas brancas e bicos longos, escuros e afiados. En voo, as súas longas patas son arrastradas por detrás do corpo, e manteñen os seus longos pescozos rectos.
As aves inmaturas teñen partes superiores avermelladas e inferiores cincentas.[14][15] Os xoves non teñen as características frontes vermellas, o que fai posible distinguir os fillos dos proxenitores, mesmo cando xa teñen a mesma altura.
Os sexos son similares. O tamaño varía segundo a subespecie; a altura media destas aves é de arredor 80 a 136 cm.[16][17] A corda alar adoita ser de 41,8-60 cm, a cola é de 10-26,4 cm, o culme exposto é de 6,9-16 cm de longo, e o tarso mide de 15,5 a 26,6 cm.[18] A envergadura alar é de 200 cm.[19]
Estes grous emiten con frecuencia unha chamada alta trompeteira que lembra a pronunciación na gorxa dun "r" vibrante, e poden oírse a gran distancia. As parellas formadas de grous realizan unha "chamada unísona". Os grous están de pé moi xuntos, e fan unha chamada a dúo sincronizada e complexa. A femia fai dúas chamadas por cada unha que fai o macho.
A grande envergadura alar que teñen, normalmente de 1,65 a 2,30 m, fai que sexan moi habilidosos para voar remontándose, de xeito similar aos falcóns e aguias.[17] Usan as correnter térmicas para ascender e poden permanecer no aire por moitas horas, necesitando só algún ocasional aleteo, e deste xeito gastan pouca enerxía. As bandadas migratorias conteñen centos de aves e poden crear un perfil claramente visible das columnas de aire ascendentes (térmicas), normalmente invisibles, que utilizan.
Estes grous voan cara ao sur para pasaren o inverno. Nas súas áreas de invernada poden formar bandadas duns 10.000 individuos. Un lugar onde isto acontece é no Refuxio Nacional de Vida Silvestre de Bosque del Apache, a 160 km ao sur de Albuquerque, Novo México. Alí celébrase o Festival do Grou Americano en novembro.
-
En voo na Unidade Llano Seco do Complexo do Refuxio Nacional de Vida Silvestre de Sacramento, California, EUA.
-
Un inmaturo camiñando pola beira do lago Cecile preto de Kissimmee, Florida.
-
En voo no Refuxio Nacional de Vida Salvaxe de Sacramento.
-
Dous grous americanos nunha gasolineira preto de Cabo Canaveral, Florida.
Rexistro fósil
editarOs grous americanos teñen unha das historias fósiles máis longas de todas as aves existentes.[20] Considérase que un fósil de 10 millóns de anos de antigüidade de Nebrasca pertence a esta especie,[21] pero podería ser un parente prehistórico ou devanceiro do grou americano actual e non pertencer ao xénero Grus. O grou americano máis antigo indiscutible é de hai 2,5 millóns de anos,[22] o que significa que é un 50 % máis vello que os restos máis antigos da maioría das outras aves vivas, que principalmente se atopan despois do límite Plioceno/Plistoceno hai uns 1,8 millóns de anos. Como estes grous antigos variaban moito en tamaño respecto dos actuais, estes fósiles do Plioceno son descritos ás veces como especies novas.[23] Grus haydeni pode ser un parente prehistórico.[24][25]
Subespecies e evolución
editarSantuario de Aves Migratorias de George C. Reifel, Ladner, Columbia Británica.
Os grous americanos varían considerablemente en tamaño (moita da variación é clinal) e en hábitos migratorios. Unha femia de A. c. canadensis como media pesa 3,46 kg, mide 94 cm de longo, e ten unha lonxitude alar de 1,6 m. Un macho de A. c. tabida pesa como media 5 kg, ten unha lonxitude de 119 cm, e unha envergadura alar de 2,12 m. As subespecies do sur (xunto con A. c. rowani) son intermedias, cumprindo aproximadamente a regra de Bergmann.
Tres subespecies son residentes: A. c. pulla da costa do Golfo de México dos Estados Unidos, A. c. pratensis da Florida e Xeorxia, e A. c. nesiotes de Cuba.[26] As poboacións do norte existen tamén como restos fragmentados nos lindantes Estados Unidos e unha gran poboación continua vai desde o Canadá a Berinxia. Estas migran ao suroeste dos Estados Unidos e a México. Estes grous poden aparecer como aves vagantes raras na China, Corea do Sur e o Xapón e son vagantes moi raros en Europa occidental.
En tempos recentes as subespecies que se recoñecen son seis:
- A. c. canadensis, a máis pequena
- A. c. nesiotes – de Cuba, ESA: en perigo
- A. c. pratensis, da Florida
- A. c. pulla – do Mississippi, ESA: en perigo
- A. c. rowani, candense
- A. c. tabida, a máis grande
A. c. pratensis da Florida foi listada como especie "facilmente confundida" para facilitar o intento de reintrodución de Grus americana na Florida. O intento fracasou, mais seguiu na lista. A lista actual de subespecies en perigo inclúe só dous taxons: A. c. nesiotes e A. c. pulla, mentres que A. c. pratensis xa non está na lista.[27] O grou americano aparece en pasteiros, pradarías abertas e zonas húmidas de auga doce na Florida peninsular desde os Everglades ao pantano de Okefenokee.[28]
Algunhas autoridades xa non recoñecen A. c. rowani como subespecie distinta pola súa insignificante variación xenética e mínima diferenciación morfolóxica con A, c. tabida. As outras poden ser algo máis doadamente distinguibles se se collen polas medidas e detalles de plumaxe, á parte das diferenzas de tamaño xa mencionadas. Unha identificación inequívoca adoita necesitar de información local, o cal é a miúdo imposible en aves migrantes.
Análises de datos de haplotipos de ADNmt de rexión control mostran que hai dúas grandes liñaxes. A poboación migratoria do Ártico e subártico inclúe as A. c. candensis. A outra liñaxe pode dividirse nun grupo migratorio e algúns grupos indistintos que poden corresponderse coa subespecie residente. A. c. canadensis e A. c. tabida son bastante distintas, e a súa diverxencia data de hai 2,3–1,2 millóns de anos, nalgún momento durante o Plioceno tardío ou Plistoceno temperán. As glaciacións parece que fragmentaron unha poboación fundadora de A. c. canadensis, porque durante cada idade de xeo importante, a súa actual área de reprodución quedou conxelada todo o ano. Aínda así, o grou americano está amplamente documentado polos restos de fósiles e subfósiles ata a era moderna.[25] O estudo xenético concluíu que posiblemente xa poderían considerarse especies distintas, por un lado a G. canadensis (ou A. canadensis) monotípica e por outro a G. pratensis (ou A. pratensis), que incluiría as outras poboacións.[26]
As escasas diferenzas entre as poboacións do sur do Canadña e do oeste dos Estados Unidos parecen ser o resultado da deriva xenética, debido á recente diminución da poboación e á fragmentación da súa área de distribución. Ata inicios do século XX as aves migratorias do sur ocupaban unha área moito máis grande e continua. Deste xeito, a subespecie A. c. rowani podería perfectamente abandonarse.[26]
As dúas poboacións residentes no sur dos Estados Unidos son algo máis diferentes. A poboación cubana (A. c. nesiotes) foi pouco estudada comparativamente, mais parece que se estableceu na illa desde hai longo tempo. Estas e as A. c. tabida migratorias poden formar un grupo de liñaxes que diverxeron moito máis tarde desde unha área do sur dos Estados Unidos e talvez o norte de México, onde eran residentes. A poboación migratoria do sur representaría despois unha reexpansióon tardía, na que (re-)evolucionaron os seus hábitos migratorios independentemente das aves de máis ao norte, as poboacións xeograficamente separadas espalláronse rapidamente cando dispuxeron de máis hábitat a medida que terminaba o último período glacial.[26]
Comportamento
editarOs grous americanos son aves bastante sociais que adoitan vivir en parellas ou grupos familiares todo o ano. Durante a migración e o inverno, os grous non relacionados xúntanse para formar "grupos de supervivencia" que buscan alimento e pousan xuntos. Tales grupos a miúdo congréganse nos sitios de migración e invernada, ás veces en número de milleiros.
Alimentación
editarOs grous americanos son principalmene herbívoros, pero comen varios tipos de alimentos dependendo da súa dispoñibilidade. Con frecuencia aliméntanse baixando o bico ao chan para procurar sementes e outros alimentos, nas zonas húmidas pouco profundas con vexetación ou varios hábitats de terras altas. De boa gana comen alimentos cultivados como millo, trigo, sementes de algodón e sorgo. Os restos de millo non colleitados son útiles para os grous que preparan a migración, proporcionándolles nutrientes para a súa longa viaxe.[29] Nas razas do norte, a dieta é máis variada, especialmente a das aves reprodutoras. Aliméntanse de bagas, pequenos mamíferos, insectos, caracois, réptiles e anfibios.[12]
Reprodución
editarO grou americano cría unha rolada de polos ao ano. Nas poboacións non migratorias, a posta de ovos empeza entre decembo e agosto. En poboacións migratorias, a posta adoita comezar en abril ou maio. Ambos os membros da parella reprodutora colaboran na construción do niño usando material vexetal da área que os rodea. Os sitios de nidificación son normalmente marismas, pantanos ou gavias, aínda que ocasionalmente fano en terra seca. As femias poñen dun a tres (usualmente dous) ovos ovais de cor marrón apagada con manchas avermelladas. Ambos os proxenitores incuban o ovos durante uns 30 días. Os polos son precoces; fan eclosión cubertos de penuxe, cos ollos abertos e con capacidade de abandonaren o niño nun día. Os proxenitores abrigan os polos nas tres semanas posteriores á eclosión, aliméntanos intensamente durante unhas poucas semanas, despois gradualmente fano con menos frecuencia ata que se fan independentes aos 9 ou 10 meses de idade.[12]
Os polos permanecen cos seus pais un ou dous meses antes que estes fagan a seguinte posta de ovos no ano seguinte, permanecendo con eles por 10 ou 12 meses. Despois de deixaren os seus pais, os polos forman bandadas nómades con outros xoves e non reprodutores. Fican nestas bandadas ata que forman parellas reprodutoras cando teñen entre dous e sete anos de idade.[12]
Predadores
editarComo especies moi visibles que viven no chan que son, os grous americanos están en risco de ser vítimas dalgúns predadores. Os córvidos, as gaivotas, skúas, aves de presa e mamíferos como os raposos, coiotes e mapaches aliméntanse de grous xoves e ovos.[30] En Oregón e California, os predadores máis perigosos para os polos son coiotes, corvos, mapaches, visóns americanos e bufos americanos, aproximadamene en orde descendente.[31][32] Os grous de todas as idades poden ser vítimas de especies norteamericanas de aguias, linces, e posiblemente aligátores.[33][34][35] Ademais, hai un informe de que incluso un falcón peregrino moito mais pequeno conseguiu matar un grou americano adulto de 3,1 kg.[30][36] En Novo México os humanos cázanos cun permiso que se sortea ao final do outono. Hai un total de 17 estados que permiten cazar grous americanos.
Os grous americanos deféndense e defenden os seus polos dos predadores aéreos choutando e pateando. Os adultos que se están reproducindo activamente é máis probable que reaccionen agresivamente aos predadores potenciais para defenderen os polos que as aves de invernada, as cales na maior parte dos casos o normal é que intenten evadirse dos ataques a pé ou en voo.[37] Para os predadores terrestres, como os cans, raposos e coiotes, avanzan ante eles, a miúdo asubiando, coas ás abertas e bicos afiados. Se o predador persiste, o grou intenta pinchalo co bico e darlle patadas.[38] Mesmo poden matar a predadores ao atravesarlle o cranio co seu agudo bico, incluíndo coiotes.[12]
-
Unha enorme bandada no Refuxio Nacional de Vida Salvaxe do Bosque del Apache, Novo México.
-
Pesando unha cría de A. c. pulla na White Oak Conservation.
-
Unha persoa alimentando un grou americano.
Status e conservación
editarAmérica do Norte continental
editarNa década de 1930 os grous americanos estaban en xeral erradicados do leste do río Mississippi, pero as súas poboacións recuperáronse desde entón, chegando a un número estimado de 98.000 individuos na rexión en 2018, cun incremento substancial sobre o ano anterior.[39] Aínda que non son considerados unha especie ameazada en conxunto, as tres subespecies do sur son bastante escasas. As poboacións residentes, aves non migratorias, non poden atopar hábitats para a reprodución suficientemente seguros. Moitas subpoboacións foron destruídas pola caza ou o cambio de hábitats. A. c. tabida inicialmente foi a que sufriu máis; en 1940, probablemente quedaban menos de 1.000 exemplares. Desde entón as poboacións incrementáronse moito de novo. Con case 100.000 exemplares, aínda son menos que a A. c. canadensis, que ten uns 400.000 individuos en todo o continente, e é a subespecies existente con maior éxito.[26][40]
Algunhas poboacións migratorias de grous americanos enfróntanse a ameazas para as súas poboacións debido á competición interespecífica co ganso das neves.[41] Desde a década de 1990, o ganso das neves está comendo os restos de millo non recollidos das colleitas do que dependían tamén os grous antes da migración.[29] As poboacións de grou americano están tamén ameazadas pola caza. Cazar grous é legal nos estados da vía migratoria central, desde as Dakotas e Wyoming cara ao sur ata Oklahoma e Texas. Nebrasca é o único estado da vía migratoria central, onde cazar grous é ilegal.[42] Malia as perdas por causa da caza, a competición interespecies e outras presións como a perda de hábitat, a especie conseguiu ampliar a súa área de distribución. Desde inicios da década de 2000, o grou americano ampliou cara ao norte tanto a súa área de inverno (non reprodutora) coma a de reprodución, incluíndo o norte do estado de Nova York.[43][44] No século XXI, partes do mediooeste dos Estados Unidos experimentaron unha ampla recuperación da especie.[45]
O traslado de aves silvestres e a introdución de aves criadas en catividade en áreas axeitadas con baixa poboación foron consideradas técnicas de xestión viables.[46]
A subespecie A. c. pulla perdeu a maioría da súa área de distribución; adoitaba vivir pola maior parte do norte da costa do Golfo de México, e o seu rango foi nun tempo case parapátrico co da subespecie veciña do leste. En 2013 había só unhas 25 parellas reprodutoras nunha poboación baixo intensa xestión. O Refuxio Nacional de Vida Silvestre do grou americano do Mississippi —creado en 1975 cando había menos de 35 exemplares— aplicou o maior programa de liberación para grous do mundo, e o 90 % dos grous foran criados en catividade.[47] O segundo ovo viable dun niño con dous ovos era en ocasións retirado do niño, empezando en 1965, para que a cría saída do ovo pasase a formar parte dunha bandada en catividade. Esta bandada reprodutora está dividida entre o Centro de Supervivencia de Especies do Instituto Audubon e o White Oak Conservation en Yulee, Florida. Estes grous produciron descendencia usada para as liberacións anuais no refuxio.[48]
Un grou A. c. pulla foi a primeira ave que fixo eclosión dun ovo fertilizado con esperma que foi desconxelado do seu estado crioxénico. Isto ocorreu no Instituto Audubon, como parte do seu plan de recuperación de especies en perigo aplicado a esta subespecie.
En xaneiro de 2019, 25 dun total de 30.000 grous (tanto da subespecie A. c. tabida coma da A. c. candensis) atopáronse invernando na Whitewater Draw State Wildlife Area preto de McNeal no sueste de Arizona.
Os grous americanos foron probados como posibles pais adoptivos para Grus americana en programas de reintrodución. O intento fracasou cando os G. americana adquiriron impronta polos seus pais adoptivos, e posteriormente non recoñecían a outros G. americana como conespecíficos, e trataban sen éxito de emparellarse coa súa especie adoptiva.
-
A. c. pratensis da Florida, Bosque Nacional Ocala
-
Grou americano no Parque Estatal Jonathan Dickinson, Florida
-
Na Columbia Británica, Canadá
Cuba
editarA subespecie cubana A. c. nesiotes non é tan escasa como se pensaba antes e, aínda que segue estando ameazada, a súa poboación está a aumentar.[49] Baseándose en información moi limitada, ata a década de 1990 pensábase normalmente que a poboación constaba dunhas 300 aves.[40] Inspeccións detalladas feitas desde 1994 a 2002 deron estimacións duns 525 individuos,[50] mentres que as realizadas desde 2004 a 2015 estimaban que a poboación era xa de máis de 550. Posteriores revisións situaron a poboación de A. c. nesiotes arredor dos 700 individuos en 2017.[49] Habitan en pradarías secas ou estacionalmente asolagadas e sabanas, así como nas zonas húmidas próximas, e as restantes poboacións están divididas en dez localizacións (anteriormente aparecían en dúas localizacións adicionais) situadas en seis provincias cubanas.[50] Baseándose nas inspeccións feitas desde 1994 a 2002, seis das dez localidades coñecidas albergaban cada una menos de 25 exemplares; nas últimas catro moraban máis de 70. As dúas máis grandes, unha no pantano Zapata (c. 120 grous) e outra na Illa da Juventud (c. 170 grous), están incrementándose, mentres que a maioría das outras subpoboacións parecen ser estables, pero algunhas probablemente son demasiado pequenas para asegurar unha supervivencia a longo prazo e posiblemente están decrecendo.[50] Posteriores inspeccións indicaron que polo menos as catro subpoboacións máis grandes son agora maiores do que eran no período 1994–2002.[49]
As principais ameazas que sofren estes grous americanos cubanos son a perda de hábitat debido á plantación de árbores, espallamento dos arbustos, expansión da agricultura e lumes, predación por mamíferos non nativos (cans, mangostas e porcos ferais[51]), e a caza furtiva. A fragmentación da poboación é tamén un problema, xa que todas as localizacións que quedan están separadas por distancias que son máis grandes que as maiores distancias que os grous non migratorios normalmente percorren.[50]
Aves vagantes
editarOs grous americanos nalgunhas ocasións chegan a Europa como aves vagantes. Por exemplo, o primeiro rexistro británico foi na illa de Fair en abril de 1981,[52] e o segundo en Shetland en 1991.[53] Están incluídas na lista das aves ibéricas. Pequenos grupos enxergáronse tamén no leste da China[54] e Taiwán.[55] En 2022, informouse de avistamentos regulares en Nova Brunswick, na costa atlántica do Canadá.[56] As aparicións do mítico home avelaíña (Mothman), unha criatura humanoide que algúns afirmaron ver na área de Point Pleasant, Virxinia Occidental desde novembro de 1966 a decembro de 1967 pénsase que se deberon a avistamentos do que en realidade eran grous americanos fóra da época de migración.[57][58]
Na cultura popular
editarEn 2023 a "A. c. pulla" foi representada nun selo "permanente" [59] do Servizo Postal dos Estados Unidos como parte da colección de especies ameazadas, baseado nunha fotografía de Photo Ark de Joel Sartore.[60]
Notas
editar- ↑ BirdLife International (2021). "Antigone canadensis": e.T22692078A188597759. doi:10.2305/IUCN.UK.2021-3.RLTS.T22692078A188597759.en.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ "Lesser Sandhill Crane". kachemakbaybirders.org. 1 de abril de 2018. Consultado o 28 de maio de 2022.
- ↑ "Sandhill Cranes". birdtrail.outdoornebraska.gov. Consultado o 18 de abril de 2023.
- ↑ Edwards, George (1750). A Natural History of Uncommon Birds. Part III. Londres: Impreso polo autor no College of Physicians. p. 133, Plate 133.
- ↑ Linnaeus, Carl (1758). Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en latín) 1 (10ª ed.). Holmiae (Estocolmo): Laurentii Salvii. p. 141.
- ↑ Krajewski, C.; Sipiorski, J.T.; Anderson, F.E. (2010). "Mitochondrial genome sequences and the phylogeny of cranes (Gruiformes: Gruidae)". Auk 127 (2): 440–452. doi:10.1525/auk.2009.09045.
- ↑ 8,0 8,1 Gill, Frank; Donsker, David; Rasmussen, Pamela, eds. (xullo de 2021). "Finfoots, flufftails, rails, trumpeters, cranes, Limpkin". IOC World Bird List Version 11.2. International Ornithologists' Union. Consultado o 14 de outubro de 2021.
- ↑ Reichenbach, Ludwig (1853). Handbuch der speciellen Ornithologie 1. Leipzig: Friedrich Hofmeister. p. xxiii.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 87. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ "Sandhill Crane". iNaturalist (en inglés). Consultado o 2024-04-25.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Gerber, B. D., J. F. Dwyer, S. A. Nesbitt, R. C. Drewien, C. D. Littlefield, T. C. Tacha, and P. A. Vohs (2020). Sandhill Crane (Antigone canadensis), version 1.0. In Birds of the World (A. F. Poole, Editor). Cornell Lab of Ornithology, Ithaca, NY, USA. https://doi.org/10.2173/bow.sancra.01
- ↑ CRC Handbook of Avian Body Masses, John B. Dunning Jr. (ed.). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5.
- ↑ Sandhill Crane. Allaboutbirds.org. Consultado o 2012-12-30.
- ↑ Sandhill Crane Arquivado 19 de xullo de 2011 en Wayback Machine.. Seattleaudubon.org. Consultado o 30-12-2012.
- ↑ Sandhill Crane Arquivado 13 de outubro de 2012 en Wayback Machine., International Crane Foundation
- ↑ 17,0 17,1 Dunn, J.L. & Alderfer, J., editors. Field Guide to the Birds of North America. National Geographic, Washington, D.C.
- ↑ Johnsgard, Paul A. (1983). Cranes of the World: Sandhill Crane (Grus canadensis). University of Nebraska-Lincoln
- ↑ "Sandhill Crane Identification, All About Birds, Cornell Lab of Ornithology". allaboutbirds.org (en inglés). Consultado o 2020-09-30.
- ↑ Quantic, Diane Dufva; Hafen, P. Jane (2003): A Great Plains Reader. University of Nebraska Press. ISBN 0-8032-3802-9 p. 84
- ↑ The Nature Conservancy: Sandhill Crane Arquivado 17 de novembro de 2010 en Wayback Machine.. Consultado o 16 de xaneiro de 2008.
- ↑ Volz, Becky Lauren (2003): The Biogeography of the Sandhill Crane (Grus canadensis) Arquivado 18 de xaneiro de 2008 en Wikiwix. Version of 2003-DEC-31.
- ↑ Miller, Loye H. (1944). "Some Pliocene birds from Oregon and Idaho" (PDF). Condor 46 (1): 25–32. JSTOR 1364248. doi:10.2307/1364248.
- ↑ Miller, Alden H.; Sibley, Charles Gald (1942). "A New Species of Crane from the Pliocene of California" (PDF). Condor 44 (3): 126–127. JSTOR 1364260. doi:10.2307/1364260.
- ↑ 25,0 25,1 Brodkorb, Pierce (1967). "Catalogue of Fossil Birds: Part 3 (Ralliformes, Ichthyornithiformes, Charadriiformes)". Bulletin of the Florida State Museum 11 (3): 99–220.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 Rhymer, Judith M.; Fain, Matthew G.; Austin, Jane E.; Johnson, Douglas H.; Krajewski, Carey (2001). "Mitochondrial phylogeography, subspecific taxonomy, and conservation genetics of sandhill cranes (Grus canadensis; Aves: Gruidae)" (PDF). Conservation Genetics 2 (3): 203–218. doi:10.1023/A:1012203532300. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de febreiro de 2012. Consultado o 9 de decembro de 2018.
- ↑ Species Report. fws.gov
- ↑ "Sandhill Cranes". Florida Fish And Wildlife Conservation Commission (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 4 de abril de 2019. Consultado o 2019-06-14.
- ↑ 29,0 29,1 Johnsgard PA. (2011) Sandhill and Whooping Cranes: Ancient Voices over America's Wetlands, University of Nebraska Press: Lincoln, ISBN 0803234961.
- ↑ 30,0 30,1 Walkinshaw, L. H. 1949. The Sandhill Cranes. Cranbrook Inst. Sci. Bull. 29. Bloomfield Hills, MI.
- ↑ Littlefield, C. D., & Lindstedt, S. M. (1992). Survival of juvenile greater sandhill cranes at Malheur National Wildlife Refuge, Oregon.
- ↑ Littlefield, C. D. (1995). "Sandhill crane nesting habitat, egg predators, and predator history on Malheur National Wildlife Refuge, Oregon". Northwestern Naturalist, 137–143.
- ↑ Caven, Andrew J., et al. "First description of a Bald Eagle (Haliaeetus leucocephalus) actively depredating an adult Sandhill Crane (Antigone canadensis)." Western North American Naturalist 78.2 (2018): 216–220.
- ↑ Ellis, David H., et al. "Golden eagle predation on experimental sandhill and whooping cranes." The Condor 101.3 (1999): 664–666.
- ↑ Bennett, Alan J., and Laurel A. Bennett. "Survival rates and mortality factors of Florida sandhill cranes in Georgia." North American Bird Bander 15 (1990): 85–88.
- ↑ Walkinshaw, L. H. 1973. Cranes of the world. Winchester Press, Nova York.
- ↑ Drewien, R. C. (1973). Ecology of Rocky Mountain greater sandhill cranes.
- ↑ Harris, M. (2000). "Grus canadensis". Animal Diversity Web. Animaldiversity.org.
- ↑ Schoenberg, Nara. "'The sandhills are coming!': Big, bugling cranes are returning to local skies, sparking spring fever in winter-weary Chicagoans". Chicago Tribune. Consultado o 2020-03-10.
- ↑ 40,0 40,1 Archibald, George W. & Meine, Curt (1996): 7. Sandhill Crane. In: Del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew & Sargatal, Jordi (eds.): Handbook of Birds of the World (Volume 3: Hoatzin to Auks): 85, plate 5. Lynx Edicions, Barcelona. ISBN 84-87334-20-2
- ↑ Pearse AT; Krapu GL; Brandt DA; Kinzel PJ (2010). "Changes in Agriculture and Abundance of Snow Geese Affect Carrying Capacity of Sandhill Cranes in Nebraska". Journal of Wildlife Management 74 (3): 479–488. Bibcode:2010JWMan..74..479P. doi:10.2193/2008-539.
- ↑ "Status and harvests of Sandhill Cranes" (PDF). U.S. Fish & Wildlife Service (en inglés). Consultado o 2019-09-02.
- ↑ "113th CBC New York Regional Summary". National Audubon Society. 9 de xaneiro de 2015. Consultado o 2017-02-22.
- ↑ "Sandhill Cranes Successfully Nest in the Adirondacks". Tupper Lake. 3 de setembro de 2016. Consultado o 2017-02-22.
- ↑ O'Connell, Patrick M. "Sandhill cranes bounce back from brink as migration over Illinois to peak next week". chicagotribune.com (en inglés). Consultado o 2017-11-21.
- ↑ Stys, B. (1994): Ecology and habitat protection needs of Florida sandhill cranes on areas proposed for land conversion activities. Florida Game and Fresh Water Fish Commission. Nongame Wildlife Program Technical Report No. 14. Tallahassee, FL.
- ↑ "Mississippi Sandhill Crane". Consultado o 21 de xuño de 2013.
- ↑ "Crane Population Management". Mississippi Sandhill Crane National Wildlife Refuge. Consultado o 21 de xuño de 2013.
- ↑ 49,0 49,1 49,2 Caven, A.J. (28 de febreiro de 2023). "An Updated Minimum Estimate of the Global Sandhill Crane Population". Platte River Natural Resource Reports Forthcoming (International Crane Foundation). doi:10.2139/ssrn.4373522.
- ↑ 50,0 50,1 50,2 50,3 Gálvez-Aguilera, X.; Chavez-Ramirez, C. (2010). "Distribution, Abundance, and Status of Cuban Sandhill Cranes (Grus canadensis nesiotes)". Wilson Journal of Ornithology 122 (3): 556–562. doi:10.1676/09-174.1.
- ↑ Definición de feral no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Riddiford, Nick (1983). "Sandhill Crane: new to Britain". British Birds 76 (3): 105–109.
- ↑ Ellis, Pete (1991). "The Sandhill Crane in Shetland". Birding World 4 (9): 322–323.
- ↑ "Sandhill cranes seen in E China's Jiangsu". Xinhuanet. 12 de febreiro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2014. Consultado o 2013-05-18.
- ↑ "沙丘鶴迷航台灣 轟動鳥界". 人間福報. 2020-02-06. Consultado o 2021-08-18.
- ↑ "'Wow, what is that huge bird?' Sandhill crane spotted on Tantramar Marsh". CBC News. Consultado o 2022-04-25.
- ↑ "Monster Bird With Red Eyes May Be Crane". Gettysburg Times. Associated Press. 1 de decembro de 1966. Consultado o 21 de agosto de 2011.
- ↑ Palma, Bethania (25 de novembro de 2016). "Mothman About Town". Snopes.com. Snopes. Consultado o 18 de xaneiro de 2017.
- ↑ Os selos permanentes ou válidos para sempre denominados "Forever stamps" véndense ao prezo do correo de primeira clase do momento da venda e permanecen válidos para enviar este tipo de correo a pesar de que posteriormente se incrementen as taxas de correos. Por exemplo, un Forever stamp vendido en abril de 2007 por 41 céntimos é aínda válido para enviar unha carta (sen selos adicionais), a pesar dos varios aumentos de prezo que houbo desde entón.
- ↑ "Postal Service Spotlights Endangered Species". United States Postal Service. 19 de abril de 2023. Consultado o 11 de maio de 2023.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Meine, Curt D. & Archibald, George W. (eds.) (1996). "Sandhill Crane (Grus canadensis)". In: The cranes: Status survey and conservation action plan. IUCN, Gland, Switzerland, and Cambridge, U.K.
Ligazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Grou americano |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Grou americano |
- International Crane Foundation's Sandhill Crane page
- Arquivo sonoro da "chamada unísona" dos gous en savingcranes.org
- Son do grou americano No Museo de Historia Natural da Florida
- Grou americano – Cornell Lab of Ornithology
- Sandhill Crane – Grus canadensis – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter
- The Nature Conservancy's Species Profile: Sandhill Crane
- National Audubon Society, Santuario de Rowe, Nebrasca
- Migración do grou americano no río Platte de Nebrasca – Información de sitios de observación, mapas, fotos e vídeos
- Alamosa/Monte Vista/Baca National Wildlife Refuge Complex Arquivado 11 de xuño de 2013 en Wayback Machine.
- Mississippi Sandhill Crane National Wildlife Refuge
- Vídeos, fotos, e sons de Sandhill crane na Internet Bird Collection
- Migracións do grou americano reveladas por satélites Arquivado 2 de xuño de 2019 en Wayback Machine. Documental producido por Oregon Field Guide
- Reprodución e bioloxía do grou americano en Alasca en christyyuncker.com
- Galería de fotos de Sandhill crane en VIREO (Universidade de Drexel)
- Música de las Grullas: Una historia natural de las grullas de América (2014) de Paul Johnsgard, Enrique Weir e Karine Gil-Weir