Gaspard Monge
Gaspard Monge, conde de Péluse [gaspaʁ mɔ̃ʒ], nado en Beaune o 9 de maio de 1746[1] e finado en París o 28 de xullo de 1818 foi un matemático francés, pai da xeometría descritiva.[2][3]
Traxectoria
editarMonge naceu en Beaune,[1] fillo de Jacques Monge, un vendedor ambulante que posteriormente se converteu en presidente do Colexio de Avogados da irmandade de mercerías de Beaune, e de Jeanne Rousseaux. Estudou nas escolas de Beaune e Lión e na escola militar de Mézières. Aos 16 anos foi nomeado profesor de física en Lión, cargo que exerceu até 1765. Tres anos máis tarde foi profesor de matemáticas e en 1771 profesor de física en Mézières. Entrou na Academia Real de Ciencias en 1780 e publicou oito anos máis tarde o seu Traité de statistique.
Sendo xa un dos máis importantes científicos do seu país, a Revolución Francesa, que apoiou decididamente desde o seu inicio en 1789, cambiou por completo o curso da súa vida. Membro primeiro da Sociedade Patriótica, integrouse despois cos xacobinos, onde coñeceu a Robespierre e a Saint-Just entre outros revolucionarios notorios. Foi elixido vicepresidente na véspera do 9 de termidor (27 de xullo de 1794).
En 1792 foi nomeado con outras cinco persoas (Danton entre elas) membro do Executivo Provisional do Consello. Nomeado Ministro de Mariña (de agosto de 1792 até abril de 1793) pola Convención, pedíuselle reorganizar os arsenais e potenciar as fábricas de canóns. Contribuíu a fundar a École Polytechnique en 1794, na que deu clases de xeometría descritiva durante máis de dez anos, e en 1795 entrou no instituto de Francia. Mentres buscaba obras de arte durante a campaña de Italia coñeceu a Napoleón, quen lle encargou xunto con Claude Louis Berthollet que levase ao Directorio a ratificación do Tratado de Campo Formio.
O 6 de febreiro de 1798 saíu de París cara a Roma, coa orde de entrevistarse co Papa Pío VI en nome da República Francesa, cominándolle a renunciar á súa autoridade temporal, conservando unicamente a súa autoridade espiritual. Sabendo que a proposta era irrealizable, ordenou ao pontífice abandonar Roma en dous días: Pío VI saíu da cidade durante a noite do 19 ao 20 de febreiro de 1798. Despois dos abusos do xeneral André Masséna e do seu despedimento o 2 de marzo dese ano, Monge nomeou os cargos da nova República Romana fóra das finanzas.
Monge foi convidado a participar na expedición a Exipto, pero alegou que xa tiña unha idade moi avanzada para participar nesta empresa. Con todo, Napoleón logrou persuadilo e cambiou de opinión. Converteuse nun dos confidentes do xeneral en Exipto, sendo nomeado primeiro presidente do Instituto de Exipto. Ademais, preparou un traballo sobre os espellismos durante a súa estadía en oriente.
Regresou a Francia con Napoleón o 23 de agosto de 1799, ano en que publicou a súa famosa obra Geometrie descriptive. Foi nomeado membro do Senado, director da Escola Politécnica (1802) e conde de Pelusio. A caída de Napoleón fixo que o excluísen do Instituto e da escola Politécnica.
Dende 1777 estivo casado con Marie-Catherine Huart (1747-1846), coa que tivo tres fillas. Morreu en París o 28 de xullo de 1818 e foi enterrado no cemiterio do Père-Lachaise. En 1989, as súas cinzas foron trasladadas ao Panteón de París.
A xeometría descritiva
editarMonge é considerado o creador da xeometría descritiva, sistema que permite representar superficies tridimensionais de obxectos sobre unha superficie bidimensional. Existen diferentes sistemas de representación que serven a este fin, como a perspectiva cónica, o sistema de planos acoutados etc. pero quizais o máis importante é o sistema diédrico, tamén coñecido como sistema Monge, que foi desenvolvido por Monge na súa primeira publicación no ano 1799.
Obra
editar- Traité élémentaire de statique. París 8. A., 1848
- Géométrie descriptive. París 7. A., 1847
- Application de l'analyse à la géométrie. París 5. A., 1850
- Application de l'algèbre à la géométrie. 1805
Recoñecementos
editar- Grand-croix de l'ordre de la Réunion.
- Grande Oficial da Lexión de Honra.[4]
- Cabaleiro da Orde da Coroa de Ferro.[5]
- A súa localidade natal, Beaune, dedicoulle unha estatua en 1849.
- É un dos 72 científicos cuxo nome figura inscrito na Torre Eiffel.
- O cráter lunar Monge recibiu o seu nome en 1935.
- Desde o 4 de novembro de 1992, a Mariña Francesa opera o buque MRIS FS Monge, nomeado así na súa honra.
- O asteroide 28766 Monge, descuberto por Paul G. Comba en 2000 tamén leva o seu nome.
Galería
editar-
Escudo de armas
-
Gaspard Monge, no Museo François Rude de Dijon
-
Gaspard Monge (1842), no Museo da Historia de Francia (Versalles)
-
Mausoleo de Gaspar Monge no Cemiterio do Père-Lachaise
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Archives Départementales de la Côte d'or Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. registre paroissial de Beaune 1745-1746, FRAD021_057_MI05R027, vue 174/281.
- ↑ Villeta Moillenaux 1995, p. 16.
- ↑ Bores Gamundi 1998, p. 414.
- ↑ Base Léonore|C/0/66.
- ↑ Annuaire historique et biographique des souverains, des chefs et membres des maisons princières, des autres maisons nobles, et des anciennes familles, et principalement des hommes d'État, des membres des chambres législatives, du clergé, des hommes de guerre, des magistrats et des hommes de science de toutes les nations (en francés).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gaspard Monge |
Bibliografía
editar- Villeta Moillenaux, Jesús (1995). Dibujo de Ingeniería Y Geometría Descriptiva (en castelán). Santo Domingo, República Dominicana: Instituto Tecnológico de Santo Domingo.
- Bores Gamundi, Fernando (1998). Actas del Segundo Congreso Nacional de Historia de la Construcción (en castelán). Madrid. ISBN 84-89977-44-5.
Ligazóns externas
editar- Laboratorio virtual para o estudo do sistema diédrico, por José Antonio Cuadrado Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en castelán)
- Gaspard Monge, páxina na súa honra.
- Imaxe do busto de Gaspard Monge, por François Rude no Louvre Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- Darstellende Geometrie, Volltext der deutschen Ausgabe von 1900
- Biografía (en francés)
- Biografía de Gaspard Monge. Web da Torre EiffelArquivado 01 de febreiro de 2016 en Wayback Machine.
- Compilación detallada en Centro Alexandre Koyré con traballos sobre Monge de René Taton, Élie Cartan, Pierre Sergescu, Gaston Bachelard e George Sarton